Recibín, hai uns días, unha fraternal visita. Este vello amigo levaba ca parentela máis de dous meses fóra, disfrutando de tempo máis quente. Chegou cun ferrado de saúde e con novos ánimos. Entre outros temas, a conversa derivou cara os nomes das árbores leñosas en Galiza: así foron saíndo alciprés ou alcipreste, ameneiro, amieiro ou abeneiro (aliso), bidueiro (abedul), buxo, cerdeira, carballo, castiñeiro, chopo ou chopeiro (especie de álamo), faia, freixo.

Aclaramos dúbidas e os seus homónimos en castelán, recordamos remedios curativos, calidades das madeiras, condición sagrada, totémica polos devanceiros primitivos da nosa sociedade, e mesmo algúns árbores venenosos: os teixos que serviron para inmolarse colectivamente no monte Medulio antes de caer asasinados ou esclavos dos romanos. A fazaña dos galaicos recollida por Tito Livio é unha das xestas máis heroicas, gloriosas e memorables da historia de Galiza, na defensa da súa independencia e da liberdade. Despois de case 22 séculos, para vergonza de tódolos galegos, o esquezo do Medulio perdura. E rematamos a mostra das árbores con outro pequeno feixe: loureiro, nogueira, piñeiro, salgueiro, sabugueiro ou bieiteiro (saúco), sobreira (alcornoque), e tantos outros.

E ao final, o amigo interesouse pola miña colaboración descontinua nestas páxinas; e quedei de reanudala ca seguinte narración: Méndez Ferrín, nunha das súas colaboracións semanais No Fondo dos Espellos, citaba na Caixa Postal, "A Billarda"; despois de "tantas neuronas queimadas" tomamos un piscolabis ben regado mentres seguíamos por TV unha eliminatoria dun gran equipo español de fútbol en Europa. Este enredo infantil e de maiores, do que existe amplia información bibliográfica, estivo a punto de desaparecer. Xogouse en case todas as bisbarras rurais da patria galega, proba dos abondosos sinónimos. A verba billarda, seguindo a Corominas e a Ferrín, derívase do francés billard. A estornela é o segundo termo máis coñecido e espallado, pode vir, dacordo co presidente da Real Academia galega, do verbo pouco usado "estornar", "lanzar adiante", que quizáis teña que ver co paxaro veloz que chamamos estornino (chirlomirlo) que pode vivir en cautividade e aprende a cantar e a pronunciar palabras. Tamén se coñece a billarda e os nomes de bigarda, bilarda, billa, lipe, lipilape, pincha e outros. Do xogo da billarda dixo o escritor e médico lucense Jesús Rodríguez López que era moi apropiado para a saúde dos nenos, pois aumenta a forza do brazo que ten o pau na man; dá axilidade ao corpo; desenvolve a facultade de calcular distancias a olio. E ademais resulta un xogo enriquecedor polos moitos vocablos que lle son propios (non esquenzamos que a lingua propia de Galiza é un dos idiomas máis ricos do mundo en sustantivos e adxetivos pola cantidade de verbas para expresar unha mesma cousa ou idea).

Para xogar á billarda son necesarias dúas pezas: o palán (un pau duns 50 cm. de longo), e a billarda (un pedazo de madeira redondo de uns 15/20 cm, aguzado nos seus sous extremos). A billarda pódese xogar entre dous, que é o máis corrente, ou entre catro, divididos en dúas parellas. Os xogadores fixan o número de tantos a facer e se marca o suco ou medida facendo no chan un risco do tamaño do palán. Despois colócase a estornela ou billarda no suco; pícase nun dos seus extremos dándolle co palán, e ao saltar, dáselle no aire un forte golpe co mesmo palán para que vaia o máis lonxe posible. Se antes de chegar ao só (terra) logra collela o xogador que a espera, para lanzala contra o palán posto no suco, pasa el a sustituir ao rival. Sigue disputándose o xogo dacordo cas normas antigas, que variaron duns lugares a outros.

Cando termina o xogo, logo de chegar ao número acordado o ganador pon a billarda no suco e o que perdeu ten que levar a cabaleiro ao seu rival ata onde chegara a estornela, e retornar ao suco co ganador ao lombo. Un bon exemplo a seguir pola súa enxebreza é o que se recolle na obra cumbre de Eladio Rodríguez López.

A recuperación do xogo da billarda é imparable nos últimos anos non só en Galiza senón tamén noutros lugares do mundo. Hai noticias da súa existencia xa no século XIII na obra de Alfonso X o Sabio e tamén no libro de Apolonio (anónimo).