Nesta lexislatura hai a oportunidade e a ocasión de endereitar moitas cousas en España, e para iso o Goberno ten que ser firme e a oposición responsable", escoiteille o outro día nunha conferencia a Magis Iglesias, unha das periodistas máis enteradas nas cousas da corte madrileña, que engadiu que entre os motivos para esperar que Mariano Rajoy aproveite esta oportunidade, está a solidez profesional e política de tres ministros: Alberto Ruiz-Gallardón, Jorge Fernández Díaz e José Manuel García-Margallo. O coñecemento de Magis Iglesias do que pasa nas alturas da política e o seu trato cos que alí habitan son tan sólidos como a miña ignorancia sobre eses sitios e esa xente, pero transmitínlle a miña estrañeza de que o presidente poña as tres patas da banqueta na que está subido en áreas como Xustiza, Interior e Asuntos Exteriores. E dáme a impresión de que os primeiros pasos dalgunha das patas da banqueta están a defraudar esas expectativas.

Os de Gallardón por exemplo. Todos aqueles que teñen algunha relación coa xustiza, profesional, voluntaria ou forzada, coinciden nas súas eivas. Na base, unha tramitación lenta e pouco eficaz, consecuencia máis do sistema que da falta de medios. Nas alturas, exceso de atrincheiramentos, ideolóxicos ou persoais. Arriba e abaixo, unha impunidade considerable para os comportamentos irregulares e falta de credibilidade en xeral. Votantes e non votantes do PP agradecerían un intento de que a xustiza non fose, como escribiu hai cen anos Ambrose Bierce, un produto máis ou menos adulterado que o Estado vende ao cidadán a cambio da súa lealdade, os seus impostos e os seus servizos persoais. Sobre todo neste período inicial de goberno no que se poden tomar as decisións máis firmes porque os contrarios están noqueados e o público está a favor (e aínda que estea en contra, ten que agardar catro anos para manifestalo). Pero as medidas que o ministro anunciou non teñen máis ambición que satisfacer ao núcleo duro da clientela electoral propia, como a contrarreforma da reforma da lei do aborto, e a maiores un par de axustes para aforrar, cartos ou traballo, ao sistema actual. Independentemente do contido das reformas, cambiar as leis cada catro anos marea a todos, de xuíces a delincuentes, e facer diso unha batalla política ao resto da cidadanía. O de alixeirar o atasco xudicial mediante o copago na presentación de recursos o que vai facer é excluír aínda máis aos que poden ter razón, pero non cartos. Sobre todo porque os xuíces teñen xa a potestade discrecional de impoñer as costas do proceso á parte que consideren, e se o que se pretende é que haxa menos xuízos, está a opción de reducir as instancias de recurso, poñendo o teito de boa parte das causas nos Tribunais Superiores.

E a última novidade en Interior é esa campaña en internet, a #tweetredada: "Cúentanos de narcotráfico en tu entorno. Colabora: antidroga@policia.es (confidencial)", segundo o propio chamamento e acentuación. Se os profesionais da seguridade pensan que estimulando a delación anónima se conseguen resultados, tampouco eu vou dicir nada, pero me estraña que se reduza a un delito concreto, e non á corrupción política, inmobiliaria, á violencia de xénero... Que non soamente se chive alguén de que en tal sitio se trapichea (información que adoita ser mais ou menos coñecida, dado que hai clientela), senón de que mengano se fixo unha mansión a pesar de ter un soldo de funcionario. Claro que esas cousas xa saen nos periódicos e non pasa nada.

Todo isto, á espera de que o ministro de Asuntos Exteriores dea algún paso, non pretende invalidar a análise de Magis Iglesias. Quizais o que pase é que o meu pesimismo é tan grande como a súa esperanza e o seu optimismo.