Por algo pasa o que pasa: a golpe de pelotazo os ricos fanse máis ricos e os pobres fanse máis pobres. Recórtaselle a uns, négaselle ós demais e pola contra e como escándalo multiplícanselle os pluses ós que seguen a conducir á crise. Non debera estrañar tanta indignación global desbocada polas rúas e prazas do occidente próximo. Campa o abuso dunha liberdade e democracia "sui generis" -como diría o cura da miña parroquia- para o desfalco, negociar coa crise, explotar, blindar un presente e o futuro nun paraíso particular... E blindarse, coutarse, encuncharse... é cousa dos que teñen medo.

O verbo blindar, tan forte il, nin ten tradución na cultura galega. Se acaso as meigas, nun ritual esotérico de coitelo en man, coutaban algúns males; os propietarios coutan con valado e cancela e marcan a súa propiedade. A verba galega coutar, como tantas outras queda como unha mostra arqueolóxica na linguaxe dun pobo con orixe rural. O traballo cotián é o que normaliza o idioma e neste noso tempo de burocracias, trapalladas e chafalladas imponse a verba blindar. Non se escoita no rural, ni entre os obreiros, escóitase nos despachos e nos corredores da xestión económica, principio e fin de todas as cousas. Termino bélico este, con suxestións a ferro, a telón de aceiro, a formigón armado, a tanque ou a furerbunker. Sistema hermético fronte ó exterior, ó inimigo.

Blíndanse os millonarios, os empresarios, os banqueiros, os políticos descastados, fano nas súa turris ebúrneas, rodeadas de paraísos terreais, entre enreixados e murallas. Blindase quen ten moito que gardar, os que se creen espíritos puros, os señores feudais, os emperadores, os caudillos e moitos medrosos mais. Blindase o corpo con armaduras, as casas, en castros, castelos, torres, búnkers; blíndanse os cartos, as xoias, os documentos de propiedade en caixas fortes de sete chaves e sete estralos; blíndanse as carruaxes, e os solemnes, elitistas saraos, arrodéanse de gardas de seguridade, como as súas reunións, as tribunas presidenciais e as sempiternas comidas "de traballo". Blindase a documentación contra os hackers, eses neotroianos que furan polas redes cibernáuticas para entrar no celme da intimidade e no lixo dos gobernos, das finanzas... e até por blindarse tamén se blinda e multiplícase a súa soldada, as indemnizacións de prexubilación e até os cadaleitos e os seus solemnes panteóns.

Aprenderon moito aqueles yuppies, ben educados e tidos como os máis listos. Paradoxicamente formados entre a melenuda xeración dos sesenta, para axiña mudar o pano palestino e a estrela do Che, domesticar e abrillantar as guedellas e traxearse de alpaca. Pintoresca paisaxe corporativista de señores neofeudais, altos cargos, presidentes, directores... blindadas as súas altísimas retribucións, complementos, dietas, pluses que aprobaron entre eles mesmos e ás que non queren renunciar. E sempre tras si e sobre si, abrindo ou pechando paso, unha ringleira de aduladores seguidores. Eles que se burlaron e dixeron superar as técnicas aforradoras do patacón no peto, a inversión segura e o traballo de formiga de Franqueira, de Claudio San Martín, que están no ceo, se é que o hai. Desfalco descarado, ¿legal?, cando en momentos difíciles que reclaman solidariedade e pobo, tantas posibilidades se abrían para este país negado. Agora cando os cataláns e os vascos preservan a historia e a función das súas caixas de aforros, crean os institutos de crédito para axudar as súas empresas, e mesmo os curmáns asturianos reforzan seus lobbys. Ponse difícil competir. Financeiros sen escrúpulo, que se din seguidores das finanzas, das novas tecnoloxías, de ganchete da política, nas cacerías da Escopeta Nacional, no golf e nas illas Mauricio, no Carnaval de Venecia. no lecer e no lucro persoal. Nin se fan merecentes do nome de burgueses e menos de galegos, senón simplemente o de acumuladores de diñeiro, que estoupan de fartos. Por embardelar embardelaron a política que é a arte de convivir, a economía, o valor social do diñeiro que é un acto de fe, de confianza colectiva, equivalente a ouro, documentado en papel, máis aínda nos nosos tempos de virtualidades. Xestores sen principios morais, sen virtudes sociais, nin cardinais, nin teologais. Causantes dunha crise da que seguen a cebar e aínda persisten en crer resolvela. Individuos inspiradores, materia prima de neoesperpentos, se é que houbera ollos, pinceis , plumas, voces agudas, creadoras, críticas, sensibilizadoras do acontecer. Protagonistas para unha canción de Cecilia, Serrat ou Sabina, para algún rapeiro crítico, propios de incluírse entre os desacougantes e concenciadores debuxos negros de Goya, das caricaturas de Castelao ou dun recente cómic de Xaquín Marín.

Blindáronse integralmente, a súa comenencia, con esa falta de ética que os define, e á que agora, traizoados por algún descontento vingativo que se foi da boca, desblíndóuselle un de tantos secretos corporativos. Entón "xenerosamente", algún outro, como o peor histrión, teatraliza que renuncia a unha parte da blindaxe. Eles que gobernaron o seu futuro, tamén o das súas seguintes xeracións, a saber, o dos seus fillos e o dos seus netos. De poder blindar até blindarían a vida eterna, pero até o trasmundo non chega a concesión do negocio das blindaxes.

Suxestivo titular o de "blindaxes millonarios en entidades en crise".

Premios por conducir á banca rota os aforros dos demais, por saldar a empresa e abrir camiño a unha fusión opípara, a cambio de comisións, prexubilacións xubilosas cunha indemnización de escándalo global. E nese glorioso retiro arrastran o cheirento ronsel da desaparición do sistema financeiro galego, que quere dicir pasar á dependencia total. Xa volven a estar abertas as portas ós mozos para seguir a exportar carne humana, emigrar, agora á China, ós Emiratos Árabes, a Australia...

Blindados e enxalzados polos medios, que chegan a ser parte unha e trina, os tres poderes no contubernio do regodeo. Corrupción xeneralizada. Pese aínda a tanta remunerada comisión de control, a tanta esperpéntica auditoría de activos e pasivos, a tantas comisións xurídicas, ó cantado imperio da Lei, saquean legalmente e contribúen a multiplicar a sangría da crise. Xorde a pregunta popular pero quen, "democráticamente" aprobou esas asignacións? Foron eles mesmos para eles mesmos? Quen ten a responsabilidade de cara ós que confían os seus aforros? Qué fan os gobernos? E conclúese en que eran os lobos os que coidaban ás galiñas.

País rico administrado por xente idiota, incapaces de artellalo, a non ser en esperpentos.

A cuestión hoxe é como blindarse ou coutarse deste cancro social, o que mina a civilización, tanta deshumanización. E, o peor, entre tanto desfalco "legal" provocado, sempre política por medio, tamén nos preguntámonos que diferenza hai coas mafias.