Foi, é un himno, unha marcha que ninguén impuxo. Naceu e agromou pra servir e dar esperanza. O seu cantoautor era dun tempo, dunha ética e dunha estética en paralelo coa de Víctor Jara en Chile. Ambas malogradas, pero eternas. Referímonos a José Manuel Cerqueira Afonso dos Santos; entenderíamos mellor se dixésemos José Afonso ou simplemente Zeca. Antidivo, sempre a partir da tradición, na base popular, cos seus vicios e as súas virtudes, nas cooperativas, no asociacionismo. Home honrado, contracorrente, irreverente cos irreverentes, máis humilde que os humildes, existencialista, marxista, clandestino.... Pioneiro na fusión musical de base popular, África, Brasil, a tradición do fado de Coimbra, o lisboeta, a música dos ranchos minhotos, trasmontanos, alentexanos, os sons da Galiza, as lembranzas dos amigos, o xogo e a retranca mesturados "... A garrafa vacía de Manuel María...de Manuel María...". Il mesmo, naquela situación precaria e urxente pola liberdade, recoñecía ser máis propagandista que perfeccionista sobre letras e músicas que nunca daba por acabadas. Autodefiníase como un de tantos traballadores da arte e detestaba o cualificativo de canción protesta. Insistía: "é o músico o que protesta, non é a canción". Zeca Afonso está na antoloxía da sensibilidade rebelde da segunda metade do século XX nesta parte occidental ibérica, para un florecer de "cravos roxos" sobre os canóns das escopetas e dos tanques, luz na longa noite de pedra, entre o podrecer das ditaduras, de Franco e de Salazar. Atento previsor dos "vampiros" imperantes, "...eles comem tudo... son os maordomos do universo... mandadores sen lei" .

Formado arredor das lagoas e das néboas do seu Aveiro natal, "Rota da Luz", pasando polas entón colonias portuguesas de Angola e Mozambique, tamén xunto co seu ríxido tío Filomeno, alcalde salazarista de Belmonte e nesa Coimbra rebuldeira das ribeiras do Mondego, de tantos ecoares inspiradores, a Aeminium romana do criptopórtico, berce e panteón real, a cidade que acolleu á Raiña Santa Isabel, a da "Fonte dos Amores" da fermosa Inés de Castro, o repouso inspirador de Torga, a primeira universidade lusa, dos calotos novos e máis dos doutores, dos grandes escritores románticos. Revestida co garbo da capa e batina negra das soidades tradicionais. Aquí, na Facultade de Letras, licénciase Zeca en Ciencias Histórico-Filosóficas, para ser profesor de Historia e francés en Alcobaça, que tampouco é pouca cousa... Volve a Moçambique, retorna para dar clase en Setubal. Inicialmente seguidor do partido comunista, detido pola PIDE, no apoio do estratega da "Revolución dos cravos", o experimentado tenente coronel de infantería e veterano de Angola, Otelo Saraiva de Carvalho, á presidencia da república portuguesa, quen busca xuntar á esquerda.

A partir dos oitenta detéctaselle a José Afonso unha esclerose amiotrófica que minora a intensidade dos seus concertos. Pasa os seus derradeiros anos en Vila Nogueira de Azeitao, entre Lisboa e Setubal, na compaña da súa Zelia e dos leais amigos que non deixan de visitalo, sen percibir dereitos de autor pola obra feita. Enxergando tamén a desbandada de moitos que presumían de progresistas cara ó sol de neón do poder político e económico, alegando que estaban desencantados, "cando endexamais estiveron encantados" dicía. Morre nun 23 de febreiro do 1987, ós 57 anos de idade. O cadáver é velado nunha asociación proletaria, o Clube Naval de Setubal. Nunca por alí se vira tal cortello fúnebre como o que acompañou ós seus restos cara ó Cemiterio de Nosa Señora da Piedade, seguido de vellas cancións, caraveis e bater de bandeiras roxas, sen siglas. Alí, a ras de chán, sobre o manto natural de cada tempo, verde ou murcho, sempre hai algún caravel roxo e aínda todas as nostalxias e esperanzas postas.

José Afonso foi o pioneiro, abriu caminho a uma geração de "cantores de intervenção", como Sérgio Godinho, José Mário Branco, Adriano Correia de Oliveira, Fausto, Vitorino, Luís Cília, José Jorge Letria, Francisco Fanhais ou José Barata Moura. Moitos dos que frecuentaban unha Galiza daquela ilusionada dende o asociacionismo cultural. Compostela, esa outra Coimbra galaica, era un referente onde tantas lembranzas deixou, a que ben atina ó lle dedicar unha carballeira e un aula na súa Faculdade de Económicas.

Non lonxe do Setubal, no mesmo Alentexo litoral, está Grandola, unha de tantas vilas na que aínda fica o remol da tribo, da parroquia solidaria, os bombeiros voluntarios, a casa de misericordia, os ranchos e as corais musicais que buscan e conservan as tradicións. Por algo dicía Platón "dádeme un pobo de músicos e non quero gobernantes". Onde hai música, hai acordos de instrumentos e voces diferentes, hai principios e resultados solidarios, hai pobo. En moitos países a rebeldía encabezárona grupos musicais. A vila de Grandola tiña a "Sociedad Musical Fraternidad Operaria Grandolense" e dentro dela un xermolo anovador, no que Zeca se inspira.

Himno nacido no 1967, no 1971, incluído no disco Cantigas do Maio, que espallaba o espírito do maio francés do 1968. Onde primeiro se cantou publicamente foi nun concerto de Zeca en Compostela, o 10 de maio de 1972. O 29 de marzo do 1974 con Grándola púxose remate a un espectáculo da gran Amalia Rodriguez no Teatro Coliseo de Lisboa, no que estaban presentes varios militares de alto rango do exército portugués, entre eles Otelo Saraiva de Carvalho, que o tomarán como arranque para a Revolución dos caraveis. Sempre a pé de obra, mesmo fronte á contrarrevolución encabezada polo Partido socialista de Mario Soares.

Sempre se entoou e agora volve con forza a cantarse Grandola, non so nas manifestacións que enchen as rúas portuguesas, entre consignas coreadas de"O pobo unido xamais será vencido", "A luta continua, a Troika para a rúa", "Lutar por nos, pelos nosos filhos e avós", entre pancartas co É tempo de dizer basta, algunha con Portugal vende-se bem dotado de campos de golfe, a abarrotar de políticos corruptos, prezo de ocasiao, gatunos, gatunos..., ladrois, ladrois... dirixidos ós adulteradores do espírito do 25 de abril.

Mesmo na sesión parlamentaria do 15 de febreiro do 2013, cando o primeiro ministro portugués Pedro Pasos Coelho se dirixía as señorías, os asistentes interromperon cantándoa. O presidente da cámara, coa característica retórica e retranca portuguesa, non tivo máis que xulgar aquela interferencia como de "bom gosto".

* É Museólogo E Técnico De Xestión Cultural