Fe de erratas: -Dona Hermandina avísame que no artigo no que falaba da cremalleira e do velcró, parece que deu a volta ó mundo, di que "a cremalleira ía no lado dereito da faldra", e segue a especialista, debe dicir "no lado esquerdo"; foi modista durante corenta e cinto anos. Recórdanos o rebumbio que se armou, polo da cremalleira, entre as mulleres e a Igrexa que a alcumaba "a porta do inferno". Cando os curas non estaban de acordo, algo saberían. E morra o conto-.

RESULTA que teño un parente, moi próximo, que podo encadrar entre os famosos ¡INDIGNADOS!, tan de actualidade. Está "indignado" por todo, por todo o que viu e polo que vivíu. e creo que ten razón, o malo, "o bo", é que ten moi presente a máxima do asturiano, creo que Campoamor, quen dixo: "en este mundo traidor (...) si quieres vivir feliz, chico, no analices, no analices".

E sen chamarse Plácido, pois é Francisco en toda regra, do que se sente moi orgulloso, deulle por "despotricar" contra o paisano galego que preside a Conferencia Episcopal, papable por enriba. Está indignado porque di que desde tempo inmemorial, dos seus bisavós, a súa familia e tamén miña, viñan celebrando o catro de outubro o San Francisco e o cinco, como hoxe, San Plácido do que se formou xa unha pequena saga familiar.

E velaí que desde agora non cre niso dos santos e de cambios, ata que llo expliquen... Despois de informarme co culto haxiógrafo, e doutor en filoloxía clásica Xesús Ferro Ruibal explicoume moi didacticamente as razóns destes cambios no santoral que non me vou parar a explicalo aquí... protestaría a "secretaria" polo extenso do tema, espazo, etc, etc.

Pero existíu, e xa que existíu San Plácido, a qué día do calendario o cambiaron?. E deixaron ó galego San Froilán con máis categoría, claro, lucense, e co nome do principiño, e falaremos algo de San Bruno. Así que quedaron: o 4 San Francisco, o 5 San Froilán (San Plácido desapareceu) e o 6 San Bruno.

Non é necesario aportar probas da existencia do Santo que a Santa Madre Igrexa non tendo en qué remexer, nunha reforma litúrxica posterior ó concilio Vaticano II "eliminou" "sic", de golpe e porrazo a San Plácido e compañeiros mártires, do calendario e os beneditinos sen reclamar por este asoballamento. Consultei un breviario do 1885 e alí vén: "5 de october Placidi e Sociorun Martyrum", noutro calendario do mesmo ano "ad perpetuam memoriam, Gregorius Papa XIII", din: "in festo S. Froylani; epis e conf. Patrón Ecle, e Dioec Legionensis"; é un calendario "propium sanctorum hispanorum", dos santos españois. Pouco proba isto. A San Plácido suprimírono e a San Froilán con este currículo: galego, naceu en Regueiro dos Hortos, un arrabalde de Lugo, de familia humilde. Moi novo, foi ós montes de León a levar unha vida de ermitán. Gran predicador, disque tiña o don da profecía. É o patrón do concello de Lugo. Fundou varios mosteiros e foi bispo de León. Daquela, entre o 800 e 995, o seu nome foi moi común en Galicia, e hoxe, desbancado San Plácido, -podían estar os dous no calendario co nome-, o principiño e os duques de Lugo da infanta, e as "preces" da súa eminencia, o galego cardeal Rouco Varela. San Plácido, cun currículo considerado o patrón dos afogados, pois houbo de afogar na lagoa de Subiaco, salvouno milagrosamente San Mauro a petición de San Bieito. Martirizárono con outros monxes beniditinos, uns corsarios mouros.

Tire o que haxa de lenda pero a historia de que existíu está aí, o seu martirio xa chegaba. Non sei se quedaría moi convencido o "indignado" do que falei ó principio, eu, desde logo, non.

E non podemos deixar de dicir algo do simpático. San Bruno cuxa festa é o 6 de outubro. O seu nome é de orixe alemá, nacera en Colonia en 1030. Fundou ós cartuxos. Sendo profesor da Universidade retírase con seis compañeiros á soidade dos Alpes. Os monxes cartuxos son os que máis se arredan do mundo encerrándose por completo nos seus conventos cun rigoroso voto de silencio. Aparece coas estampas que hai del, recomendando o silencio imposto pola regra, co dedo nos labios.

Citaremos, para que quede algo de cultura haxiográfica, os santos suprimidos desde a reforma do ano 1967. Quíxose suprimir do calendario universal santos de dubidosa existencia e colleron a San Plácido mártir cando este existiu.

Entre os suprimidos, vexa se está o seu: Aleixo (17-VII), Apuleio (08-X), Baco (08-X), Bárbara (04-XII), Bonifacio (14-II), Catarina (25-XI), Cibrán e Xustina, Crescencia e Modesto, Cristovo, Domitila, Hipólito, Icíar, Lucía e Xerminiano, Margarida, Martiña, Ninfa e Respicio, Sinforoso e fillos Susana, Tegra, Trifón, Úrsula e compañeiras, Venancio, Viviana, Xerminiano e Lucía.

E cando beatificaremos a María Pita?

Averiguei co devandito Francisco se o convenceran estas razóns e engadinlle para máis "inri" que teño diante o famoso calendario Salesiano onde no canto dos citados Plácido e Froilnciño vén Bto. Alberto Marvelle. Por que? E o decepcionado Farruco, gran admirador do inmorrente Curros, repondeume coa última triada do Divino Sainete: "I eu, do que vin parvo e mudo, // desde entón creo... ou non creo... // pero dudar, xa non dudo!//".