Érase unha vez unha dama que estaba en boca de todos e un guerreiro vitorioso á que ningunha das batallas que ganaba lle erguían a paletilla. Para falarlles do asunto da dama, que en efecto é a concelleira Olvido Hormigos, permítanme que lles conte o caso das tres amigas que un día falando de cómo introducir un revulsivo na súas vidas sexuais, decidiron ir de compras a unha sex shop e facerse con cada seu modelo deses de coiro negro, máscara, botas negras e látego opcional. As tres tiñan diferentes tipos de relacións (unha noivo, outra amante, a terceira estaba casada) e quedaron en darlle unha sorpresa aos respectivos e intercambiar logo as experiencias. A que tiña amante (suponse que casado) dixo que fora unha loucura, e que nunca tan arrebatado o vira. A segunda concordou en que o seu noivo volveu ter a paixón inicial, pero máis seguro de si mesmo. "E ti?", preguntáronlle á casada. "Entrou, mirou cara a min e díxome: Batman, que hai de cea?".

Isto (que non é un caso, senón un chiste infame que non me resistín a contarlles) vén a conto de que en cuestións de sexo todo está permitido, mentres suceda entre adultos, con libre consentimento, e cada un que coide en como incida nos acordos que teña con terceiros. Tal e como a describen, a gravación da concelleira socialista yebenesa é case recatada para o nivel que campa en internet ou nos móbiles da xente. O asunto saíu á luz cando ela presentou a dimisión e un medio difundiu o porqué. Os rebumbio nas redes sociais fan, como as guerras e as borracheiras extremas, que saia o mellor e o peor da xente. Entre os peores hainos, maioritariamente entre os adversarios, como o presidente de NNGG de Montjuich (onde escolle o PP a esa xente?) que di que "no se puede tener un sueldo público y grabarse masturbándose" (o incompatible é ter un soldo público e meter a man noutro sitio, pero por iso non dimite ninguén). Pero tamén do seu, como a exministra da Vivenda Trujillo: "Si no sabes administrar tu vida privada, ¿cómo vas a administrar la pública?". Querida exministra, como dixo unha alcaldesa belga gravada nun acto sexual no castelo de Olite en Navarra, "é un acto privado, sen relevancia política". A máis lista? Esperanza Aguirre: "En defensa de tu intimidad, Olvido, no dimitas". Algo que deberían entender os cazurros que lle foron chamarlle de todo á concelleira no pleno no que se ía tratar a súa dimisión. Porque ela é a vítima, non a delincuente. Por moito que quizais mentira, e o destinatario non fose o seu home, senón iso que a prensa cursi e os nenos con excesiva influencia norteamericana chaman "un amigo especial". Ese futbolista imputado por subir a internet o vídeo e botar a andar a bóla de neve.

E do desgraciado do futbolista que perverteu un agasallo difundíndoo, ao futbolista que é desgraciado por non se sabe que razóns. A min si me parece que CR7, pese aos seus millóns, pode estar triste. É un dereito que non se perde cos cartos. E tristes deberiamos estar todos por vivir nunha sociedade que se paraliza por unha concelleira que se masturba e por un futbolista que se amorroa.