Enténdese por estranxeiros aqueles que non naceron neste país. Moitas veces as súas actividades causan irritación e máis se lograsen ocupar cargos importantes ós que chegan -ás veces- porque os golpes aprendéronlles a traballar duro, a se contentar con pouco, ou a se manteren alertas.

Son estranxeiros, son cidadáns de segunda, están obrigados a calar ante os acontecementos políticos e económicos de cuxo curso depende, sen embargo, o seu destino. Son estranxeiros, e suponse que ignoran a nosa historia e que son indiferentes ás nosas loitas. A maioría deles escolleron libremente España e por teren topado nela refuxio e fogar procuran se impregnar do hispano, do noso. Moitos preocúpanse, angústianse e demostran o seu apego a esta terra.

Son estranxeiros, sen embargo, e mantémolos á marxe.

Pero eu sosteño que eles, por teren nacido noutros países, non son nin os verdadeiros estranxeiros, nin os máis perigosos dos estraños.

Os estranxeiros negativos, os estranxeiros deletéreos, os estranxeiros no verdadeiro sentido da palabra, son aqueles que nacidos aquí, atetados polo zume do noso pobo, vencellados por xeracións á nosa terra, viven como estraños.

Eses, galegos por nacemento, españois tamén por lei de sangue, son auténticos alieníxenas. Viven nun mundo aparte cuxo cordón umbilical nútreos de intereses estraños. Ignoran a nosa lingua, ós escritores galegos, ós creadores, ós que en medio das máis grandes dificultades están construíndo a nosa verdadeira imaxe.

Os emigrantes que viñeron de fóra teñen estes días a súa cara de dolor pola posible perda da asistencia sanitaria, entre outras desgrazas. España hai moitos anos que se converteu nun país de inmigración procedente do terceiro mundo. O noso antes, foi exportar man de obra barata. Cando Europa restrinxe o paso de novos emigrantes, portugueses e norteafricanos quedan atrapados en España. Daquela, hai máis de 50 anos, quedaron entrampados máis de 100 mil marroquís. Comezan as chegadas masivas. Engádense fortes continxentes sudamericanos en procura de asilo e outros grupos como: filipinos, pakistanis, indios, palestinos. E alá polo 1984 as estatísticas disparáronse 600 mil o número de estranxeiros económicos do terceiro mundo e Portugal. O 65% atopábanse en situación non regularizada. E aparece a Lei de estranxería. Que sorte lle espera ós clandestinos?

Daquela interesáronnos: eran man de obra sen custos. Isto dos emigrantes, como vemos, vén de atrás.

Como quixeramos nós ser acollidos se nos encontrásemos na mesma situación?

O estranxeiro cuestiona o máis serio da nosa honorabilidade. O emigrante de color bérranos: "Se a vosa España non é sociedade pluralista, plurinacional na que entremos nós, como elementos constitutivos, iso é unha política de apartheid. Seguide facendo o que vos praza, pero non ensuciedes hipocritamente na vosa boca palabras tan limpas como a democracia, dereitos humanos, etc.".

Na crise achácanselle todos os males e, sen máis, confundímolos con delincuentes.

Non esquezamos que o emigrante vive en terras estrañas, é rexeitado, ás veces pola cor da súa pel, e loita pola subsistencia. Proceden de máis de 60 nacionalidades. Ás veces os medios de comunicación destacan o negativo, extrapolan a innegable delincuencia, pero que é de minorías, mentres silencian as verdadeiras situacións e problemas.

Hai que integralos na sociedade española, ó mesmo tempo afianzalos nas súas raíces. O dereito á diferenza onde está?

Leo nunha estatística que dos 200 mil traballadores norteafricanos que había en España, o 90% eran ilegais, polo que non podían ser axudados, nin defendidos a nivel oficial.

"Non clasificarás nin humillarás ó teu veciño posto que o racismo perverte a alma". Ser amigo é compartir. Non ser racista.

Como di o convincente e persuasivo speaker. Tamén admirado -que non admirador-, xigante da animación, crítico sagaz do que escribimos, que lle recordamos moito aquilo da Codorniz "a revista máis audaz para o lector máis intelixente", e nós que tratamos que nos lean incluso entre liñas!!! Por se non queda claro: Estranxeiro non é o que escolle o noso país para vivir nel senón o que naceu aquí pero non exerce.