LINO BRAXE
Sería interesante, nunha semana tan decisiva para a nosa economía, tentar darlles unha boa noticia. Sería gratificante. Pero a vida é caprichosa e a economía tamén. Cando parecía que o hachazo de Rajoy, protagonizado polos seus novos recortes, conseguíacolocar a nosa débeda a un prezo de venda de case o dobre do seu valor, e unha parte importante dos axentes financieiros e económicos aplaudían as medidas do actual governo, porque supuñan unha reacción positiva e inmediata dos mercados, pois xusto nese instante, a caprichosa economía non tardaba nen dous días en mandarnos un novo varapalo. E non só a nós: a Italia, a Bélxica, a Portugal...As axencias rebaixaban a calificación do noso país e doutros países europeos. Teimudamente, a economía vén recordar aos governantes europeos que só con medidas de axuste e sen medidas de estímulo non hai nada que facer. Así non saímos. O problema é que a Alemania de Merkel segue empecinada nun tipo de política. E digo a Alemania de Merkel, porque hai outras Alemanias. Esas que, en pouco tempo, arrebataranlle o poder a Angela e que iniciarán outras políticas económicas. O problema é se aínda estaremos a tempo de rectificar, porque a velocidade coa que se están tomando as medidas de recorte nos estados amenazados polas axencias é tan rauda que, se cadra, cando os nosos intelixentes administradores se decaten do erro, o estado de benestar deixou de existir. O que non acabo de entender é como, coa que está caindo, aínda haxa comportamentos de persoas do governo saínte que nos abochornen. Sabían que González Sinde marchou de xira de despedida do seu carrego por Iberoamérica e Rusia a conta dos nosos cartos? A viaxe era innecesaria, pero máis innecesario era aloxarse en hotéis de luxo. Creo que en Moscú durmeu nunha habitación, cuio aluguer era de mil douscentos euros por noite. Eu non sei que ten esta xentiña na cabeza. Un bochorno. E resulta que Trinidad Jiménez, no último día no que desempeñaba o seu carrego de ministra, outorgou e asinou subvencións a favor de diversas ONGs. E isto ético? Non. É lícito? Non debera. Outro bochorno. Por último, enterámonos do caso do político e do seu chófer. Dous Pepe Goteras e Otilios -chapuzas a domicilio- que se gastaban os nosos cartos en orxías e coca. Está claro que Berlusconi creou escola alén das fronteiras da súa amada Italia. Un bochorno máis. Anúnciase unha reforma laboral leonina e, mentres, seguen aparecendo noticias como as que acabo de relatar. É indignante. Ah, e non se crean que a reforma laboral vai calmar os mercados e as axencias. Isto non terá fin ata que os Estados lle planten cara ás axencias. Lembren que cando estas ousaron opinar sobre a economía estadounidense, os políticos daquel país estiveron á altura e consideraron que se estaba a cometer un acto de alta traición para cós norteamericanos. E xa saben como se paga a alta traición en Estados Unidos. A UE ten que facer algo. Se tes unha débeda, tes que pagala, pero non pode ser que os prazos e as maneiras de facelo teñan que ser só os que se nos están a suxerir.