Un bó día, un día que coincidía cun día fin de ano, os checos e os eslovacos decidiron separarse dun xeito moi singular e continuar sendo dúas nacións irmáns pero libres. En Praga, capital de Chequía, e en Bratislava, capital de Eslovaquia, os cidadáns saíron á rúa para despedir o ano e despedirse dos seus veciños. Asinaron as súas mútuas independencias bailando en candansúa capital un valse. Unha maneira ben civilizada de solucionar un problema. Unha lección da Vella Europa. Nesa mesma década, nos Balcanes, os serbios, croatas, bosnios, montenegrinos e macedonios andaban a pegarse tiros e a cometer verdadeiras barbaridades e masacres de inocentes sen nengún control. Un xeito ben montaraz de solucionar un problema. Un fracaso da Vella Europa. En cal destes dous modelos se sitúa o problema catalán? Iso dependerá da madurez da nosa sociedade. Por poñer como exemplo, un señor salamantino que nada ten que ver coa política, o seleccionador de fútbol Vicente de Bosque, considera que "Os cataláns, como povo, teñen dereito a elexir o seu futuro". En Cataluña foi comprendido e aplaudido, en Madrid criticado e repudiado. Se algo ten este home é sentido común. E para solucionar o caso catalán só se precisa iso, sentido común. É tan raro que Cataluña queira votar nun referéndum cal vai ser o seu futuro? Non. Québec acaba de facelo. Escocia vai facelo en breve. Por certo, un referéndum, o escocés, permitido por Cameron porque xa sabe que o independentismo sairá derrotado das urnas. Pero non falemos de resultados, porque moita xente nega a capacidade dun referéndum aos cataláns partindo da base de que o independentismo gañará. E iso non está tan claro. Hai moitos cataláns e catalanas que non son independentistas, pero que consideran que Cataluña ten dereito a realizar esa consulta. Neste asunto, o máis importante é evitar as tensións, as bravatas, as descalificacións. Trátase de elexir entre ser checos e eslovacos ou ser crotas e serbios. A solución pasa por darlle unha normalidade á situación, dialogar, falar do futuro de España ou de Iberia dun xeito civilizado e non dun xeito montaraz. As tres nacionalidades históricas, Galicia, País Basco e Cataluña, poderían ter un encaixe dentro dun estado federal español. Pero o café para todos, descafeinouno todo e agora a cousa xa non é tan sinxela. Hai moitos intereses criados nas outras autonomías de España. Autonomías que se outorgaron, sacando no caso das nacionalidades históricas e no de Andalucía, sen que as outras as solicitaran. Somos un país curioso, os cataláns din que non se senten queridos por España e son insultados; Cristiano Ronaldo di que está triste, cobrando o que cobra, e os seus compañeiros do Madrid acuden como enlouquecidos a consolalo. Pois anda que non hai parados en Madrid e en Cataluña que deben de estar ben tristes. Xa dixen: Checoslovacos ou Iugoslavos.