Doutora Miras Portugal: Non teño o gosto de a coñecer persoalmente. Si coñecín e tratei a seu irmán Aurelio, con quen compartín traballos e días no Parlamento Galego durante varios anos. Son profesora da Universidade da Coruña desde 1991 e, antes, durante catorce anos, fun profesora do Ensino Medio. Neste cometido, de Lingua e Literatura Española; no actual, de Lingua e Literatura Galega, parentes pobres, como sabe ben, como todas as humanidades, no esquema dominante actual.

Permítome escreberlle para lle dar conta dunha alarma fundada. Lin hai pouco que vostede estará á frente dunha equipa designada polo Ministerio de Educación destinada a deseñar o "novo" sistema universitario español. Examinei atentamente o elenco dos "expertos" que a acompañarán neste ambicioso empeño e aínda non curei o asombro. Tal comisión dixital (ula, a voz das Universidades?; onde a voz e criterio do profesorado dos níveis preuniversitarios, primario e secundario?) está composta por: un catedrático de Dereito Político; un idem de Física Teórica; un idem de Economía; un enxeñeiro de Telecomunicación; a decana da Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía da UNED; un catedrático de Economía e Estratexia na London School of Economics; un doutor en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Navarra; o vicepresidente de Relacións Institucionais do IE Business School; o vicepresidente segundo do Banco de Santander (¡!) e, en fin, a decana da Facultade de Ciencias Xurídicas e Sociais da Universidade da Rioja.

A paridade xenérica brilla pola súa ausencia (tres mulleres, por oito homes), mais hai unha outra cuestión rechamante: ninguén, absolutamente ninguén, representante das pobres "Letras" ou das humanidades, belas artes, música, literatura, historia, filosofía... A exclusión ou a redución progresiva vén de lonxe. Son, a moitos efeitos, os decimais que se desprezan. Seica debemos pór a universidade ao servizo directo dos mercados, eufemismo da inclemente globalización e da súa voracidade. Debemos formar estudantes para seren man de obra técnica das multinacionais, mesmo que sexan analfabetos funcionais en destrezas básicas, en coñecemento de leitura e de escritura, en historia, artes, literatura ou música..., disciplinas todas elas que algo deben de ter a ver coa nosa pasaxe de homínidos a seres humanos, de cuadrúpedos a bípedes. Algo "perigosas" deben de ser, porque, desde a propria lingua que nos define e nos constrúe como seres sociais até a historia de que procedemos, padecen tal teimosía redutora e eliminadora. Colócase como obxectivo primordial dos departamentos de Educación a consecución dun ordenador por, ao menos, cada dous-dúas alumnos-as. Teño xogado coa inversión desta previsión: mellor dous por cada un, un para cada man; talvez así se logre aumentar máis aínda o lucro das multinacionais do sector e, se cadra, conseguimos que as-os adolescentes vaian mimetizando o rectángulo das pantallas nos seus rostos. De homo sapiens a homo parvus, perdón, a homo technologicus (e perdón pola invención...).

Eu non vou entoar, Dra. Miras, nengún ditirambo pseudolírico polas humanidades. Só denuncio que a súa exclusión ten uns claros beneficiarios, os que se apontan á mercantilización absoluta da vida humana, á histeria imperial do negocio mundial, á hexemonía das grandes corporacións financeiras e todas as axencias políticas que as amparan. Neste cuadro, sobran, sobramos... Mais dáse a circunstancia de que existimos. Non me refiro ás-aos profisionais das materias que citei. Refírome a que existimos povos diferentes no planeta; linguas distintas e distintivas; culturas específicas; artes nacionais... e resulta que non nos imos resignar a perder estas credenciais humanas e humanistas e a poñelas en diálogo, en pé de igualdade, con caisquer outras do mundo.

Sabe ben vostede que o que até aquí espuxen esquematicamente conta cunha bibliografía ad hoc autorizada por voces moito máis expertas do que a miña: Nicholas Karr, Jordi Llovet ou Martha C. Nussbaum poden ser algunhas delas, que seguramente vostede coñecerá. O pasado día 18, na Facultade de Filoloxía da UDC, a miña, tivo lugar un acto singular, das mellores actividades extralectivas que recorde. Grazas aos bons oficios da profesora Helena López Palma, estivo connosco o grande da música Jesús López Cobos. Antes de ser o magnífico director de orquestra recoñecido en todo o mundo, estudou Filosofía e Letras. Cunha envexábel capacidade didáctica e grande amenidade e rigor, foi debullando varios aspectos do seu traballo de tantos anos e respondendo a cuestións moi intelixentemente plantexadas pola moderadora, a profesora citada, antes de intervirmos varias persoas do público. Non escatimou eloxios para Gustavo Dudamel e para o director Abreu, que o formara, nunha magnífica programación, en Venezuela, dirixida a retirar nenos e adolescentes da rúa e da droga ou a delincuencia integrándoos-as, no aprendizado dun instrumento musical, na orquestra de que procede o mesmo Dudamel. Así mesmo, lamentou o desprezo das belas artes e das humanidades que motiva este artigo. ¿Valerá de algo que voces documentadas como as que citei fagan soar, máis unha vez, a voz de alarma?

Dra. Miras Portugal: vostede é galega de nacemento e é muller. Pergúntollo abruptamente: ¿sobramos as mulleres porque nos dedicamos (falo en termos masivos) a labores tan pouco ou nada remunerados como coidar doentes, dependentes, criar fillos, atender vellos ou garantir a produción e a reprodución de bens e servizos domésticos? ¿Sobran a lingua e a literatura galegas porque -grazas á inestimábel axuda do Estado e da Xunta de Galiza- teñan poucos alumnos-as nas actuais circunstancias? ¿Imos depender do que de nós opine e xulgue o vicepresidente do todopoderoso Banco de Santander? ¿Imos acabar sendo botín de Botín, de todos os Botín de turno? Perda, por favor, un minuto do seu tempo en pensar sobre algo de todo isto... Obrigada por adiantado.