Unha amiga que tiven hai tempo e que recuperei en facebook, viuse acosada nesa rede social por terse sumado a un dos grupos que manifestan o seu desapego da deriva do combinado futbolístico español denominado La Roja (en concreto, creo que o titulado "La Roja me la trae floja"). A miña amiga argumentou na súa defensa que por un lado, o fútbol traíaa ao pairo, e por outro, a profusión de bandeiras rojigualdas lembrábanlle o tempo no que era unha rapaciña e na que había uns energúmenos que esgrimían os mesmos colores e agredían a canto viandante portase determinados sinais que consideraban símbolos de desafección, como pelo demasiado longo, barbas a monte ou camisetas do Che Guevara. A min paréceme que abonda como argumento a liberdade de ideoloxías ou crenzas que rexe nesta parte do mundo abonda como argumento, e ter recordar que esa liberdade inclúe as preferencias deportivas é ata vergoñento, pero hai unha chea de razóns para non terse que desculpar por non entusiasmarse con la Roja.

En primeiro lugar, cabaleiros acosadores (desculpen se lles chamo cabaleiros, pero é que non os coñezo moi ben, como dixo Groucho Marx) non é obrigatorio sentirse español. Non o contempla mesmo nin a vixente Constitución, redactada co alento militar nos pescozos dos pais da patria. E o de "se non estás a gusto, vaite" que lle espetaron á miña amiga é un exercicio desa limpeza étnica que eses que espetan denuncian que queren impoñer no País Vasco, sen ir máis lonxe (e que ademais sexa polo fútbol afonda na estupidez dos espetadores). Ser español, ou galego, ou de Aranga, non un mérito para sentirse orgulloso de entrada, porque é unha circunstancia casual (ninguén escolle onde nace, quitado en todo caso os de Bilbao), como é ser alto, baixo, louro ou moreno. Entendo que haxa xente que non teña outros motivos de orgullo que asumir os éxitos duns rapazotes que parecen boa xente, con tanta intensidade como a que usarían para denigralos se fracasaran, pero poden usar ese orgullo (ou ese odio) para uso propio, sen ter que convertelo nunha jihad contra os que non comparten a mesma fe.

Tampouco entendo que en ámbitos nos que se critica ao Barça ou ao Athletic de Bilbao (especialmente ao primeiro e ao seu expresidente) polas súas connotacións políticas se aproveite agora á selección española, cando lle vai ben (e soamente cando lle vai ben) como remedio diso que un sociólogo ocioso chamou "anorexia patriótica". Aterra escoitar a un popular radiopredicador metido a telepredicador dicir que, grazas aos méritos dun equipo de fútbol "nuestros hijos ya no tienen por qué tener ese complejo de inferioridad deportiva que tuvimos nosotros" porque máis complexo deberiamos ter de que, cando nacemos el e eu, neste país as mulleres necesitasen autorización marital para sacar o pasaporte ou abrir unha conta bancaria. E a min tamén me acomplexa compartir profesión con el e co seu compañeiro que sentenciou que "Puyol se escribe con g de corage" (cando nin Puyol nin coraje se escriben con g). O propio fútbol é contraexemplo de que o sentimento por uns colores non se adquire co DNI, porque hai coruñeses e vigueses que non son do Depor ou Celta, e mesmo van contra o equipo da súa cidade cando xoga co equipo dos seus amores.

E aínda sentíndose español e futboleiro, unha razón para alegrarse, pero non para entusiasmarse por narices é non solidarizarse con certas actitudes. Desde as autoridades demagóxicas que non teñen para pagar aos proveedores pero si para instalar pantallas xigantes, pasando polos que teñen escusa para esparramar e rematando polos que aproveitan para airear a bandeira coa mesma galiña que utilizaban aqueles aporreadores de hai anos (por certo, a bandeira republicana tamén é española, e non se ven). E sobre todo, porque, como dicía un cabaleiro completamente español como Enrique Jardiel Poncela, "a dictadura é o sistema no que o que non está prohibido é obrigatorio".