Cousa que non se esquece, moi viril e feudal iso da caza, que tamén ten rango menor, maior e maiúsculo. E sempre haberá por algures temporada e coto reservado. Para algúns a veda sempre aberta e con licenza para dar renda solta a todo instinto primitivo. Hai un antes e un despois de Botswana a sumar ó desprestixio dun reino hipotecado, á crise e á Historia española. Con música de pasodobre ou de NO-DO como banda sonora. A escopeta nacional cumpriu a súa maioría de idade, xa se fixo escopeta internacional.

Coa prehistoria prendida imos madurando, agora arrastro do tirón alemán. É ancestral cousa de cortesáns -neste país de plebeos e maiorais, que ten como patróns a santos armados cabaleiros e quixotes, que escolle como emblema o campante touro negro de Osborne- seguir a tourear e estoquear ós medos do minotauro. Facer da lidia e da caza festa nacional, meterse na parafernalia desa liturxia de serventes vestidos de luces ou de verde camuflaxe, arrodeados de cans e apertrechados de aceiro, perdigóns de chumbo ou de cananas, retratarse a cabalo e brandindo armas brancas ou negras, coleccionar cabezas desecadas, cornos, panoplias, inventar heráldicas de fachada, poñer máis respecto ós submisos súbditos. A de Botswana foi unha faena abortada, de abucheo con saída pola porta faxeira dun hospital e coa cabeza gacha. O cazador cazado ó que se lle perde respecto.

Os de barrio e aldea aprendemos de nenos a cazar ratas e paxariños con trampas, a cantazos, con tirachinas, e tivemos escopeta ou espada de pau ou plástico coas que atemorizar ós gatos. Os fidalgos é outra cousa: xa de nenos entre xogos prohibidos de calibre 38. E seguimos de cacería, detrás dunha pega, dun lobo, dun urogalo ou dun elefante.... Desas tradicionais artes hispánicas, de cinexética e cetrería, entre máis, sabía moito o finado de Vilalba, que por certo tamén andaba de cacería polos ermos de Toledo cando o Prestige enchapapoteou a beiramar de Galiza. Uns detrás dos outros, brandindo un arma ou buscando o pan de cada día. E facémolo dende sempre, primeiro acantazándonos, despois fundindo metais e inventando machados, alabardas, lanzas, puñais, espadas, arcos, baestas, navallas de Taramundi ou albaceteñas de tres, de catro e de cinco estralos, sofisticámolas á baioneta e complementámolas ó invento da pólvora e a outras torturas chinas. Sempre de cacería, a disparos e a golpes, en ocasións tamén de estado.

Non temos máis que enxergar: os museos arqueolóxicos e históricos mostran en vitrinas a historia da evolución, da avaricia e máis do sálvese quen poida a base de armas, munición e medallas, asociadas en diferentes épocas a castros, castelos, búnkers, condados, reinos, imperios . E nesas seguimos, cabalgando sobre a preocupante serra das gráficas económicas.

Conta a historia, que alá, polo setecentos trinta e tantos, o príncipe galaico-astur-leonés (por precisar máis neso da xeopolítica altomedieval) herdeiro de don Paio de Covadonga, don Favila, pasou á historia por morrer nunha cacería esfolado e devorado por un oso. Pasa ás veces que o ousado cazador resulta cazado nas súas andanzas cabaleirescas e o tiro sae pola culata. Xa se sabe, quen xoga con armas pódelle pasar de todo. Teríamos moitos exemplos e o máis recente o que lle sucedeu ó vixente representante da monarquía española, que a parte de situar no mapamundi a Botswana, metaforicamente saíulle o disparo por atrás e no momento máis impropio. Cousas que tamén pasan na empresa e nas finanzas. E calquera -e máis aínda quen sigue sendo un rei- debe saber cando, onde, con qué, a qué e con quen cazar.

