Mudan os horarios das xornadas de traballo, "únicas", "partidas" e "libertarias". O aparato dixestivo, entoleirado, rompe coa rutina. Resultamos un híbrido: por unha banda europeizámonos e pola outra seguimos no "vaiche boa". Hoxe, a hora do xantar se non se converte nun tenteempé pra axiña voltar ó tallo, resulta unha pantagruélica trindade de xantarmerendacea, entre o robótico ritual de tanto sánwich e bote de maquina. Iso si, aínda a histórica, mítica e tradicional sesta segue a petar nas conciencias, xa a levamos prendida nos xenes celtibéricos. Dime como comes e direiche como eres: obreiros de andamio, mariñeiros, uns e outros de fiambreira; labradores de sacha, broa e touciño, funcionarios, comerciantes, viaxantes, vendemotos, xubilados, estudantes, nugalláns... senón de mesa e mantel, de bocadillo, pan de molde i plástico...

Son as catro e tantas da tarde e seguimos nas rutinas hispánicas, persoais e transferibles. Cada vez máis debilitadas e globalizadas, para converternos en máquinas uniformes. Si non estás no tallo, podes estar no café, ou na casa, no sofá, comandado pola modorra que prende diante dun programa de televisión, escatolóxico e zafo: a medio paso entre a terra e o ceo... pero soa e volta a soar o soniquete taladrador de calquera dos teléfonos... colles e sae unha voz moza que pronuncia teu nome propio con esbarradizas "ssss ...." ".....le llama la operadora de....a fin de informarlessss sobre lassss nuevassss campañasss....y ofrecerlessss.....". Entras entón nun mundo terreal que te pon aproba: respóstase e cálase o que se cavila respecto a toda a familia da operaria. Voltas ó sofá, namentres o programa de televisión segue agora con anuncios de teléfonos móbiles. E divino sono de sesta volta a pegar. Pero o teléfono fixo solta outra chamada e outra... coa esixencia de collelo. O corazón da un pulo e devólvenos... alá imos novamente coa inxenuidade posta, cavilando que pode ser o familiar ou o amigo, a palabra pendente, que para iso está o teléfono. Esta vez unha voz electrónica segue e segue coa súa prédica de plástico... colgas sen máis, tragas para ti as frases tópicas da xente do común. E volta ó sofá. No programa de televisión entregan un premio a quen mandou unha mensaxe. Xa non damos collido o sono, os biorritmos mandan e diríxennos a outras obrigas nas rutinas do día. E nesas, entón sona o ding-dong do timbre da porta... abrimos: é unha parella que pide... Entrégaslle calquera discurso. E xa te vas directamente ó lavabo, como a limparse de tanta íntima tortura na hora desta sesta. A vida vaise entre idas e vidas, aguilloada por teimudos soniquetes electrónicos. Ás dezasete trinta, a segunda parte da xornada partida, seguirán soando os timbres tras unha mesa ou un mostrador.

Hai outra alternativa tradicional, rotundamente oposta á de Morfeo, a do estimulante café, lendo os periódicos, na tertulia, xogando ó dominó ou ó parchís, entre a algarabía das cafeterías. Antes era así. Mais non todo se reduce a cara e cruz, hai outras alternativas: enchufarse os cascos á música, á lectura dos clásicos e dos contemporáneos, escribir sobre o mesmo aburrimento, internet, un paseo, os museos, o baile, o deporte, o ta chi,o i-ching e outras coñas chinas, facer a manicura, a pedicura, irse de perruquería... ou ise Dolce far niente de pastorear nubes, chuvia, os monstros que debuxan os manchóns da pintura das paredes do cuarto.. .Contribuímos a ampliar o catálogo da apoloxía do ocio.

O corpo demanda a intimidade, e xa se ofrece no mercadeo: xa se ven nos aeroportos, nas estacións, en rincullos dos multicentros terapias antiestrés, os sofás ós que te enchufas para sumar horas de sono ate limpar as ideas e non saber en que terra e tempo estás.

Bendita sexa a arqueolóxica sesta, eses minutos que se van axiña i equilibran as tensións para evadir cortacircuitos no corazón ou no cerebro, ate furar e perderse no sono, nos soños do negro pozo do subconsciente. Privilexio que os sabios aconsellan: o coruñés e historiador don Ramón Menendez Pidal que viviu 99 anos, non deixou pasar día sen botar unha cabezadiña, para logo escribir, dar paseos aínda que fora polo corredor da súa casa, organizando cavilares. As maiúsculas sestas, nas que con frío ou calor se deixaba pasar a longa noite de pedra nacionalcatolicisma, ás que se refería Cela, "de pixama, orinal y padrenuestro" e moito máis: pecho na porta, persiana ben baixada, sabanas, cobertor e almofada derriba das orellas. As pecaminosas sestas de parella que tanto contribuíron á poboación. Fórmula para descargar as enerxías negativas e reconvertelas en positivas. "En la siesta y en el juego se conoce al caballero", di o refrán castelán.