si home si

iSaturación

 01:40  

XOSÉ MANUEL PEREIRO Sabe quen inventou a fregona? E a lavadora? Eu desde logo non, pero todos estamos perfectamente informados da morte de Steve Jobs, o que inventou os ordenadores Mac e todos os aparatos que comezan por i, do iPod ao iPad, pasando polo iPhone. Estamos tan avisados que houbo informativos de radio e televisión practicamente enteiros, e partes nobres de xornais, dedicados a reportar o falecemento, detallar as reaccións que suscitou, e recordar a súa contribución á mellora do mundo. Nas horas seguintes ao fatal desenlace, escribironse 10.000 mensaxes por segundo na rede social Twitter. Desde Lolita (si, Lolita Flores) que escribiu esta secuencia de mensaxes: "Descanse en paz jacobs". "Esteve jobs, estoy fatal con tanto medicamento pa el trancazo". "Me he equivocado de apellido , pero mi sentimiento era el mismo", a Rubalcaba ("visionario de la tecnología que se atrevió a hacer realidad aquello que soñaba") e Mariano Rajoy: "Steve Jobs nos ha facilitado la manera de informarnos y comunicarnos. Descanse en paz!" (asinado MR, para indicar que foi el propiamente, e non ningún dos colaboradores que lle escriben a cousa). Mesmo no acto no que Rajoy participaba cando se coñeceu a noticia, a convención do PP en Málaga, posou xunto a unha pantalla en plan lápida conmemorativa ("Gracias, Steve"), aínda que cun ordenador da competencia (o sentimento é o mesmo, como diría Lolita).

Non vou ser eu quen discuta nin o mérito nin a influencia no mundo actual do morto. Xa dixo Friedrich Dürrenmatt que o mundo non cambiou pola política senón pola técnica. Ford non inventou o automóbil pero si o sistema de fabricalos para que o poidese mercar moita xente. E Jobs tivo a virtude de coller inventos alleos e transformalos para que fosen mellores, máis bonitos e, sobre todos, máis utilizables. Democratizou a usabilidade (non o prezo) de adiantos como o ordenador, o reprodutor de música e o teléfono móbil. Eu son un usuario satisfeito de boa parte dos seus produtos. A maiores, Jobs (en coherencia co seu nome, Esteban Traballos) tivo a coraxe de fundar unha empresa (Apple), e cando o botaron dela, fundar outras de éxito (Pixar, a dos debuxos animados), e logo volver a Apple para rescatala do pozo na que a meteran os seus sucesores.

Pero me parece que se está perdendo un pouco o sentido da medida. Se hai pouco houbo páxinas enteiras e programas que se paralizaron para informar do novo modelo do iPhone, que ao final resultou ser un cambio do procesador e pouco máis, agora hai medios que piden aos seus lectores que conten as súas experiencias cos produtos de Apple. Incluso a carta do director dun xornal dicía que "su lucha contra la enfermedad, compaginada con la búsqueda de la excelencia en una carrera vital contrarreloj, le convierten también en un ser especial". Home, o que tivo de especial foi que, padecendo un tipo de cancro de páncreas operable, perdeu un tempo precioso fiándose durante meses das chamadas medicinas alternativas, que non sei eu se para os catarros van ben, pero para as cousas serias, simplemente non van. Como puxo alguén, esta é unha boa ocasión para recordar a moitos medios que o bo periodismo nunca se consegue por inundación. E sobre a súa influencia no mundo, hai que recordar que os ordenadores de Apple a máxima cota de mercado que teñen é un 17% en Suíza. En Norteamérica andan polo 15%, en Europa un 6% e no resto do mundo non chegan ao 2%. Soamente 5 de cada cen móbiles que usa a xente no mundo son iPhones e as tabletas pasaron o ano pasado de ser o 95% iPads a rondar este o 70%. Quero dicir que, sen ánimo de desmitificar por desmitificar, máis cambiou a vida da xente o humilde inventor que lle puxo un pao a un trapo e inventou a fregona. Por non falar da lavadora.

CONÓZCANOS: CONTACTO | LA OPINIÓN A CORUÑA | LOCALIZACIÓN | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de laopinióncoruña.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
Adaptado a la Ley de Protección de Datos por


Aviso legal
Otros medios del grupo
Diari de Girona | Diario de Ibiza | Diario de Mallorca | El Diari | Emporda | Faro de Vigo | Informacion | La Opinión A Coruña | La Opinión de Granada | La Opinión de Malaga | La Opinion de Murcia | La Opinion de Tenerife | La Opinion de Zamora | La Provincia | La Nueva España | Levante-EMV | Mallorca Zeitung | Regio 7 | Superdeporte | The Adelaide Review | 97.7 La Radio | Blog Mis-Recetas | Euroresidentes | Loteria de Navidad | Oscars | Premios Goya