Todo pobo e mesmo cada persoa ten o seu exótico oriente, no que orientarse, cara ó que conducen as estrelas. E este noso extremo occidente ten o seu oriente próximo no "Crecente fértil". Territorio afundido entre a Historia e os mitos, entre os fecundadores ríos Nilo, Xordán, Orontes, Tigris, Éufrates e un deserto preñado de enigmas e sepulturas. Por unha banda aberto ó Mediterráneo que é dicir a todos os demais camiños. Fluír que fixo posible ansiados paraísos terreais con tempos de vacas gordas e fracas. Nel está a orixe dos primeiros poboados neolíticos, domesticadores do medio, das plantas, dos animais, rexidos por magos que ergueron cara ó ceo ídolos e obeliscos con pés de barro e de basalto. E a pesares de tanto andado, sempre a guerra.

Atráenos ese oriente calidoscópico, envolto en areas ardentes e inmensos ríos pousóns, entre turbantes, sedas e o incenso das mil e unha noites, onde o día se abre e se pecha encadrado en minaretes e o canto dun muecín. De sempre temos lido historias de mouros e cristiáns e mesmo, feito sobre o chan, a Viaje a la luz del Chan que retoma Rosa Regás. Declarámonos apaixonados dos desertos árabes e de cando en vez, para abrir á aventura, sometémonos a pasar horas de espera en fronteiras, a aturar o capricho de xerifaltes aduaneiros, comendo filloas de pan, entre golpe de cuño e cuño. O asunto é entrar en tribos que viven ó ritmo de antiquísimas tradicións, do tanxer do pandeiro, da música do argul e dun destino tenso, entre intolerancias. Atráenos a arqueoloxía de cidades-estado con vida cinco milenios antes de Cristo, rexidas polas leis de Hammurabi e sabedoras do paso do patriarca Abraham... hoxe tells de barro, furados polas trincheiras das contendas, esqueletos de adobe. Arqueoloxía que busca a palabra en signos cuneiformes impresos en táboas de barro das súas bibliotecas: Ebla ou Mari formaron parte da Mesopotamia. Tripamos o chan de Dura Europos, nas ribeiras dun Éufrates que desafía ó deserto e ó calor, con vestixios de todo tempo, ocupada por Grecia e por Roma, para conformarse nela a catequese do xudaísmo e do cristianismo e espallarse as súas primeiras iconografías. E a antiquísima cidade murada de Ugarit, onde se atopou o primeiro alfabeto, do século XV antes de Cristo e que vai do cuneiforme sumerio ó semítico, patria de comerciantes en relación con Creta e orixe dos fenicios. Paseamos pola pedra mol, micosa e brillante nas que se esfarela Serxiopolis. Soubemos da frescura das súas cisternas, cidade e templo do martirio de San Serxio. Foi esta a soñada Resafa, o penúltimo refuxio dos califas Omeyas, perseguidos, da que fuxe Abd al-Rahman I para reconstruír aquel seu paraíso perdido en Medina Azhara e nacer o Emirato independente de Córdoba. Cavilamos sobre o cardus da cidade nabatea, grega e romana de Bosra, construída con negro basalto...e sobre o da branca, marmórea e poética cidade de Apamea, coas súas columnas de estrías helicoidais sostendo o ceo e un vento que aínda conta o paso de Cleopatra. Estivemos varias veces e ansiamos volver a Tadmor ou Palmira, a cidade rosa do deserto, oasis, de augas termais entre palmeiras dos máis saborosos dátiles, onde, a pesar da contaminación hoteleira, seguen habitando os espíritos do pasado, presididos pola nostálxica Raíña Zenobia, antirromana que acaba sucumbindo ó imperio, para morrer de morriña nunha vila romana... e as sombras da amante de Sir John Moore, a romántica e ousada viaxeira lady Esther Stanhope, coñecida de Byron, a que escolleu como habitáculo as ruínas do gran templo de Bel. Considerada reencarnación de Zenobia, curando ós beduínos, para logo morrer, rodeada de gatos, entre as pedras dun castelo druso do Líbano. A vila branca e mal organizada de Malula, gardadora do idioma de Cristo, o arameo, entre barrancos calcarios e un desfiladeiro aberto milagrosamente pola Santa Tegra, a compañeira de San Paulo, virxe e mártir. Aquí ten sepultura que reparte con Tarragona. Culto traído na antigüidade á desembocadura do noso Miño... Qalat Siman, os seminarios eremíticos, erguidos a redor da columna cristianizada por Simeón o Estilita. Escola cenobítica de dendritas, cavernícolas...ebrios de Deus, quixotes, entoleirados da doutrina apostólica, cristianizadores de cultos pagáns. Son as ruínas das "Cidades mortas" do deserto, en fronteira con Turquía e patrulladas por tanques... E a cidade de Alepo, coroada pola Cidadela, bastión infranqueable, reutilizado e sempre en estudo arqueolóxico. Como o Crac dos Cabaleiros, modelo entre os castelos, que soubo de cruzados británicos, galos e quizais galegos da Orden de San Xoán de Xerusalén, fronte ás tropas de Saladino, sultán co que dialoga Francisco de Asís... Hamma, coas xigantescas norias sobre o Orontes, a dar voltas. Cidade sumida en sangue no 1982, bombardeada polas tropas gobernamentais fronte os Irmáns musulmáns... E sempre agarda Damasco, foro con arrecendo a incenso, mirra , loureiro, especias e sebo, arredor da Mezquita dos Omeyas, construída sobre a basílica cristián de Constantino que xa destruíra o templo de Xúpiter... Xogo de mármores e mosaicos encadrando a reliquia da cabeza do Bautista, considerado profeta polos musulmáns. Peregrinación e inspiración do moro Muza e de Almanzor. Nos arrabaldes de Damasco foi onde caeu do cabalo Saulo, onde os franciscanos mantiveron a capeliña de San Ananías deica ser mártires, como o devanceiro de Camilo José Cela, Xoán Xacobo Fernández, natural de Moire, en terras ourensáns de Cea. Baixo un altar da igrexa franciscana venérase a súa osamenta. Barrio cristián célebre polas artesanías do taraceado con madeiras de oliveira e ciprés, combinados con nacre, ensinanzas ás que non foron alleos os franciscanos de Herbón.

