CHAT
o labirinto do alquimista

Cultura en tempo de crise

 01:28  

FELIPE SENÉN As ringleiras que seguen van sobre a contraditoria conduta humana na loita pola existencia. O sálvese quen poida, a loita pola vida en contra da mesma vida. Referímonos as relacións dos individuos entre si e co medio, á sociedade da que formamos parte e á cultura que construímos para resolver esas relacións e para identificarnos e distinguirnos entre a uniformidade imperante. A cultura válese de herdos tradicionais, de creacións, invencións e tamén do aprendido polas relacións con outras culturas.

O asunto é saber administrar os dereitos e os deberes culturalmente adscritos ó individuo para a convivencia. A cultura ou a incultura levámola posta, chegando incluso a ser simples pasmóns, portadores dunha cultura que non se entende por non pararse a comprendela, que por algo tampouco se ensina. Para estar dispostos a ser aplaudidores, a aceptar o que veña ou se impoña, como si fora unha turbulencia momentánea, pura meteoroloxía. Sendo así chegamos a entender o acontecer como un "Accidente histórico", o que non disfraza máis que ignorancia e pasotismo.

Metémonos entón en cuestións de Psicoloxía, de Socioloxía e mesmo de Antropoloxía. Filosofías que poden soar de xeito ridículo ou churrusqueiro neste tempo no que contan máis as pragmáticas matemáticas, as frutíferas sumas, os dividendos e os rápidos pelotazos que o talento e as ideas a favor da colectividade. Preocupa hoxe atopar receitas para producir moito e vender co menor esforzo, atopar o xeito de vivir sen traballar. Autobombo, culto á propaganda, falla de metodoloxía na planificación para atallar os tan competitivos retos, improvisación, desbaraxuste....

Cómpre afondar sobre o comportamento do ser humano, que perde saber, raiceiras, humus, o que ten desa Terra que lle dá alimento, vida e á que volve ó fin e ó cabo. Esa falla de humanismo, de moral, é causante de crises que poñen en perigo a convivencia e a Terra que nos soporta. Manda o engano masivo, a propaganda comercial, para vender e crear adictos, impulsivos consumidores como nunha macro granxa avícola, a picar e picar no que lle botan.

A cultura teledirixida goberna un presente co que se constrúe o futuro, debilita as raiceiras que permiten florecer as ideas, a cultura. Parte dun proceso maleducativo regado polos mesmos medios, cada día máis de masas. Redes progresivas que o instante forman e conforman, as que dende nenos póñense nas mans como xoguetes e cada vez máis e máis. Educación, ética e estética, responsabilidade nas escolas, na casa, nas rúas, na empresa... E no devalar dese constante aprendizaxe a intelixencia e a ciencia non deben perder a súa base crítica, a de preguntar e querer saber.

Entre tanta imperante superficialidade cómpre facer intelixible, divulgar deica asumir esta nosa realidade que aplica dobre moral a favor do lucro dalgúns e detrimento dos demais. Indagar as causas e os conseguintes efectos que levan á crise global de deshumanización, a que provocan os incompetentes que a xestionan, sen aplicar o cantado principio do recorte ós seus caprichos, ás prebendas que pagaran todos os demais, para que sigan a muiñar nas súas.

Non hai máis que premer e acender os medios de masas que caracterizan o noso tempo das tecnoloxías dixitais para internarnos no estado da cuestión cultural: o que pide a xente é o que se lle dá. O mercadeo deseña o porvir e tras del pérdense as ideoloxías e éivanse as culturas. Manda o zafo e o escatolóxico como nun inmaduro e permanente estado infantil, confúndese o correcto co falso. E pese a tantos resortes "democráticos", comités, "mesas", "órganos consultivos", consellos, academias, universidades, sanedríns de intelectuais ó servizo dunha administración coa que convenian protocolariamente, rematan sucumbindo, para poñerse fóra da terra e do seu tempo. A medicina chega a ser un veleno. Mesmo a crítica esvaece e o progresismo confúndese cun título no currículum. A divulgación, o informar para formar, menosprézase como paternalismo e non entra hoxe nos códigos éticos e estéticos dunha sociedade cobizosa, arrogante que parece vir de volta de todo. A Cultura de hoxe súmese nun valor comercial, cuantifícase en cifras, metros, quilos e cartos para engordar a ilusión, a meta é a do Guinness Wolds Records. Todas as parroquias, todos os concellos queren figurar no top ten, no trending topic ou entre os Treasures of Galicia.... Todo depende do que se pague e sempre haberá un rabo polo que coller a mosca. Celtiberia nestas cousas é a campioa. Imperativa cantidade fronte a calidade. O nivel de espírito, a cultura como valor de uso cotián, o que o ser humano cultiva como resposta ó medio ambiente, ás relacións sociais e que o identificara, o distinguirá fronte á rutina da globalización, pasa a ser arqueoloxía ou antropoloxía.

