Nos últimos días chegou até os buzóns de moitas persoas que son clientes de NovaGalicia Banco, un folleto titulado Este es nuestro compromiso con Galicia. O folleto non é bilingüe, co que o compromiso da entidade bancaria coa lingua galega non parece ser unha das súas prioridades. Pero, curiosamente, a maioría dos seus clientes son habitantes desta terra. Mais deixemos isto e vaiamos ao documento. O folleto consta de dez pontos. 1. Somos e seremos solventes. Que o son está por ver, depende de próximos acontecementos financieiros internacionais. E sobre que o serán, xa o dirá o tempo. 2. Venderemos só produtos claros, sinxelos e doados de entender. Pois, claro, señores, claro que si. Logo do das preferentes están vostedes como para vender produtos escuros, complexos e difíciles de entender. Sería ter moita cara, non? 3. Seremos austeros e transparentes. Dúas obviedades. Non poden ser vostedes despilfarradores, despois dos salarios, retiros e indemnizacións tan altas que se teñen dado a sí mesmos non hai moito tempo. E teñen que ser transparentes porque en democracia é o mínimo que se pode ser. O folleto continúa con sete pontos máis que se teñen interés en coñecer poden atopalos en nuestrocompromisocongalicia.com. Entre eses outros sete destaca tamén pola súa obviedade o número 8. O cliente é o centro das nosas decisións. Pero quen ía ser? O cliente é o depositario das súas nóminas e dos seus aforros. Xa levan moito tempo gobernando as caixas e o banco sen ter en conta aos pequenos aforradores. Agradézolles moitísimo que teñan esta deferencia para con eles. En fin, non sei para que serve este folleto, nen quen tivo a brillante idea de poñelo en circulación. Supoño que se pretendía dar confianza aos clientes de cara aos novos retos que afronta Novagalicia Banco, pero, un servidor, humildemente, aconséllalles que baixen á rúa, ao agora. Que falen directamente cos seus clientes, cara a cara. É aí onde se lle dá confianza a un galego con respecto aos seus aforros e aos seus cartiños. Fixérono cando as preferentes. Fágano agora. E que o fagan aqueles mesmos empregados que os enganaron. Iso sí, pedíndolles desculpas, previamente, a anunciarlles as bondades das súas novas intencións. Non sei cantos cartos do rescate lle corresponderán á súa entidade bancaria. Sei que son menos que os que lles corresponden a Bankia. Pero pensen que nos próximos meses os ollos da cidadanía galega que os rodea xa non serán inocentes. A Banca e os seus desmanes fixo que moita xente perdera a súa inocencia con respecto ao vostedes. A mirada dos dependentes, dos parados e dos enfermos estará fixa nas súas accións porque para eles non hai rescate e para vostedes sí. Sexan honrados e honorables e terán un país detrás de vostedes. Só se lles pide iso. O éxito ou fracaso dunha xestión pódese comprender, o engano e o fraude, non. Sorte e que sexa un éxito porque iso nos beneficiará a todos. E, créanme, digo, isto último, desde o corazón.