Moitas cidades nacen e teñen vocación de estación. Queremos dicir de concentración, de dar entrada e saída, de axudar a mover as relacións, a vida. E unhas urbes compiten coas outras e mátanse entre elas por ter e non ter. Sen entender as prioridades que están na circulación e nos puntos de encontro, os que, pola contra, acostumamos abafar con caprichos urbanísticos innecesarios.

Os románticos gabaron e entenderon o futuro do tren, entre eles o poeta Curros, coa Chegada a Ourense da primeira locomotora: "...Que a máquina é o Cristo/ dos tempos modernos", escribía. Tamén os impresionistas franceses, como Claude Monet no lenzo Estación de Saint Lazare, ou Vapor e velocidade do inglés Turner... entre moitos outros que viviron e se inspiraron no Orient Express, o Shangai ou aquelas locomotoras, xigantes de ferro que marcaron vidas: a espera, o partir, o renxer, o vapor, o asubío, farois, gardagullas... as mantecadas de Astorga, as leiteiras e a cesta coa galiña, bota de viño e friameira... os túneles interminables e o fume de carbón con aquel cheiro espeso, a choco, faísca a deixar rimmel achinando ós ollos. Arrogantes locomotoras dos avós, automotores dos pais, AVE de hoxe... os camiños de ferro seguen a marcar o porvir.

Entre esas rivalidades herdadas da Celtiberia prolífica en torres, catedrais e prazas de touros, de non entender cada urbe sen portos, aeroportos, estadios, palacios de congresos e outras carcasas, alcaldes e corporacións preocúpanse agora polo carácter icónico das súas novas estacións do AVE. As cidades estíranse anormais, desmadradas e unhas iniciativas solapan ás inmediatas e todo ó conxunto. Desplanificación coa conseguinte crise campante sobre o mapa comarcal. O primeiro é a organización integral e integradora do territorio, entender o urbanismo como prioridade: espazo de convivencia , vertebrar, equilibrar contemporaneidade, tradición, historia, identidade, distinción.... Urbanismo é planificar, repartir as veas e os órganos vitais do corpo da cidade, executar o transporte colectivo dende o corazón da cidade, cos barrios e coas urbes inmediatas. E velaí o metro lixeiro, as lanzadeiras como aspiración social, fronte ó individualismo de acorazarse nun automóbil e invadir en procesión as estradas, as rúas, as beirarrúas, ocupar e facer de toda campa un aparcadoiro de chatarras multicores.Vella experiencia na Europa progresista, a que sempre apostou polo ferrocarril e as vías rápidas, dando e recibindo, complementando. Isto sería o que máis compre nesta Galiza de beiramar e de interior, en relación coa meseta, co resto de Europa e os horizontes marítimos. Soamente as mentes encapuchadas en orelleiras e obsoletas se pechaban en bixuterías para adornar as súas carencias, na realización de caprichos infantís de tranvías turísticos ¿?, de xoguete e faroladas esmaltadas, de pirulis de caramelo, burbullas elevadoras e guardías de corpos disfrazados de paxes medievais, policía montada do Canadá en Harley Davidsón...futuro imperfecto de cómic e crise. Cando haxa perspectiva histórica e menos ataduras, xa falaremos, lamentaremos o tempo perdido, o dispendio e analizaremos mellor as causas da debacle.

Ourense, Vigo, A Coruña e Santiago están agora na fase de execución das súas novas estacións de AVE, coa conseguinte convocatoria de grandes arquitectos-enxeñeiros de por acolá e por aquí. Presentes algunhas firmas expertas neso do tráfico integral, que é fácil dicilo, pero logo quen sufre as consecuencias son os que circulan arrastrando presas, nervios e maletas e incluso os que teñen a responsabilidade de conducir pesados medios de transporte de ultimísima xeración. Arquitectos de renome, experimentados neste tipo de encargos, copian, adaptan e pegan para acudir á chamada. Ó concurso da nova estación de Ourense presentáronse os equipos de Alejandro Zaera, Cruz y Ortiz; Norman Foster e Xoán Carlos Cabanelas; Alvaro Rocha e Souto Moura; Juan Herreros con Enrique Álvarez Salas; Rogers Stick con Vidal e Asociados e Francisco Mangado. Norman Foster co seu equipo visitou varias veces a cidade, pola súa vinculación coa psicóloga ourensán Elena Ochoa, e o concello insiste en que a obra do barrio da Ponte -que comprenderá un novo viaduto, a cubrición dos viais, creación de prazas e unha formulación urbanística radical - será un novo referente cultural e turístico a engadir ós tres tradicionais tópicos de Ourense. Vigo adiantouse e a súa estación xa foi encargada no 2008 ó arquitecto norteamericano Thom Mayne. Construción esta na que se fai sobranceira a cuberta-mirador sobre a ría. A Coruña decidiu neste 2011 que sexa o arquitecto pontevedrés César Portela -quen execute un proxecto que deberá incluír o solemne i ecléctico edificio da vella estación do 1935, obra do arquitecto Gascué Echeverría- fronte ós presentados, nin máis nin menos que por Rafael Moneo e Rogers Stirk. Por outra banda, Lugo, con moito menor presuposto, encarga seu proxecto a Junquera de Arquitectos. Trátase dun edificio curvo, atrevido, orixinal, como unha ponte sobre as vías para evitar o desnivel das marxes. Concurso ó que tamén se presentaron Francisco Mengado, Rafael de la Hoz e o mesmo César Portela.

