Pois si, falar deste tema non é nada doado xa que a morte, ademais de escapar á nosa experiencia sensible, esperta ós nosos máis agochados temores.

E mire vostede por onde, as Nacións Unidas celebraron o luns, 10 de setembro, o devandito Día Mundial. E non quixemos deixar pasar por alto esta efeméride, porque segundo o poeta alemán Rilke "quen entenda e celebre correctamente a morte, enxalza ó mesmo tempo a vida".

O medo á morte está presente en todos os pobos e tempos, non en van son os homes os únicos que se saben mortais. O home moderno borrou a morte do seu horizonte persoal, converténdoo en tabú.

Como dixo Nietzsche, hai que aceptar tamén a morte "todo o que é maduro necesita morrer".

Un dos maiores temores do home, é o temor á morte como medo ó alén.

Pero falaremos en concreto da prevención do suicidio... Recordo de pequeno dous casos de suicidio claros. Lembro que non foron enterrados no cemiterio católico, nin sagrado.

O suicidio, o acto de quitarse a vida voluntariamente, resulta difícil de comprender se temos presente o desexo de vivir de todo ser humano. Hai dúas teorías: a de Freud, na que explica o suicidio a partir do instinto de morte e a outra fai depender o suicidio do grado e forma de integración do individuo na sociedade.

En todo acto suicida topamos unha dobre dirección: cara a un mesmo, agresións á propia vida e cara o entorno, é dicir, que se lle comunica algo á sociedade; un dobre aspecto, individual e social.

Na Idade Media o suicidio era considerado como un acto criminal, e aínda no século XVIII a lei castigaba con penas graves e deshonrosas ó suicida e ós seus familiares. A igrexa negáballe o ser soterrado en lugar sagrado. Non estaba permitido sacalo pola porta da casa. Ós familiares confiscábanlles os bens do defunto. Hoxe en día prevalece a idea de que o suicida é un enfermo mental. Segundo estudos realizados, en moitos casos, o suicida encóntranse nun estado de "perturbación mental" pero non hai que perder de vista os factores sociais que puideran orixinalo.

Existen distintos tipos de suicida: a) o que se mata por optimismo e b) o que o fai por pesimismo. Os que o fan por optimismo abundan máis. O optimista pensa que, con mellor sorte, el non tivese necesidade de matarse, non ten nada contra a existencia en si, máis ben sente paixón por ela, pero é incapaz de aturala.

O pesimista está fascinado pola fraxilidade inmunda da existencia. O pesimista non ten présa en se matar, pode levarlle toda a vida. Suicidio lento?

Segundo estimacións da OMS que non teño diante, as últimas estatísticas, máis de 1000 persoas suicídanse o día, e máis de 10000 inténtano no mundo. En Madrid dúas persoas mátanse cada vinte e catro horas e de 16 a 20 inténtano. No caso de suicidios consumados trátase de máis ben de buscar a morte, mentres que nos intentos de suicidio trataríase de transmitir unha mensaxe. Polo visto o perfil do suicida consumado é varón de 40 a 50 anos e que emprega métodos violentos para se matar.

O perfil do segundo suicida é muller, nova, e que emprega técnicas máis suaves.

Verbo da idade hai un período crítico para os varóns: a crise dos 40 que afecta a profesionais frustrados, a crise dos 50 que afecta a mulleres menopáusicas educadas para ter fillos exclusivamente; a crise do xubilado e un período moi crítico na adolescencia e a xuventude. Ultimamente salienta o incremento de nenos suicidas. Hoxe inflúe o acoso escolar. Segundo a prensa, acoso escolar homofóbico haino en todos os colexios.

Un 43% dos mozos acosados "pensaron" suicidarse e un 17% intentárono. O 90% foron acosados por compañeiros e un 11% polo profesorado, aquí inflúe o abuso de poder. Hai que explicarlles ós acosados que non se lles ocorra despedirse antes de tempo.

Dun artigo de Isabel Escudero collemos o seguinte: "Sempre nos alarma un suicidio pero o suicidio dun neno acada cotas de estremecemento que nos salfire (salpica) e acusan a todos (...). Respecto a infancia, todos recordamos as angustias que os nenos pasabamos coas notas do rendemento escolar, no momento de mostrárllelas ós nosos pais (...) pois a pesar de aquela máis dura disciplina escolar, non había tantos suicidios infantís".

O tema do suicidio segue sendo un tema tabú. Existe unha forte tradición a silenciar os suicidios. Elaborar unha estatística do suicidio é moi difícil por: a) ás veces non se pode establecer con certeza se a morte foi un accidente ou suicidio; b) porque os médicos e familiares soen tender a ocultar o suicidio.

Rematamos, teñen os homes dereito a quitarse a vida? Si ou non? Daranse varias respostas, de seguro.