O labirinto do alquimista

Venus-Virxe-Top model

 05:05  
Venus-Virxe-Top model
Venus-Virxe-Top model  

FELIPE SENÉN É MUSEÓLOGO E TÉCNICO DE XESTIÓN CULTURAL FELIPE SENÉN Setembro recolle e pon a proba á nai Terra. É cando se recollen os derradeiros froitos, o mel nas colmeas, os figos... e sobre todo cando se continúa con esa ascese que da vide leva ó viño. Faise festa dedicada á deusa Terra.

Os cronistas grecolatinos de fai dous mil anos, coñecedores "en directo" ou polo que lle contaban do que acontecía nestes confíns do vello mundo, referíanse en que por aquí había un matriarcado... E esas cousas aínda se portan no ADN sociocultural. Na Prehistoria a produción de alimentos era cousa da muller, nai de prole, que ordenaba e mandaba na casa, en agras e animais. Logo, pola forza das batallas, das propagandas, da formación e sobre todo polas relixións, as cousas mudaron. Campou entón o machismo, reducindo e tamén escravizando á muller. Até ben entrado o século XX que se asentou cabeza, entón o feminismo organizouse, pronunciouse, madura e perfílase nun conxunto heteroxéneo de movementos políticos, culturais e económicos que procuran a igualdade. E nesas seguimos.

As sofisticadas Venus clásicas mudarán cetro, trono, carro, peso físico e social e as novas relixións históricas identificaranas con Eva, para erixilas como símbolo do engano: fáciles á sedución e á tentación de calquera serpe, enseña do pecado orixinal. Até pretender reducilas á carcasa das posmodernas stars que contaxian e comparten moqueta roxa con cinematográficos galáns.

A Cleopatra exipcia, a Zenobia de Palmira, a céltica Boudica, as amazonas britanas ou as anónimas mulleres do Medulio... son algúns exemplos que sucumbiron ante os romanos pero que perviven historia. Galiza ofrece unha secuencia histórica de mulleres emprendedoras, arrodeadas de sombras e mitos, que si a Raíña Lupa, as mártires Mariña e Eufemia, a viaxeira Exeria, María Pita, Pepa Loba, Xoana de Vega, Concepción Arenal, a Pardo Bazán e bendita entre todas as mulleres Rosalía de Castro.... Mesmo até non hai moito, detrás do postigo de cada casa agardaba unha matrona, como unha Penélope gardadora da tradición, administradora de eidos, animais, traballo, memoria dos ancestros en oracións interminables, organizadora da súa prole. Namentres o home se botaba a abrir camiños, a marcar territorio. A casa coñecíase e era a "casa de Rosa", "de María", "de Manuela"... Cousa común nas orixes das civilizacións, onde se veneraba á "deusa nai", ou á "pachamama" americana, representada como donda e cos seus atributos ben marcados. Das que resulta herdeira a Isis exipcia, Raíña dos deuses, a Gran Meiga, que no seu trono aleita ó seu fillo. Veneración e culto introducido pola milicia romana, compartido polos galaicos que se sumaban á empresa do imperio. Os cristianos formados na Tebaida exipcia comezaron a reconvertir aqueles ídolos.

