Otouro está presente nos mitos de todo tempo, incluso da posmodernidade. - velaí as greas nas devesas andaluzas, estremeñas, salmantinas criadas para o sacrificio na praza... - velaí que dende 1956 aínda pode campar polas paisaxes ibéricas a silueta desafiante do touro de Osborne, solitaria, negra. Ergueito, compañeiro da lúa cos cornos en crecente, sobre un lugar ben escolleito, resistindo a meteoroloxía e ó vandalismo, quizais descolloado en rito inconsciente. En Galiza contabilízanse cinco e máis que houbo sobre castros, mamoas ben visibles... en Euzkadi e en Catalunya xa non quedan. Escultura efémera da autoría da Axencia publicitaria Azor de Puerto de Santa María, dirixida polo creador Manolo Prieto. Singular valla publicitaria declarada e protexida de forma individualizada, especialmente en Andalucía, como Ben de Interese Cultural. Silueta do touro que se levou a bandeiras, a insignias para significar a arrogancia hispánica. O touro apropiado como marca, customizado, enxalzado ou ridiculizado como para desafiar medos a un deus, a unha ancestral forza bruta da natureza.

O touro é agresividade, prosperidade nos xenitais, empreñador de vacas... o símbolo da masculinidade, un reto tamén. Castrado e amansado como boi, usado como carne e como forza do arado, do carro, da cultura agrícola, símbolo do evanxelista Lucas.... SÍmbolo que se perde na Historia: Sabemos dos touros e dos bisontes pintados hai miles de anos nas covas do Paleolítico, na antigüidade bíblica dos lendarios cultos ós "becerros de ouro", dos "lamassu" ou touros alados da Mesopotamia, do exipcio Boi Apis, tamén do Minotauro, señor do labirinto de Creta... de Mitra e da súa loita co touro, do disfrace de touro do que se valeu Zeus para raptar á bela fenicia Europa, dos touros de Guisando, das greas representadas nalgúns petróglifos... O sacrificio dos bois representado no Ara Pacis romana, altar do ano 19 a.C. en conmemoración das victorias de Augusto sobre galos e hispanos... Os bautismos pagáns facíanse con sangue de touro sacrificado, ritual que puido ser común nos santuarios a Serapis, ise culto dos tempos de Alexandro, que vincula ás divindades exipcias de Osiris e Isis (sol e lúa, a luz e as tebras), unha divindade sincrética, construída politicamente a gusto de todos. Culto frecuente na Galiza romana, alí onde houbo mestura de soldados de diferentes procedencias. Velaí o sorprendente santuario das Panoias na Vila Real transmontana, o Mitreo de Lucus... Os cronistas grecolatinos do cambio de era, ó referirse a Galiza, din que por aquí practicaban hecatombes, sacrificios ó xeito grego de centos de animais.

o touro aínda entra na festa para por a proba as habilidades do grupo e tamén das súas crueldades e degradacións. A música, a danza, a gastronomía, na festa cabe todo aquilo que une, todo o lúdico e por medio a cor, a luz, a pirotecnia. Por algures abusarase de ancestrais símbolos da forza bruta da natureza, das bestas bravas que aínda ocupan coutos dos nosos montes. Entre eles o touro, asociado ás antigas relixións do taurobolio ou sacrificio do touro, a taurokatapsia o desafío e xogo co touro. - veña a marealo con capas, a provocalo por diante ou por detrás, solto ou amarrado, a cabalo ou a pe, con cordas, con lume, con afiadas aguilladas, con banderillas, con espadas, con estoques?e máis sangue, e as orellas e o rabo como escarnio e premio pro torturador e a cabeza disecada para prestixiar un bar.

As asociacións, as corporación acoden a todos os argumentos tradicionais para ofrecelos de novo como algo diferente e festivo. Acódese ós sabios locais, ós arquivos, a vellos contos e historias para revitalizalos e estender o almanaque festivo con pouso histórico.