Neste oriente naceu a lei e o verbo e fíxose carne...a facerse e desfacerse en cantos, contos, rutineiras oracións e tamén insultos e ameazas. Cotizado país de paso entre Exipto, Babilonia, Persia...para transmitir o seu legado a Grecia, Roma, Bizancio... e inspirar o Románico. Aquí conviven castas musulmáns, sunitas, alawitas, xhiitas, drusos...con outras igrexas cristiáns e tamén xudeus, entre antiquísimas relixións de influencia oriental, as que se extinguen ante a misión islámica. Terra cobizada por turcos, ingleses, franceses, até a súa independencia no 1946. No 1973 apróbase a Constitución da República Democrática Popular Socialista, parcheada. Cóctel totalitario de islamismo e socialismo sui géneris, presidencialismo perpetuado cada sete anos e que dende o 2000 e despois da morte accidental do irmán sucesor, retoma Bashar al Assad, oftalmólogo, e cabeza do Partido Baath Arabe Socialista. Fillo do anterior presidente Hafez al Assad, dictador omnipresente en monumentos, fotos, idolatrado deica o martirio. País baixo a mirada paternalista de Rusia e o receo da Unión Europea, dos EEUU, e mesmo da Liga Árabe. As incursións yihadistas de Al Qaeda súmanse á mestura de guerrillas para derrocar a Assad e estender a "Guerra Santa". Na base do conflito están os intereses estratéxicos, a conflitiva veciñanza con Israel que lle arrebatou os ollos, os altos do Golán. Siria é fronteiriza co Líbano polo monte Hermón, con Xordania, con Turquía, río Tigris por medio e co Iraque... A cuestión acéndese, a pesares do experimentado en Exipto ou en Libia, sometendo vidas fráxiles a unha cruel guerra civil, a cicatrices e gangrenas de futuro. Pedras, pobos moi rodados, pero como se nada se tivera aprendido: seguimos acumulando mártires inocentes por líderes e relixións.

Crecente fértil, corazón do mundo, a latexar, onde as "tribos do Señor", a trindade de xudeus, cristiáns e mouros, que predican a paz, non acordan. Nos tempos de Luis XVIII o conde de Volney escribía As ruinas de Palmira, reflexión sobre o ateismo tolerante, a liberdade, a igualdadade e a caducidade dos imperios... Á forza temos que mirar cara este oriente determinante.