No mundo clásico eran as deusas e os deuses os que guiaban o destino, o "fatum" dos mortais. E a deusa Cibeles era tida como a gran nai. Deusa da Terra, das cavernas, das montañas nas que abrolla a auga, do bosque, dos animais. Deusa da resurrección, da anovación... A ela rendíaselle o culto do taurobolio, o sacrificio do touro, con tanta presencian na Galiza castrexa. Os romanos identificárona con Ops, a deusa da fartura, das cornucopias a rebentar en froitos. Dos seus amores co deus das colleitas, Saturno, naceu Demeter, a Ceres romana, irmán de Xuno, Xúpiter e Plutón. Era esta a deusa dos campos domesticados, traballados, sementados, dos cereais... Nese Olimpo de mulleres destacaba Afrodita ou a Venus romana, a filla de Zeus e Dione, nacida do mar, dunha cuncha de vieira, símbolo do amor, da beleza, da fecundidade... Escintilantes deuses e deusas, identificados con astros. Venus foino coa estrela matutina, marcando as alboradas e pola tarde anunciando os solpores como estrela vespertina. Rico bagaxe cultural que aproveita o cristianismo para reconvertelo e seguilo a celebrar até os nosos días en templos e altares presididos por unha imaxe feminina, aureolada de mitos, a que se di, quizais, aparecida nunha caracocha, entre penedas ou ó pe dunha fonte... A Virxe piropéase, defínese e cántase nas ladaíñas. No século XIII o Rei Afonso X o Sabio, autor das Cantigas de Santa María para entretemento en pazos e festas, poetiza as milagres feitas pola Virxe. Santa María figurase erguida sobre os astros, sobre o sol e a lúa do cosmos, pisando ós monstros do caos, rodeada de anxos bos... Faise intercesora feminina entre deuses machistas, axuda ós que purgan penas. Celebrada nun tempo bisagra que se prepara para o outono, que fai vendima, que ensila. E velaí o cimo do 8 de setembro, festa da Natividade de María, do principio feminino, seguida de todas as súas advocacións, a imaxe e semellanza do que se ansía, como Virxe dos Remedios, dos Milagres, do Socorro... E detrás as orixes pagáns: templos que reutilizan materiais romanos quizais erguidos sobre altares dedicados a advocacións femininas, como o de Santa María Nai de Ourense, Santa María de Iría Flavia, Augas Santas de Allariz... Para profundar recomendo o acaído libro de Xoán Xosé Cebrián Franco Santuarios Marianos de Galicia.

No lugar da Ermida, en Quiroga, nesas encostas que soben ó Courel, onde apareceron vestixios da primeira cristianización da Gallaecia e posiblemente asociados ó escravismo mineiro romano, neste oito de setembro celebran a Festa das Pampornigas. Romaría dos pámpanos e do viño, onde saen o Adán e Eva e un demo a zoscarlle á xente, baixo músicas de gaita ancestrais, xa recollidas polo courelá Xosé Luís Foxo. Moito de pasado hai nesta festa, de cultos á Eva da mazá dourada, a Venus, enredados en cultos dionisíacos, cristiáns e contemporáneos. Santuarios ós que nos conduce a forza instintiva da tradición, para sumar pasado a presente e ofrecer os produtos da terra, do artesanado e afortalar a tribo.

A partires do século XII os frades do Cister, seguidores da reforma da regra de San Bento, feita por Bernardo de Claraval, herdeiros dos templarios, espallarán os seus mosteiros, centrados nun templo dedicado a Santa María. En Galiza, o rei Afonso VII, aliado co que acontece na Borgoña, propaga esas multinacionais medievais para que humanicen o territorio: viño, castiñeiros, hortas, pesca, feiras, trasfego, mercado de arrieiros... e tamén ermidas para celebrar a santiños e desestacionalizar, para facer feira e romaría. Apréndese que a aventura e a desventura forma parte do camiño, que a treboada ou o sol serán compañeiros de viaxe. Así é que formamos parte do ir e vir polos camiños, de poñer telderetes, de crear os nosos carrefours nos puntos de encontro. Santa María a Real de Sobrado, de Oseira, de Armenteira, de Acibeiro, de Oia, de Carracedo.... e todas esas concorridas celebracións no Faro, na Franqueira, na Barca, en Pastoriza, na Escravitude, en Amil, no Monte Medo, no Corpiño, no Chamorro, nas Cabezas, no Camiño... Lugares para oferta e a demanda, altares cargados de ofrendas e, como na Escravitude ou en Pastoriza, na sancristía eses exvotos propagando milagres, curacións... historias populares merecentes dun museo. Cousas para contar ante os perigos de que, nunha cultura degradada, todo o tradicional rechía, cheira a pasado rancio e botase ó lixo, namentres teledirixen os novos mitos e ritos do consumo.

  HEMEROTECA

Sigue las noticias de A Coruña en:

FacebookTuentiYoutubeTwittertwitter deprotesFlickr Google plus
CONÓZCANOS: CONTACTO | LA OPINIÓN A CORUÑA | LOCALIZACIÓN | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de laopinióncoruña.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
Adaptado a la Ley de Protección de Datos por
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo
Diari de Girona | Diario de Ibiza | Diario de Mallorca | Empordà | Faro de Vigo | Información | La Opinión de Granada | La Opinión de Málaga | La Opinión de Murcia | La Opinión de Tenerife | La Opinión de Zamora | La Provincia | La Nueva España | Levante-EMV | Mallorca Zeitung | Regió 7 | Superdeporte | The Adelaide Review | 97.7 La Radio | Blog Mis-Recetas | Euroresidentes | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya