Acrise é global e galopante, faise gráfica nas rúas das cidades e arredor dos contedores de lixo e na inseguridade. Na aldea sempre haberá horta, vaca e galiñas, algo pra levar á boca, que é o principal. Nesta situación analizan os psicólogos que a frustración e o pesimismo imperante fan que se resintan as relacións sociais e até as sexuais. Velaí pois que non están os tempos pra festas e págana os que viven dela neste confíns de romarías e tradicións. Dáse cumprimento o Carpe diem e a pesares da súa rebelde resistencia popular, o Entroido tamén se viu afectado polo maremoto da crise. A xente escolleu saír ás rúas tras unha pancarta e prolongar as súas manifestacións ó ciclo festivo, a seguir a pedir que as rebaixas son para os do pelotazo.

As reducións pra uns distancian clases. A clase media empobrécese, e mesmo se lle pon fronteira ás gañas de divertirse. A cousa non está para lerias. Até o poideron comprobar quen neste 2012 deixouse levar polo instinto da tradición e deu renda solta ó cumprimento das Carnestolendas, ó noso Entroido, e botouse á rúa para sentirse ceibe para alterar rutinas e ser máscara: menos iluminación, nin ostentosos palcos con orquestra, nin súper-gogos, nin degustación, nin androlla, nin orellas, nin viño... pese a que con el vino se apagan las penas...y se suben las cuestas mejor. Menos comparsas, menos máscaras, menos miróns, a pesares incluso do ceo escampado e sobre o que mandaba o solciño invernal e a noite estrelada de máis. E si non que lle pregunten como foi a cousa ós que facían seu agosto en febreiro, ós dos baretos ou ós chinos dos bazares que venden confeti, máscaras, disfraces confeccionados e pirotécnias para seguir a petardear a tradición máis do que xa está. Menos ir e vir de coches oficiais, menos engravatados acompañados de señoras con abrigos de visón, competindo co espantallo do símbolo choqueiro do Entroido, presidindo sobre os palcos retóricas de pregón e o desfile. Menos nas mesas presidenciais do cocido. Máis caldo e patacas. Todos se apertan o cinto até afogar os sentidos. A crise en carne viva sae á rúa.

En moitas partes faltou aquel humor pra manter o ritual da xuntanza anual de amigos e veciños, de inventar letras, ensaiar e darlle voltas a unha idea, a unha música de charanga, a poñer cartos pra os disfraces, alugar un tractor ou un carro, pegarlle ó bombo e facerse ver. E si se fixo foi aplicando a sabedoría da constancia e do maxín, reducindo gastos.

Mesmo nas aldeas e vilas do rural tamén a cousa foi a menos. Os bares, industria nacional, non cumpriron as súas expectativas. Nin ofreceron cartel os casinos, ateneos, circos, sen bailes de época, de mantón, chistera e antifaz, nin raspa final para os seus asociados. Nin na Coruña se lle deu oportunidade á posta en escena dos "Apropósitos". A tradición está ferida e ó furgar máis nela, agrandámola e escoa. A cousa ponse difícil. O almanaque festivo freou de pulo. A mocidade, que é quen revitaliza á vella festa, asume e preocúpalle máis o seu incerto futuro.

Aínda así non faltou quen agarrou dos temas de actualidade para facer befa, mofa, escarnio e maldicir neste país retranqueiro: entre os disfraces de emperadores e escravos de sempre, vimos á caricaturización do neofeudalismo actual, a reais parellas, a banqueiros, ministros e conselleiros con maletíns cheos de cartos, a proletarios escravizados, desafiuzados, espidos polas reformas e os recortes laborais, a bispos e cregos perversos, a xuíces condenados, a AVES con azafatas en paro, a ciclistas castigados, seguidos de vodas Inditex con particulares modelos choqueiros.

Despois da Cinza do Mércores, difícil se pon nas cidades a repesca festiva do Domingo de Piñata, xa queimado ou enterrado o Meco, agora en tempo prohibido, de recollemento e abstinencia, no que manda a enloitada, escuchumizada, raquítica e beata de dona dona Coresma. Dáselle unha nova oportunidade á festa pagán en tempo prohibido. En Galiza, país de encrucilladas, de encontro, non gustan as arestas, as determinacións tallantes, dáselle reviravoltas, búscase o termo medio. Ó menos isto era o que acontecía antes neste país de parroquias, irmandiños pras feiras e as festas. Tamén os estereotipos sucumben.

O Entroido era rito de iniciación, feito para a relación, convivencia, a socialización... encrucillada no tempo chea de desafíos, na que inxenuamente se corría tras un galo, se trepaba por cucañas enlardeiradas con sebo, no que os uns ós outros lanzábanse olas cargadas de sorpresas, as piñatas... Reino da sorpresa, onde se recolle de todas partes e se incorpora á tradición. Domingo de Piñata, festa que non faltou nos salóns das sociedades urbanas, as que ven diminuír seus asociados. Sofre o reino de ancestrais performances, feitas máscaras: boteiros, peliqueiros, cigarróns, pantallas, madamitos, volantes, felos, xerais, galáns... Este cabo do mundo, país dos moinantes, das festas, das orquestras, das tómbolas, dos tiovivos e das churrerías, do ir e vir, devece máis na crise porque devece a festa que é vida.