Todo se ergueu sobre o sangue. E este sangue vertido a cachón polos bárbaros que asolaron Galiza, que cobriron de dor e de vergoña os seus prados floridos, as marxes dos seus ríos e o fondo do mar; este sangue xeneroso e fecundo é o lagar de amor e de odio onde se amasa unha raza nova. Campesinos, obreiros, intelectuais, homes e mulleres de todas as tendencias que atopastes a morte a mans da barbarie desenfreada, que caístes baixo o agallope do cabalo de Atila, ceibo e desbocado na Galiza martirizada: agardade, na vosa gran paz e no voso gran silencio. A vosa dor será vingada; o voso tormento non será estéril. Os vosos fillos viverán nun mundo máis libre e máis feliz, de acordo coa arela das vosas almas e digno do sacrificio cruento das vosas existencias.

Estas palabras, terríbeis e proféticas, pertencen ao colofón do álbum Atila en Galicia, que Castelao compón en Valencia e asina en xullo de 1937, con este envío: Moitas veces os mártires crean mundos que os herois nin tansiquera son capaces de concebir. E na miña Terra complirase a vontade dos mártires. Sabía ben o noso compatriota que a súa patria, á que, desde un ano antes, el xa non puidera retornar fisicamente, sabía ben que ela estaba a padecer unha das modalidades piores dunha guerra como a civil española: a da falta de exército leal, a desamparada de calquer institución legal, a que deixou o campo libre a falanxistas, represores, vingadores e indesexábeis de toda caste? É Castelao o primeiro cronista -crónica en tempo real e testemuño artístico insuperábel- do terror padecido na nosa terra e, para maior escarnio, ocultado ou desconsiderado na historiografía oficial española.

Por todo isto, a Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, cumprindo aquela manda de Castelao, quer manter viva a recordación de non menos de seiscentas persoas de toda a comarca (A Coruña, Arteixo, Culleredo, Oleiros, Cambre, Sada, Bergondo, Betanzos, Abegondo e Carral) asasinadas após o golpe militar. E esta recordación conleva moito máis do que un monumento inaugurado no Campo da Rata, como varias institucións viron e apoiaron, mais como non ve, ao que parece, o alcalde da Coruña. É meritísimo o traballo desta Comisión, pois está a colaborar, de forma decisiva, a que se abra paso a verdade histórica, a que colocará a Galiza no lugar que lle corresponde, a que cure anacronismos e rotinas históricas inxustificábeis (que xa Castelao se adiantaba a denunciar no seu Sempre en Galiza). Non se trata, en absoluto, dunha listaxe cerrada, pois o inventario, datación e contextualización de todas as vítimas segue a deitar a cada paso máis mortos, castigados ou damnificados de millenta maneiras. Tal martiroloxio é, tamén, o correlato das votacións habidas en febreiro de 1936, que deron a vitoria ás candidaturas do Frente Popular, e mais da multitudinaria resposta positiva ao plebiscito do Estatuto Galego, celebrado no 28 de xuño do fatídico ano.

Non é, por tanto, non debe ser, a reivindicación da memoria histórica galega un ritual ou unha efeméride entre tantas. É moito máis: é a construción, con materiais veraces, da nosa identidade, nun momento histórico crucial, e con toda a coraxe necesaria para defenderen, estes nosos compatriotas, unha legalidade republicana e unha lexitimidade galega. Non deixemos morrer os nosos mortos, sentenciaba, coa súa lucidez proverbial, Eduardo Blanco Amor. Autoridades varias: non enterren por segunda vez os mortos de morte matada hai máis de setenta anos.