si home si

Sinais de que si se está a acabar o mundo

 

XOSÉ MANUEL PEREIRO Cando eu comecei a escribir isto aínda non pasaran as 18.12 horas do día 21, o momento xusto no que, segundo o xeroglífico maia de marras, acababa o tempo. Non o mundo, senón o undécimo terceiro b'atkun, os períodos de 400 anos nos que os seus astrónomos contaban o tempo, desde o ano 3114 antes de que comezaramos a contalo nós. Pero como están comprobando vostedes, o mundo non acabou. Non acabou de vez e de golpe, pero hai sinais abondo de que está a acabar.

Sinais, por exemplo, aínda que lles pareza unha parvada, como ese anuncio pretendidamente optimista dunha marca de embutidos, na que unha serie de famosos van facendo o currículo de España para facer ver que non hai por que desesperarse, porque temos 7 premios Nobel (o posto 39 de 71 países), unha chea de infraestruturas (moitas que non se utilizan e que se fixeron cos cartos que agora adebedamos), o Quijote e Velázquez (e os exipcios as pirámides e os gregos a Acrópolis, e mira como están uns e outros). En definitiva, que para os da empresa de xamón cocido, hai que ser optimistas polas mesmas razóns que no seu día dixo Rajoy, "porque España está llena de españoles" (aínda que cada día de menos, e os que vaiamos quedando sexamos os menos espelidos). Se ese rollo tipo "nosotros, con este sol y esta alegría, que más queremos" funciona, que volvan os maias, pero os que facían sacrificios humanos con coitelos de obsidiana.

Con todo, o sinal definitivo de que se acaba o mundo é que cinco mil anos e pico despois de que uns indios que non tiñan nin iPads nin ordenadores, nin siquera telescopios, deran calculado con notable exactitude a duración do ano, haxa millóns de parvos que confundan que remate un calendario con que acabe o mundo. Que non é o mesmo, como sabemos todos os que temos sobrevivido aos 31 de decembro, por moi salvaxe que fora a festa de Fin de Ano. Ou mesmo ao cambio de século e de milenio, ou incluso a dous, porque houbo quen o celebrou o último día de 1999 e logo o de 2000. A porcentaxe de parvos que non lle poden botar a culpa a ignorancia dos tempos, a que soamente hai libros nos mosteiros e a que todo o mundo é analfabeto, como cando o terror a que chegara o ano 1000, vai (segundo unha enquisa de Ipsos) do 4% dos alemáns ao 7% dos ingleses e italianos, o 10% dos españois e franceses e o 12% dos norteamericanos (alí venden uns refuxios para 1.000 persoas, con clínica dental incluída, para afrontar a repoboación da Terra cunha dentamia en condicións). Cren na falsa interpretación do xeroglifico o 13% de xaponeses e rusos (en Rutenia, Ucraína, houbo abarrote na oferta fin-do-mundo dun exclusivo hotel de cinco estrelas construído nun búnker da Segunda Guerra Mundial, sen dúbida, o marco máis axeitado para celebralo, que sen embargo tamén aceptaba reservas para este próximo fin de ano). Pero os reis do medo son os chineses: dous de cada dez pensan que o mundo vai acabar antes ca eles, e a venda de velas subiu alí un mundo.

De todas formas, como di un avogado en Twitter, fin do mundo non haberá, pero fins de contrato por causas obxectivas, a esgalla. Que vén sendo peor.

Enlaces recomendados: Premios Cine