A Cultura hoxe confecciónase a pulos, encadéase en "actos culturais", na esperpéntica performance de mesas repletas de poñentes e menos público, en custosas solemnidades e liturxias de "días", en mastodónticas carcasas de "Casas" e ate en "Cidades", como nunha chanza burlesca adxectivadas "da Cultura"... Cando as verdadeiras casas, os talleres dos creadores e dos artesáns, dos que construíron o idioma, a linguaxe dos símbolos, as formas, dos que complementaron a paisaxe co seu traballo, subsisten malamente. E velaí as pegadas da Historia, os megalitos, os castros, os espazos románicos e barrocos, novísimos creadores sen saída, recursos de identidade e tamén turísticos por revitalizar. Decadencia progresiva para quen a queira enxergar, deica chegar a desaparecer códices dos arquivos, cadros das dependencias públicas ou cruceiros das encrucilladas, empresas da memoria desvirtuadas.... e en ningures se nos explica quen era Exeria, Prisciliano, Mateo, Xelmírez, Castelao, Seoane ou Díaz Pardo, por certo que morreu -na véspera dun día de Magos en terra de meigos, como Valle-Inclán e a que ten agora en veciñanza de sepultura- exiliado do seu Laboratorio de Formas de Galicia, onde se reflexionaba, cultivábanse ideas, temperábanse gaitas, limpábase merda e creábase arte e industria con ética e estética que non lle deben sobrar a un país que busca futuro. Que se pode esperar?, que esperanza queda onde non se cultiva ó apego e o estímulo? A Cultura non é un adorno, é un recurso valioso para o tempo de crise. A peregrinación, a feira e a romería, o viño, a castaña, o polbo, a empanada...que sempre venden, teñen tras si a súa Historia, unha Cultura que tampouco remata nestes tópicos. Non son estas cuestións para resolver nun laboratorio ou nesas mesas de xuntas, pese a que haxa quen se empeñe en controlar ambientes. Tampouco é fácil valorar culturas dende o prisma doutras culturas, dende a incultura do negocio e menos dende a ignorancia. O certo é que a sociedade está enfrontada, confusa e todo repercute sobre o escenario común. Naqueles seminarios do Laboratorio de Formas de Sargadelos, cando os da mesa discutían sobre as súas teimas de ética-estética, o inesquecible Díaz Pardo, que deu exemplo de vida, de teoría e obra, á pregunta de si o que facía era industria ou artesanía, el atallaba e dicía con sorna que o que irremediablemente facía era "capitalisanía". Asumía a cuestión e sabía administrar.

Neste significativo tempo crise, no que tanto se fala de refundacións, compre tamén redefinir a cultura, volver a súa orixe, ó que o ser humano cultiva para resolver a vida e as relacións. A cultura é un recurso, a cultura é marca, distinción da personalidade dun pobo e dos seus individuos, pero tamén enferma por presión imperativa: degrádase entre diglosia, dialectalización idiomática, anomia, acultúrase en feismos físicos e psíquicos, afectada por interesados virus infecciosos, para dividir a convivencia, ó medioambente, escravizar e marcar dependencias doutros agudos oportunistas salteadores de camiños posmodernos. E velaí que chegamos a gozar coa rexouba e a murmuración, con comportamentos e obras asociais.

Aínda que o humanismo, iso de ter os pés no humus, na terra que dá acollida e vida, trabúcase, esmorece, non faltan os estrelampos creativos que alumean camiños. Sempre hai verdadeiros artistas, voces e traballo que non se deixan dominar, nin se prestaron ó suborno ou ó penoso espectáculo do rabaño pastando a carón da Consellería de Cultura, bailando ó son das doses da subvención. Ceibes das cadeas administrativas, facer, creatividade, arte cavilado para servir e non para servirse, que iso xa vai implícito cando cumpre o seu fin. É curioso ver como en momentos difíciles da Historia, incluso en ditaduras, nas cárceres, no exilio, houbo a anécdota da creación. A iso Galiza está afeita, e como mostra a obra de Castelao e dos seus seguidores, proba das fondas e resistentes raiceiras na Terra. Fronte ó campante esperpento, o zafo, o escatolóxico, a frivolidade e o disparate dos que tentan reducir o idioma, a tradición, a cultura dun pobo a unha vía morta... sen faltar a sensibilidade de creadores de formas, de quen ofrece remedios, o seu particular I+D.

  HEMEROTECA

Sigue las noticias de A Coruña en:

FacebookTuentiYoutubeTwittertwitter deprotesFlickr Google plus

Destacados

EL TIEMPO
Consulta la predicción
       meteorológica
EN MI OPINIÓN
Envía tus propios
        artículos

-------------------------------------------------------------------------
AGENDA
Disfruta de tu tiempo
        libre
BLOGS
Sigue las bitácoras
        más interesantes
CONÓZCANOS: CONTACTO | LA OPINIÓN A CORUÑA | LOCALIZACIÓN | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
laopinióncoruña.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de laopinióncoruña.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
Adaptado a la Ley de Protección de Datos por
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Faro de Vigo  | Información  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Elecciones Generales 2011