Hai un señor, de setenta e tantos anos que é ministro do Xapón, e que lle pedíu ás persoas maiores do seu país que se den presa en morrer para abaratar os costes do estado en enfermos. Non é unha broma. Isto pasou. - segue a pasar, porque o tal ministro dí que el nunca dependerá de medicamentos para sobrevivir, porque xa lle ten dito á súa familia que o quiten de en medio se empeza a dar problemas. En Xapón o número de persoas maiores de sesenta anos é moi alto. Pero iso non é culpa delas. A maioría son fillos e fillas dunha campaña de natalidade que se realizou no país nipón logo da II Guerra Mundial. Daquela a patria precisaba man de obra para erguer o estado das cinzas da derrota. - os xaponeses fixeron fillos e ergueron o país, e os seus fillos traballaron durante a decada dos sesenta e dos setenta como burros para construir o Xapón que agora coñecemos. - ven esta mala besta de ministro a decirlles que teñen que morrer, que son moi gravosos para a economía que sustenta a nación. Ministro de Finanzas é o energúmeno este. Taro Aso, ese é o seu nome. Un nome para a infamia, para a ignominia. Un nome que debe ser lembrado como símbolo da catástrofe ética que estamos a vivir. Pois anda que se non fose polos vellos se ía aguantar unha cifra de paro tan alta no noso país. Seis millóns de parados. Se non hai estoupido social é porque os avós e os pais están termando de fillos e netos coas súas pagas e pensións. - porque aínda hai algo de economía sumerxida que permite facerse cuns cartiños cos que pagar a comida. Xa non falamos só de alugueres e hipotecas, falamos de comer. Hai que elexir entre unha caña ou o leite, ou os ovos. E, loxicamente, eleximos comer. Por iso hai menos consumo. Aínda por riba, manter un negocio hoxe coas facilidades que da o goberno é un acto heróico. Curiosamente, o único séctor onde houbo un alza nas cotizacións á Seguridade Social foi nos autónomos. Por outra banda, nada curioso porque como a xente non se fabrique o seu posto de traballo, non vai vir unha fábrica a ofrecerllo. - isto por estes lares, porque por outros os dramas son máis radicais. As mulleres non casadas que teñan fillos serán azoutadas en público en Malí. Os fanáticos, moitos deles analfabetos que nunca leron o Corán, decidiron que isto é así e punto. Tamén cortan pes e mans. En fin, en Toumbuctú, a un home que rezaba nunha igrexa cristiana cortáronlle o pescozo sen mediar palabra. Polas novas que me chegan do país africano, un dos problemas destes grupos extremistas é que deixaron de escoitar aos seus maiores. Os consellos dos vellos de Malí xa non son escoitados e a cocaína corre a raudais entre os soldados de Alá. Ouvir aos vellos é moi interesante, fagámolo en Malí, aquí ou en Xapón. Porque nos vellos radica a experiencia da aventura de vivir. De acordo, cos anos todos nos facemos maniáticos, pero ese é un dereito que se adquire através das doenzas e do deterioro do propio organismo. Se os vellos tivesen a mesma enerxía que os mozos, xa non serían vellos, serían deuses. - hai algúns que o son, pese a individuos execrables como Taro Aso. É escribir o seu nome e sentir unha profunda dor no corazón. Miserable.