Si, esta celebración non vai levantar tanto balbordo como o Santo do bo ladrón, Dimas, do mércores pasado, que moitos lectores non coñecían nin comprendían que, neste habelencioso e honroso gremio, tivesen tamén un intercesor á veira do Padre Eterno.

A Organización Mundial da Saúde declarou en 1997, onte, coma quen di, Día Mundial do Párkinson, o 11 de abril, coincidindo co aniversario do nacemento de James Párkinson, neurólogo británico que, en 1817 describiu o que naquel tempo chamou Parálise Axitante e que hoxe en día coñecemos co nome de Párkinson na súa honra. Este neurólogo "non morreu de todo", como dixo o poeta latino Horacio "non omnis moriar", aí queda a miña obra

É unha enfermidade neurodexenerativa do sistema nervioso central na que se produce unha dexeneración nunha zona do cerebro denominada substancia negra.

É ésta unha enfermidade que afecta á vida diaria do paciente. Non imos profundar na enfermidade, hai que ir ó médico, el explicáranolo mellor.

O que nos din os especialistas é que esta enfermidade aumenta cos anos. Pode empezar a calquera idade, ós 60 anos. Unha de cada 20 persoas poden ter síntomas ós 40 anos. Tamén nos poden aparecer os síntomas precoces entre os 21 e os 40 anos. Os pacientes diagnosticados entre os 21 e os 40 anos padecen o que se chama "EP de aparición precoz". Non é unha enfermidade de persoas maiores, ou de anciáns, como se cría. A súa causa débese a unha serie de factores entre os que salientan a idade; os xenes, só un 2 ou 3% dos pacientes presentan a enfermidade de forma hereditaria. Segundo os médicos especialistas, o párkinson, hoxe por hoxe, é incurable (sic). Este trastorno neurolóxico frecuente afecta a uns catro millóns de persoas en todo o mundo.

Trátase dunha enfermidade de carácter tremente con diminución da forza muscular que afecta as partes que están en repouso e que incluso provoca unha tendencia á inclinación do corpo cara adiante e a unha forma de camiñar a pasos curtos e rápidos. O menos malo é que os sentidos permanecen inalterados no Párkinson.

Din os investigadores que esta enfermidade non é en si mesma mortal. Din tamén que nos últimos adiantos co tratamento permiten unha melloría.

A medida que a enfermidade progresa, os síntomas clásicos da enfermidade fanse evidentes: tremor, rixidez, hipocinesia (dificultade para o movemento), e cambios na forma de camiñar. Sen embargo algúns destes síntomas a miúdo afectan a persoas que non os teñen.

O tremor é o sinal máis característico, aínda que non todos os tremores que aparecen na persoa maior son debidos á EP.

O tremor na EP acostuma ser, sen embargo, o síntoma máis precoz. Caracterízase por ser un tremor que sucede en repouso que empeora coas emocións, o estres ou coa percepción da persoa que o padece de ser observada. Mellora coa actividade e desaparece durmindo. Principalmente afecta ás mans, pero tamén é frecuente nos pés. Soe iniciarse nunha man, no canto das dúas, aínda que co tempo poda afectar a outras extremidades.

Cando a unha persoa se lle diagnostica a enfermidade do Párkinson, a impresión que recibe pode ser a de ter caído nunha fatalidade irrecuperable "isto non me pode suceder a min...".

Pero non se desanime, a EP é un trastorno nervioso que actúa de forma diferente en cada individuo, aínda que non sexa xa de morte.

Todos somos candidatos a esta solapada doenza, novos e maiores. Por citar un exemplo, o famoso actor Michael J. Fox tiña menos de 30 anos cando lle afectou esta enfermidade e preguntábase "como é posible que me afecte unha enfermidade de xente maior?".

Non se poña a ver síntomas onde non os hai. Confiemos nos médicos mañá Día do Párkinson, 11 de abril.