Tamén a capital, Compostela, está á espera do concurso de proxectos. Entre os que foron seleccionados inclúense varios equipos de arquitectos: David Chipperfield, Dominique Perraul, Martínez Lapeña, Torres Asociados con Manuel Gallego Jorreto, outro equipo é o formado por Rubio&Alvarez-Sala con Juan Herreros, así como o de Alejandro Zaera; tamén o de Rafael Moneo e o de Nieto Sobejano. Pesos pesados no mundo do urbanismo e da arquitectura, que tantas cousas de futuro implica.

Sempre cavilamos e botamos por diante o enigma do futuro e logo o futuro real espétanos unha puñalada trapeira e corre adoecido por outros camiños. A miña xeración viu a construción e a decadencia do ferrocarril Zamora-Coruña. Proxecto e obras desenvoltas na primeira metade do século XX, vivindo as vicisitudes dos cambios políticos, aguilloado por Calvo Sotelo e xogando un papel importante o enxeñeiro don Xosé Fernández-España y Vigil. Vimos como se facían atrevidas e costosísimas infraestruturas que deixaron silicose por vida ós que entón eran mozos novos obreiros.... longos túneles para vía dobre, atrevidos viadutos, nos entón arrabaldes das cidades as edificacións das estacións, inspiradas na tradición, neorexionalistas, cun amplo enramado de conducións subterráneas para traídas e levadas, para a enerxía, galerías polas que xogábamos imprudentemente aqueles raparigos de entón. Os concellos e particulares cederon terreo para que por alí pasara o tren, e que agora, pese a tanto historiador e desmemoria, Renfe particulariza e vende a inmobiliarias. Eran aquelas urbanizacións modélicas, humanistas, para toda a xerarquía de ferroviarios, grandes naves para almacenar madeira, gando, os produtos do pais, trebellos para darlle as voltas ás xigantonas locomotoras, cisternas xiratorias, carboeiras, grúas, elevadas torres de vixilancia e iluminación, salas de espera revestidas en mármores, murais de artistas que o tempo cotizaría, con posto de venta, consigna, cantina e amplas latrinas e sempre a omnipresencia do reloxo e a campá. Vimos como se inauguraban e entraban, fixemos da familia a aquelas solemnes saritas de ferro, adornadas de xestas e mimosas en flor, entre pancartas de benvidas, himnos imperiais, brazos en alto, bendicións de hisopo, mitras e gorras militares. Todos presumiamos de estación e o seu xefe con gorro negro e roxo figuraba nas procesións co alcalde, co párroco, o xuíz, o sarxento da Guarda civil, o médico e o boticario.

As estacións eran, son e serán punto de converxencia e de diverxencia, ir e vir, así pois para mobilidade da lei da oferta e da demanda. Punto a onde uns chegan e outros parten, onde cobren as súas primeiras e últimas necesidades, onde se informan. Terá futuro e agradecerase canto facilite a circulación, a seguridade, a didáctica, as necesidades de todos, especialmente dos maiores, dos nenos e dos diminuídos. Facilidade: menos é máis. Sobran os gastos de afeamento, a retórica escultural de arquitectos grandilocuentes. Búscase a tranquilidade entre as presas, o acougo, a amabilidade, a axuda integral para o viaxeiro que é quen se move por estes espazos da urbe, coñecidos pra uns, descoñecidos pra outros. Aparcadoiro inmediato para vehículos e autobuses, enlaces fáciles ó punto de encontro, facturación, portas de entrada de chegada, recollida de equipaxes... sen andar deambulando de abaixo, arriba, dereita, esquerda e novamente subir, baixar, escáner, policía.... E nunha mala planificación, peor débeno ter quen ten a responsabilidade de mover e aparcar, avións, trens, barcos.... As estacións son cousa de especialistas, os arquitectos deberan asumir que as súas obras sempre resultarán inacabadas, que outros intervirán despois sobre o feito. O ritmo acelerado do progreso sumaralle carencias. Gustamos do aeroporto do Porto, trazado polo arquitecto Xoán Carlos Leal, aínda que non se diga por ningures.Tamén nos gusta o aeroporto de Bilbao, de Santiago Calatrava, coa súa limpeza, seu aparcadoiro escondido, coa facilidade para a chegada e a saída, co simbolismo en forma da pomba e o a torre de control como un vixiante falcón.... Obras que repelen ese chiringuitismo que por aquí atopamos , de telderetes e ate de pallozas célticas con meigas de souvenir, o primeiro e último retrato do país, da cidade que nos recibe ou despide.