Males como ese pérdense nas memorias dos reis e dos príncipes pasmados, os que en vez de atender á tenda, ó vasalaxe, gustaban de realizarse dende nenos, de ir detrás dun animaliño calquera polos montes leoneses de Babia... ou se acaso, cando o poder foi maior e dende a Astúrica da Gallaecia se ampliaron as campañas e a vocación imperial, o monarca saía coas súas e armado seguía de cacería e apuntaba por terras xieneses dos cerros de Úbeda. O monarca "estaba en Babia" o, como si nada, andaba "polos cerros de Úbeda". Agora os monarcas, de picos pardos e mala pata, andan pola exótica Botswana.

Como escenario a tranquila República de Botswana, excolonia, a que ate 1965 foi para o Reino Unido a súa Bechuanalandia. Situada entre Namibia, Zambia, Zimbabe e Sudáfrica, con amenceres e seráns roxos, entre cánticos tribais e de todos os paxariños . De servizais habitantes, coutados polo sida, que veneran ós turistas de elite. Legkoa, chámanlle ós que como reis brancos propinean entre os nativos con caramelos e dólares.

Programas turísticos que inclúen safaris, acampada, acougo... Pártese dende Cidade do Cabo ás míticas cataratas Vitoria, visitando o río Orange, o deserto de Namiba, o Fish River Canyon, o PN Etosha...continuando a Botswana para vivir a experiencia do Delta de Okavango e o del Parque Nacional Chone...o programa pode facerse a medida do cliente. Escapada, para algúns co pretexto de cazar varias presas cun soío tiro. Safaris organizados por axencias europeas que compiten entre si e se especializan en tipos de turistas, acorde co gasto, nos que todo ven dado entre caprichos. Safaris Luxury en lodges súper BIP, en tendas de campaña de sedas, tules e rasos, que multiplican as cinco estrelas e un cosmos de caprichos ó seu redor. Privacidade absoluta, onde nin é capaz de furar un incauto mosquito. Paraíso entre búfalos, leones e leopardos e unha garda pretoriana de servizais nativos, criados, cociñeiros, guías, choferes, carrexadores, etc., etc. ollos atentos a calquera xesto dos seus adiñeirados clientes.

Ó fin e ó cabo a historia segue a dar voltas e a enrolarse en espiral, a novísima fidalguía ten outros máis exóticos puntos de encontro e outros pretextos económicos pra reais cacerías. Desanda camiños do evolucionismo e retorna á África das fames e do escravismo de diamantes e do ouro, a algún paraíso exótico e tranquilo, rodeado de conflitos. A diana formal ponse na cabeza de animais que se ven ben, pra atinar sempre co tiro no entrecello. De non haber mamuts haberá elefantes ós que abater, e cos que superar toda prehistórica arte rupestre e facer a fotografía da faena, con arma en ristre, pisando a trompa inerte. Rico material de inspiración. Algún día neses baldeiros centros de arte contemporáneo expoñeranse series, vídeos, instalacións de moreas de cornos e cairos de marfil, pelicas e cabezas desecadas co suxestivo argumento da Historia dunha Escopeta Nacional que se internacionaliza.

Juan Carlos I de España vivirá prendido á mala pata de Botswana e á conseguinte caída e deterioro posterior. Nesas ansias seguimos a producir e subministrar guións, a superar a escopeta nacional franquista que parodiou no cine Berlanga, para retratar a empresarios e gobernantes en contubernio con escopeta, presas de caza e algarabías erótico festivas por medio. Nesa produción kitsch seguimos, e como sempre mouros, xudeus, cristiáns e proxectos empresariais por medio, agora petróleo, para rendibilidade da banca e dos paraísos fiscais. Antes eran simples fabricantes de porteiros electrónicos ou fabricantes de gasosas, agora é a renovada jet set con outra dolce vita, outra beatiful people, menos ética e estética: son monarcas insatisfeitos, tronados ou destronados, princesas consortes divorciadas, axentes turísticos, emires desorientados, monarcas de países decadentes ou presidentes emerxentes, quizais tamén algún exaxente do ladrillazo ou da banca ó asexo. Real anécdota que pasará á Historia.