Eu levei nunha ocasión a un tipo ao cárcere. Ben, levar levouno unha sentencia xudicial, eu acompañeino nun taxi ao cárcere para contar os seus últimos momentos en liberdade. O taxi avariouse a medio camiño e o rapaz estaba todo ansioso por non chegar tarde á cita coa trena. Acordeime del ao ler as informacións do movemento de solidariedade arredor de Benigno Moure, o cura empresario da asistencia á terceira idade, para evitar -para que siga evitando, máis ben- que cumpra unha sentencia de cinco. Claro que o rapaz, un exionqui, o que fixera, antes de rehabilitarse, casarse e ter unha filla, fora roubar unha botella de whisky, e con el non se solidarizaron máis que algúns veciños de Noia, a súa localidade natal. E Benigno Moure é un benefactor/emprendedor, o que fixo foi estafar a unha señora que tiña alzheimer e 600.000 euros que pasaron á conta da Fundación que preside Moure, e a el apóiano as forzas vivas de Ourense, incluídas a Confederación de Empresarios e a asociación de talleres de reparación.

A min paréceme moi ben que haxa quen se solidarice cun condenado a prisión. Sempre que os seguidores da máxima de Concepción Arenal ("odia el delito y compadece al delincuente") manteñan a coherencia, independentemente de quen sexa o reo. Non cuestiono a firmeza ética dos propietarios de talleres de reparación de vehículos da provincia de Ourense, nin tampouco a de José Luis Baltar, o inspirador intelectual do movemento solidario co cura Moure (entre outras cousas porque case todo o que se move en Ourense, quitados os desprazamentos a Samil, móvese co seu permiso). É natural que o presidente da Deputación de Ourense confíe no carácter compasivo da xustiza cando saíu xudicialmente indemne mesmo cando confesou delitos electorais (terlle cambiado os votos a dous veciños de Nogueira nas autonómicas de 2009) como cando lle atribuíu, nun mitin da mesma campaña, condutas penais a outro (maltrato de xénero a Anxo Quintana) sen máis probas que o "din por aí". Pero o que me parece cuestionable é a neglixencia da propia xustiza. O benefactor leva tempo, sen axuda de concentracións solidarias de ningún tipo, zafando da cumprir condena, en base a un ditame médico que aseguraba que estaba practicamente impedido, pese a manter unha saúde aparentemente envexable, sen consecuencias nin para el nin par o instituto médico que errou tan garrafalmente o diagnóstico. Este caso e moitos outro evidencian que a xustiza, como dicía Ghandi, é igual que as cobras: soamente morden aos que van descalzos.

É asombroso como, pese á que está caendo, na clase política seguen comportándose como os papas do Renacemento. Mentres desaloxan a vellos e/ou enfermos que non poden facer fronte á hipotecas, hai quen fai experimentos con gaseosa como a candidatura de Madrid ás Olimpíadas de 2020. Como o impulsor, o alcalde Gallardón, preside unha institución cunha débeda de 7.000 millóns de euros, supoño que a candidatura (coñecida nas redes sociais como Tengo una cabezonada) tenta que o resto dos contribuíntes españois axudemos a sacar as contas madrileñas do burato, ou facerlle un favor ás construtoras que se encargarían das infraestruturas que se precisarían. Serían postos de traballo, será o previsible argumento. Debeu ser o mesmo en Grecia cando organizaron as Olimpíadas de 2004 que contribuíron a arruinalos. Como dicían os vellos, a culpa non é deles, senón de quen lles fai caso.