Por fin! Por fin! Non foi sen tempo. Se cadra, o escándalo dos retiros millonarios dos banqueiros foi a pinga que desbordou o vaso, pero o pasado sábado unha marea humana percorreu as rúas do mundo. Foron manifestacións multitudinarias e a da Coruña, tamén. Foron actos que reafirman o sentir de repulsa e de alonxamento da cidadanía cara os seus xestores, é decir, os políticos. Porque a cidadanía comeza a ser consciente de que os políticos son os seus empregados, as xentes que son elexidas para xestionar a riqueza común, e non para dilapidala ou, o que é peor, para pedirnos sacrificios económicos a nós que non temos nada que ver coa xestión dos diñeiros pátrios. Cando estes incompetentes realizan mal o seu traballo, non se lles ocorre dimitir, non, suben impostos para cadrar as contas, ou recortan dereitos sociais, ou conxelan pensións ou inxectan diñeiro á banca para que o sistema continúe sendo vítima da mesma perversión. Hai quen di que protestar non serve para nada, que é só un simple pataleo e nada máis. Están trabucados. Acaso non saben que moitos desaucios estánse a parar gracias ás protestas e ao apoio solidario dos veciños e veciñas cos afectados? Incluiría Rubalcaba no seu programa a dación en pago se non fose porque desde a rúa xordeu como un clamor a denuncia de que os bancos non só se quedan coa túa vivenda se non podes afrontar a túa hipoteca, senón que, ademais, obrígante a seguir pagando a débeda de por vida? Claro que non. Como tampouco incluiría outras medidas que aparecen no programa do PSOE. Medidas moitas delas francamente novedosas e interesantes. O problema é que Zapatero está a cortarlle as pernas a Rubalcaba cada vez que abre a boca. Aproba a reforma da Constitución pola porta de atrás e entrega Rota aos EEUU sen consultar con ninguén. Por riba, Rubalcaba ten moi difícil explicarlle aos cidadáns por que agora defende unhas cousas, cando foi parte dun governo que se amosou contrario a elas. Agora si, como se se tratase dun boneco articulado, Zapatero segue lucindo o seu sorriso como se non pasase nada. Ao igual que os políticos nos seguen tratando como nenos ou como parvos, según como se ergan cada día. Agora todos piden responsabilidades aos banqueiros e, incluso, que devolvan os cartos. Pero, imos ver, se vostedes son cómplices do que está a acontecer. Vostedes sabían todo o que estaba a pasar. E calaron. Porque, se cadra, nun futuro, quen sabe, algún de vostedes ou dos seus afins podían resultar beneficiados por esta corruptela. Congratulémonos polas protestas do pasado sábado e sigamos facéndoas dun xeito pacífico, porque na manifestación do sábado había pais de familia, cidadáns en cadeiras de rodas ciclistas, unha morea de xente nova e moitos avós e avoas que ven como os seus netos e netas teñen diante de si un futuro máis que incerto. Foi unha protesta heteroxénea, diversa e viva. Non deixemos que nos rouben este alento vital.