Dende o sofá da casa furamos nesa Historia que se retransmite "en directo": funerais e nomeamentos de papas, agora tamén unha renuncia. Esta Coaresma do 2013 presentóusenos como si se tratara dun novo filme de Fellini, rodado na Cidade Eterna, un suxestivo best seller adubado de tramas, misterio e ouropeis, con anxos e demos terreais como protagonistas e máis papistas que o Papa. Outro Apocalisis now. Acontecer que sumamos e contrastamos co memorizado "de carretilla" e idealizado despois de tanta catequese e catecismo. Mais quedámonos con aquilo, que endexamais prescribe, de que "polas obras coñecerémolos".

Rituais ensarillados polos que semella que no pasa o tempo, símbolos anacrónicos dunha esperanza que debe resistir. Solemnes cerimonias de custos inútiles, pero tamén rebordando beleza en relación sobre os escenarios vaticanos que nos remiten ó Renacemento. Cavilamos en que de ser algo Deus será beleza, harmonía, esa paz nacida da dialéctica na que se perde o Cosmos... Feitos ou performances terrais que deberan pesar máis que nunca sobre quen adquire unha obriga exemplar no dividido rabaño de Pedro, no viñedo fozado polos teixos bravos, produtor de vinagre en vez de viño. Algo do imaxinario bíblico, mesmo parábolas socorridas polo alemán Ratzinger para quen quixo entendelo. Liturxia, cerimonias cargadas de cor, de filigranas de ourive, de armiños, de bordados de monxa en anos de clausura, regalos de parroquias, dioceses, congregacións... entre o desfile, os honores, os golpes de alabarda e tacón da garda suíza sobre os mármores taraceados, con ese traxes que se din deseñados por Miguel Anxo. - os sepulcros branqueados: os escándalos, a corrupción na curia, as traizóns dos mordomos, os pecados mortais dos pastores episcopais que remataron por vencer á cabeza visible, para levalo á renuncia a seguir de temoeiro na barca de Pedro en tan avolto océano.

Repetíamos que a Santa Madre Igrexa era "unha, santa, católica, apostólica e romana" agora dividida en intereses mercantís. Creáronse sacros imperios, fixéronse cruzadas e nomeáronse, caudillos, reis católicos e emperadores "pola graza de deus", deica escribirse a Historia criminal do cristianismo. Á forza, teremos que mirar agora cara a que foi capital do imperio romano. Aumentamos esa ollada cada vez que se vai un Papa e entra outro: ábrense os portóns das esperanzas, limpeza xeral, a clausura e precintado das dependencias privadas papais, a anulación do anel e dos selos, a preparación do conclave, da residencia Santa Martha para acoller ós cardeais, namentres os funcionarios vaticanos que alí normalizan parada e fonda se van momentaneamente a outra parte. Montaxe de estrados na capela Sixtina coas estufas e a cheminea no recuncho do tellado para anunciar coas fumatas o acontecer das votacións.... O xastre prepara o equipo dos vestidos para os primeiros intres de presentación: tres sotanas brancas de tres tamaño, tres casullas, varios pares de zapatos de tafilete roxo... e novos e vellos mitos arredor dos ritos. Inicialmente valerá a mesma "férula" ou báculo papal, o "palio" coas cruces sobre o pescozo, as insignias do pastor, as mesmas pesadas estolas, bordadas en ouro coas imaxes do Tetramorfos, as mitras coas as ínfulas colgando por detrás... A tiara coas tres coroas dos tres reinos (sagrado, xurisdición, maxisterio), en desuso, quedará no museo. Pesada carga de símbolos, recordatorio de responsabilidades. Joseph Ratzinger retornou ó medievo e ó Renacemento nas formas, deixou a férula do Cristo-home que sufre o peso da cruz, feita polo escultor italiano Scorzelli para Paulo VI -mantida polos papas seguintes e que algúns máis papistas xulgaban diábolica- para tomar como báculo a cruz constantiniana do In hoc signo vinces. Volveu a encasquetarse na testa o "camauro", ise gorro de veludo roxo, reberetado de armiño; o palio prendido coas fíbulas nos ombros... como os papas do renacemento retratados polos xenios... Sobriamente clásico, dende a elección do seu nome en alusión ó San Bieito, o ermitán gardador da cultura clásica, patrón de Europa, até as primeiras frases dirixidas á multitude dende o balcón da praza, despois do altisonante "Annuntio vobis gaudium magnum, habemus Papam: Eminentissimum ac Reverendissimum Dominum, Dominum Josephi, Sanctae Romanae Ecclesiae Cardinalem Ratzinger, qui sibi nomen imposuit Benedicti XVI". El contestou, coa súa voz baixa e coma sempre, sen atreverse a mirar de cheo ó que tiña diante: "... i signori cardinali hanno eletto me un semplice e umile lavoratore nella vigna del Signore" . Mesmo na súa despedida dende o balcón do pazo de Castel Gandolfo, volveu ó que tantas veces repetiu na súa misión e tiña simbolozado coa vieira no seu escudo: "Sono semplicemente un pellegrino che inizia l'ultima tappa del suo pellegrinaggio in questa terra".

Faltando Papa será o Camarlengo (camareiro, oficial de cámara) do Papa, cardenal funcionario vaticano, administrador dos bens da Santa Sede, quen se encargue de comprobar o pasamento, chamándoo tres veces polo seu nome, quitándolle o anel e anulando os seus selos.... neste caso o camarlengo que certifica a renuncia foi o cardeal Tarcisio Bertone, quen, así mesmo, en sede vacante actuará como xefe de Estado Vaticano en funcións. A solemnidade, as cerimonias previas ó conclave son guiadas polo Cardeal Decano e polo mestre de cirimonias: a misa "Pro eligendo Romano Pontífice" sobre a tumba de Pedro e baixo o baldaquino de Bernini... báculos, mitras dos cardeais, arrecendo a incenso... a procesión dos 115 purpurados dos cinco continentes, dende a Capela Paulina á Capela Sixtina, tomando cada un o seu sitio. Entón o mestre de cerimonias pronuncia o "Extra omnes" (todos fóra) e procede a pechar as pesadas portas da capela. Solos, a carón da man do implacable Cristo do Xuízo Final e baixo o Creador que lle outorga liberdade a Adán... Sen escoitarse preséntese o Dies ira de Mozart. Procédese ás votacións, espesa fumata negra e tras conseguir os dous terzos a esperanzada fumata branca. Preséntese agora a Saga fuga de Bach. O arcebispo de Buenos Aires, cardenal Jorge Mario Bergoglio, xesuíta é elixido Papa, escolle o suxestivo nome de Francisco, quizais máis en alusión ó santo xesuíta navarro de Xavier, "Apóstolo das Indias" que ó tan querido e humilde de Asís, o santo da Umbría que acalmou ó yihadista sultán Saladino. Primeiras palabras sobre a irmandade e a evanxelización. Todos atentos a ditos e feitos para entrever o porvir. Namentres prepárase a solemne entronización na Catedra de Pedro na que recibe o palio, o anel... besamáns entre convidados de frac e mantilla, namentres os coros cantan as Laudes Regiae ...

Viacrucis e Pascua Frorida no camiño. Don Manueliño, o vello párroco de Vilaleria, repenica as campas. - os formados (ou deformados) en tanta catequese, catecismos e películas, preguntamos "¿quo vadis?".