PLÁCIDO LIZANCOS
Hai poucos días do seu pasamento. Honralo honra tamén ós galegos. Miguel é o gran prototipo de castelán: seco, anguloso, enxoito, terroso, gran cazador de caza menor, nacido en Valladolid, feliz no seu entorno, con raíces profundas na terra castelá, na alma castelá, na lingua castelá. Que marabilla as súas Vellas historias de Castela a Vella! E a espléndida narración contida nos dezasete capítulos de Castela, onde o home que regresa á súa vila tras corenta e tantos anos de ausencia vaise decatando de que "ser dunha vila é un don de Deus, e ser de cidade un pouco como non ter orixe (?)... e que o niño da cegoña, e os chopos, e o regueiro, e o souto eran sempre os mesmos...."
A morte da súa muller fíxoo cambiar profundamente. Supuxo para Delibes un golpe tremendo do que non chegou a se repoñer de todo. Ánxeles era o seu mundo, a súa vida, o seu equilibrio, como escribira na dedicatoria do Diario dun emigrante.
Non quería Delibes cando o entrevistaban que se falase da súa traxedia persoal, do enorme baleiro que sentía pola perda da súa espola: "Son cousas moi privadas, moi íntimas, que non hai porque contar á xente".
Ninguén sabía que se presentara ó Premio Nadal, agás Ánxeles.
Sentira unha primeira vocación pola medicina, dicía que o seu pai lle debía, entre tantas cousas, verdadeira gratitude por ter orientado a súa vida cara ó campo, de cómo lle gustaban as novelas de Zane Grey e James Oliver Curwood; de que saíra a cazar con seu pai desde moi rapaz: "a caza é unha paixón que se mama"
Falaba dos seus libros e dos demais, do seu pesimismo, do mal que se atopa nas cidades.
No que dicía estaba o retrato de Delibes e en certo modo reflictábase unha profunda radiografía da súa personalidade humana e literaria, con todos os seus compoñentes, que ían desde o seu medo á morte ata o seu amor pola natureza, desde a súa toma de posición onda ós humildes ata a súa nostalxia e inclinación pola infancia, desde a súa predilección pola vida rural e provinciana sobre a das grandes urbes, ó horror que lle suscitan os incesantes estudos sobre a súa obra. E o respecto con que atende a linguaxe auténtica das xentes, que recolle e conserva como un acta da época; a súa preocupación pola xustiza social... E así tantas cousas, tantas claves, que acompañadas dos seus xestos, os seus silencios, as súas breves pausas antes de algunhas respostas, a súa mirada, e algunhas breves incursións á ironía e ó humor que se permitiu (contra todo o que vinte e catro horas puidera esperarse) configuraron a espléndida silueta dun dos nosos máis extraordinarios escritores, equidistante de Cela e de Goytisolo, indiferente ás intrigas literarias de Madrid.
Fóisenos Delibes coa idea obsesiva e prematura que o acompañou toda a vida da morte. Di el "desde a miña infancia máis remota, estaba xa instalada a idea da morte en min. Non sei por que sería esta amargura precoz". "Supoño, continuaba, que será unha herdanza neurótica como tantas outras cousas". E así se nos foi paseniñamente Don Miguel.