ARTURO LEZCANO
Atrascendencia do fallo sobre a independencia de Kosovo por parte do Tribunal Internacional de Xustiza da ONU -decano deste tipo de tribunais- vén dada pola súa enorme autoridade moral.
Non é vinculante, mais sempre deu pulo ás reivindicacións máis diversas e controvertidas.
Ler pode se ler como conveña. Non obstante a declaración do alto tribunal é inequívoca: "O Dereito Internacional xeral non contempla prohibicións sobre as declaracións de independencia e, xa que logo, a declaración do 17 de febreiro de 2008 non viola o Dereito Internacional xeral". Por moito que se subliñe a situación que precedeu á secesión kosovar.
A cegueira do Estado conduciu a que España sexa un dos países que non recoñece a Kosovo, un dos únicos cinco da UE e dentro do grupo recalcitrante de China, Rusia e a India. A sentencia, coidamos, lexitima sobretodo o separatismo pola forza cando ten de se opor ao terrorismo de Estado: os serbios provocaron a morte de 10.000 persoas nunha represión feroz.
Os xuíces non se pronuncian expresamente respecto do dereito á secesión dunha parte de calquera territorio, porén ao recoñecer que con tal proceder non se viola o Dereito Internacional, lexitiman a independencia a través de medios legais. É dicir implicitamente, a autodeterminación coas súas posíbeis consecuencias. Resumindo: sempre que se sancione con métodos democráticos, eventualmente non habería nada ilegal mesmo nas independencias. Agás a súa obtención mediante o uso da forza, excepto se constitúe un acto de lexítima defensa contra os Estados agresores, como o perpetrado por Serbia en Kosovo. A forma de Estado axeitada no caso de España, ao noso entender -como temos defendido repetidamente-, é a federal, pois o devir histórico, anque se tratar dunha historia torta, non é reversíbel; un federalismo, naturalmente, auténtico, no que todas as nacións, rexións e semellantes sexan a orixe dun poder central por elas outorgado, coa oficialidade igualitaria das catro linguas.
Tal proceso ha requerir, por suposto, unha fonda reforma da Constitución, Outra proposta sempre reo de anatema.Os fundamentalistas anacrónicos farían ben en comprender dunha vez que a alternativa ao independentismo radical reside precisamente no Estado Federal. Mais como plantexar nin sequera un debate semellante nun país no que a simple discusión da necesidade dunha verdadeira e libre unión -non da retórica unidade indisoluble- é tachada de criminal separatismo?