Se se busca nun bo dicionario veremos que na palabra traballo dinos que procede do latín, do baixo latín, tripaliare, torturar, derivado de tripalium, especie de cepo ou instrumento de tortura... e outros máis significados.

Durante moito tempo o traballo foi considerado polos homes coma unha vergonza e como un castigo divino: "ganarás o pan coa suor da túa fronte", di a Biblia, no libro do Xéneses no capítulo 3.

Na antigüidade os traballos manuais deixábanse ós escravos, así como unha gran parte dos traballos intelectuais.

En Roma o gramático, o matemático eran escravos. Máis tarde os teorizantes dividiron ós homes en proletarios e burgueses, os proletarios eran os que recibían un salario, os burgueses os que vivían das súas rendas ou do proveito, pero esta é unha distinción moi confusa.

A definición máis axeitada pode ser esta. Proletarios son todos aqueles que viven do seu traballo, sexa manual ou intelectual, asalariado ou libre; e burgueses todo os que viven das súas palabras.

Toda división da humanidade en dous grupos ou, como se di, en dúas "clases" é perigosa e artificial.

Un traballo, sexa o que fora, humilde ou importante, pode estar ben ou mal feito...

Todo traballo feito de boa vontade deixa a quen o fai unha marxe de liberdade. O pracer do traballo pode chegar a ser tan completo que acade a substituír todos os outros praceres.

O Paraíso dun xardineiro é un xardín e o dun carpinteiro é o seu banco.

Por unha resolución do Congreso da II Internacional, celebrado en París en xullo de 1889, o 1º de maio foi proclamado xornada de loita do proletariado internacional.

A xornada de oito horas foi a consigna. - desde aquela, aínda despois de ter conquerida esta reivindicación, os traballadores déronlle á festividade do 1º de maio un contido de loita. Por iso falamos da folga, instrumento de que se valían e valen os obreiros na súa loita.

A Igrexa declarou o 1º maio día de Acción de Gracias e día de San Xosé Obreiro no mesmo ano 1889, ano no que naceu esta tradición.

O papa León XIII foi o fundador da doutrina social da Igrexa coa súa encíclica Rerum Novarum, en 1891. Posteriormente outros papas coas súas encíclicas defenderon ó obreiro e o dereito ó traballo: un salario xusto, abondo para as necesidades do traballador, da familia...

Os comunistas loitan tamén pola igualdade de clases e festexan o 1º de maio cheo de reivindicacións. O creador desta ideoloxía foi Carlos Marx.

As folgas son a defensa do obreiro. A palabra "folga" vén de folgar e esta do latín follicare, que a súa vez proceden doutra latina follis da que sae en galego a palabra "fol". - ¿que é "fol"? Entre outros moitos significados é a parte da gaita en forma de saco que se enche de aire. pero follicare é soprar, respirar. Logo folgar é tomar alento, descansar.

De cando en vez óese falar de folgas, folgas de estudantes, folgas de mestres, folgas de obreiros en xeral.

A Constitución Española é moi tallante en defensa de todos os españois: No seu artigo 35, di moi claramente: "Todos os españois teñen o deber de traballar e o dereito ó traballo, á libre elección de profesión ou oficio, á promoción a través do traballo e a unha remuneración suficiente para satisfaceren as súas necesidades e as da súa familia, sen que en ningún caso se poida facer discriminación por razón de sexo". Con máis de seis millóns de parados o Estado non cumpre co que di a Lei de Leis, a Constitución.