O maio florido faise apropiado pra festa pra dar renda solta ós instintos. Tempo da constelación de Tauro que nos prepara para o verán: os días son máis longos e a climatoloxía pode dar tregua para sacar en procesión as sedutoras tradicións e innovacións festivas. Así o ven facendo e marca pautas na rehabilitación a vila ourensán de Allariz, e segue a enfrontarse ós retos da revitalización tirando de ancestrais receitarios arredor da festa. Sábese ben que da festa nace o encontro e o mercado que da vida. Así é que dende 1983, sacou dos arquivos e das lembranzas unha vella historia e lenda alaricana case perdida, a da FESTA DO BOI: cóntase que nun día do Corpus do 1317 ó cristián vello Xan de Arzúa, quixo poñer fin ás burlas que os xudeos facían das súas tradicións de cristián vello?entón saíu il tamén en procesión, pero a cabalo dun touro tirado por vencellos e pola forza dos seus criados, acometéndolle ós hebreos, espallando cinza e formigas sobre iles... - pra lembrar o feito, Xan de Arzúa deixou toda a súa facenda, pra criar e soltar un touro atado cada festividade do Corpus en Allariz? - velaí un atractivo que convoca, a posta en escena dunha historia lúdica polas rúas empedradas: o correxidor, os vilegos, e o moneco de palla de Xan de Arzúa presidindo dende o balcón do concello... os hebreos e a forza bruta dun touro atado acometendo ó mundo civilizado. Final feliz: todos xuntos sobre unha mesa xantando e goleando os produtos da terra e do saber?e o boi, xa fora do estrés urbano, outra vez a campar polos eidos do seu propietario. - arredor da festa toda unha confraría organizativa, cos seus "tablaxeiros", os que feira por feira, gandeiro por gandeiro, escollen o boi para alugalo, os que argallarán a "proba do boi" no domingo da Ascensión, e anteriores ó Corpus, os mesmos que se encargarán da súa devolución nas mesmas condicións físicas (que as psíquicas do animal non hai veterinario que as saiba). Concorrida festa: xantar, folión, bombos, ranchos portugueses...e o traslado de toda esa tradición branco-roxa sanfermineira, de venta de panos e outros souvenirs.

Festa do touro que persiste alí onde asentou a antigüidade, romana, medieval e de máis atrás? Non é pra menos na Galiza das vacas cachenas cos seus cornos arpados, das mostrencas que caracterizaron os montes da Barbanza e as touradas de Noia... De 1566 existe un documento dado a coñecer polo profesor Victor Manuel Migués, referido a estes cultos en Quintá, terras de Quiroga: trátase da inauguración dunha ferrería...para a que se leva atado e en procesión a un touro...ó que se lle pon a cabeza baixo o mazo pilón que se deixa caer.... érguese e o animal ferido na gorxa, brinca e topeneando...por onde vai caendo o sangue trazaranse despois os lindeiros da propiedade da nova ferrería... Tamén a modélica vila de Ponte da Lima, nos vellos camiños da Galiza bracarense, ofrece no seu amplo almanaque festivo a súa festa do boi, a da "Vaca das Cordas". A súa orixe está tamén sobre a lenda da celebración dun Corpus do ano 1646. Refírese existencia dun altar pagán no que se veneraba á vaca viva que sería arrastrada polos cristiáns até dar tres voltas á igrexa parroquial e logo polas rúas da vila... A forza bruta do animal, vencellado con corda curta ou floxa. Así se representa neses monumentos, en bronce, integrados, como tamén é o caso de Allariz. Á memoria a insólita escultura newyorkina, o Wall Street Bull, un touro de 3.200 quilos de bronce que acomete a Manhattan, préstamo no 1989 do artista siciliano Arturo Di Modica... e xa símbolo do poder das finanzas estadounidenses. Ancestral e instintivo uso e abuso dun símbolo teotémico, esotérico, das forzas cósmicas, dun animal con moita historia e lendas tras si e que seguen a animar e dar de comer.