Seguro que a maioría de vostedes xa a viu. Esoutra obra mestra de Frank Capra retitulada eiquí Cabaleiro sen espada (Mr. Smith Goes To Washington, 1939). Xa saben, esa na que James Stewart é, coma sempre, un home bo, sinxelo, íntegro e idealista que, por mor dun erro maiúsculo, o daquiles que pretenden convertelo nun parvo útil, deixa a súa vila e vai a Washington coma senador. Mais, en chegando alí, Jefferson Smith descobre, amargamente desilusionado, en qué consiste a política: nunha farsa dirixida polos magnates das finanzas, coma Jim Taylor, e representada polos lacaios distes, coma Tom Paine. Todo Deus vendeu a súa alma ó Diaño, e a democracia non é máis ca un espellismo creado e mantido polos poderosos/corruptos que teñen o pobo por unha manda de burráns ós que se pode enganar, explotar, mercar, manipular, chantaxear ou, no peor dos casos, conceder un chisco de benestar: non vaia ser que, coma Jefferson Smith, se decaten da falcatrúa e decidan acabar cos monicrequeiros…

Istes días nos que ando comprometido cun proxecto, coido que nobre, loable, de reactivación da esquerda na Galiza, no que, distintos e moi variados grupos e individuos antifascistas e anticapitalistas tentamos deixar a un lado as nosas diferenzas ideolóxicas e sumar esforzos pra derrubarmos entre todos o muro da calella sen saída á que nos conduciu iste sistema absurdo, lembro moito a Capra. Lembro a Capra na Nada. Lembreime dil cando lin que El Mundo de P. J. Ramírez (un dos nosos maiores Taylor) publicou unha enquisa consonte a cal Raxoi gañaría as eleccións estatais por maioría absoluta, cun 45, 6 dos votos. E escribín no meu blog: "Após o Caso Gürtel e toda a ringleira de argalladas bipartitas semellantes, se esa enquisa é fiable (cousa que, por un lado, dubido, mais, por outro, non me estrañaría ren) daquela... Unha de dúas: quer a maioría dos españois apoia a corrupción xeneralizada na política, quer a maioría dos españois é rematadamente parva, e, xa que logo, a democracia é a ditadura dos parvos e non a dos sabios, como pretendían os gregos."

Lembrei a Capra cando volvín ver a Camps e cía. proclamando a súa inocencia e xurando, asemade, que dentro da Gran Falcatrúa, a súa imputación non é máis ca outra montada polos outros falcatrueiros.

Lembrei a Capra cando fitei a Raxoi, Cospedal e o bispo de marras no balcón do Concello de Toledo santificando o Corpus Christi, esa festa paramilitar na que, consonte iles, "se funden a nosa cultura e as nosas honorables tradicións" (!)

Lembrei a Capra cando lin que o fiscal rebaixara a pena dos implicados na trama urbanística de Gondomar, que, abofé, tampouco esta vez irán ó cárcere. E lembrei a H., unha muller de Monte Alto que medrou na miseria, que leva choiando dende os catorce anos por catro cans, que sostén a súa familia fregando os chans dos demais, e un fillo da cal, drogadicto, deu un día o mal paso de roubarlle o bolso a unha señora, esvarón polo cal houbo chuchar tres anos de gaiola. A súa mai, unha muller pobre, sen influencias, e o seu pai, un home enfermo e en paro ó que se negan a concederlle a xubilación anticipada, non puideron libralo da condena, malia estar o rapaz enfermo de sida. Un exemplo máis da xustiza imperante.

Moito lembro, si, a ise ditoso, xenial renarte nistes días escuros, cando a Humanidade semella abocada a devir inhumana nun planeta arrasado pola tolemia humana… Capra, coma Stewart, era, asemade, un home lúcido e inxenuo. Por unha banda, criticaba acedamente o sistema democrático, mais, por outra, sempre acababa reafirmando a vixencia dos principios democráticos cos que se fundou a Gran Nación Estadounidense. Sempre. En tódalas súas películas. En todas agás nunha: Vive como che pete (You Can´t Take It With You, 1938). Esa, xa saben, na que a marabillosa familia Sycamore, convive en marabillosa harmonía nunha marabillosa casa na que reina, stricto sensu, a marabillosa Anarquía. Ata que Alice (Jean Arthur), a filla, se namora de Tony Kirby (James Stewart), fillo, á súa vez, dun xerifalte ladrón (Edward Arnold, o mesmo actor que, un ano despois, faría de Jim Taylor en Mr. Smith Goes To Washington), o cal, xaora, fará todo o posible por destruír esa panda de revolucionarios. Mais non só non o consegue, senón que il mesmo, consciente ó fin da inutilidade da súa cobiza e da súa profunda infelicidade, terminará uníndose ós felices anarquistas pra consagrarse á súa única, verdadeira arela: tocar a harmónica!