Con el vino se apagan las penas ay las penas ay las penas? y se suben las cuestas mejor?". Vello e resignado canto das tabernas, metáfora sobre as empinadas costas da crise, ou sobre como contrarrestar o lastre das morriñas. - o viño ten os seus establecementos, desfogadeiros humanos, degradados polo abuso: bar, cantina, taberna... tanto é así que para aliviar estas denominacións que remiten á esmorga, á carallada, até se buscan outros nomes estranxeiros cos que amortecer a mala sona prendida. Aínda que hai tabernas gloriosas, con taberneiros de sona tras o mostrador, ateneos populares que pasaron máis alá da historia literaria, como a Taberna do Galo na praza do Millo na Celanova dos poetas. A Taberna do Enrique na Coruña de Lugrís. - xa non digamos o viacrucis destes establecementos nas rúas da Raíña e do Franco en Compostela, arredor da Praza do Ferro en Ourense, da Praza do Campo en Lugo, na Pedra de Vigo... Tabernas con nome propio: Taberna do bispo, Taberna do Celta, Taberna do Arrieiro, Taberna das benditas ánimas, Taberna da nai do fillo preto, a Taberna dos sobriños do pai... e mesmo e como reviroque retranqueiro a Taberna que faltaba. Haber haina e sempre de garda e á espera pra xuntar almas alegres ou en pena e ofrecerlles grolos de esperanza.

Tabernas e termopolios habíaos asomando ás rúas das cidades da antiga Grecia, en Roma e mesmo entre os castrexos romanizados. Sempre existiu, a cambio de algo, onde apagar a sede e a fame, onde con calquera xarope de cubas ou alquitaras coller alegría e forza xunto cun petisco de xamón, de queixo, de empanada, filloas... e xa non digamos unha cunca de caldo. - daquel pasado ata este noso presente de novos, racionados e escasos pinchos de deseño. Non nos cansaremos de repetir que a tradición non traizoa. Nunha pulpería (os do Carballiño dicímolo así e diso da feira sabemos rato longo), nunha xamonería e onde hai saber e xenerosidade do bos cociñeiros e taberneiros, a cousa non fracasa. Aínda non tendo o establecemento no lugar máis transitado, que sempre axuda. Os camiños sempre se fan e levan cara onde están as portas abertas con algo que ofrecer. Cousas ben experimentadas neste país de encrucilladas e de taberneiros, onde nin falta materia prima, nin as mañas de estar entre as cubas e tras o mostrador. Tradición, abundancia, calidade e prezo son o cebo, e se están en equilibrio, accesibles á xente, engancharán. Na roda desa constancia e bo ofrecer mudarán as pautas e revitalizaranse partes insospeitadas da cidade ou mesmo do mapamundi. Prada a Tope do Bierzo, de Cacabelos, do Pazo de Canedo e máis alá, é un exemplo de imaxinación, de constancia, tamén de recoñecemento e agradecemento, ó cliente, a aquel que ten a ben elixir un lugar apropiado para ofrecerse un sacrosanto momento de ocio, para gastar o seu tempo e os seus aforros confiado no que lle ofrecen. Mágoa do lembrado Remansiño de Paz en Quiroga, concorrido por Novoneyra, Manuel María... onde asentar a poesía entre tantas tradicións quiroguesas aprendidas tras o mostrador e malia hora apagadas nun accidente de carreteira. - tantas casas de comidas, adegas ou tabernas xa desaparecidas, que cumpriron a súa misión de dar vida e estudos a uns fillos e netos, os que, despois, pecharon aquelas portas sempre abertas, noutras máis duras crises á espera e a servir. Tabernas que deron paso a casas de comidas, que acuñaron nomes que perduraron no tempo. Nas que sobre as táboas ou a pedra do seu mostrador e das súas mesas arranxáronse asuntos divinos e humanos pra acabar cantando e atar a amizade. A historia avalaba tabernas que pasaban de pais a fillos, sagas familiares tras un mostrador. Mais a cousa tamén puido ser tentada pola rutina e a desgana, a unhas cuncas e unha presa de cacahuetes e millo, como pra os monos do zoolóxico. Despois xa nin iso e os clientes desapareceron e colleron rumbo cara onde había tradición e xenerosidade. Algo máis que viño sobre o mostrador e as mesas. Produtos da terra, dos ríos e do mar, traballados por cociñeiras ou cociñeiros competentes e xenerosos en quilos, en todo caso con ideas propias preparadas con esmero sobre os fogóns : polbo, callos, carne richada, asada, cocidos, tortilla, luras, choquiños, mexillóns, navallas, pementos... ou outras exquisiteces tradicionais na variedade de empanadas, anguías, zancas de ra, escabeches.... ou mesmo unha cunquiña de caldo de calquera cousa que coza sobre a cociña, que triunfará especialmente no inverno... sabendo moi ben quen sirve e quen toma que denantes de beber hai que preparar o estómago cun pincho de algo. O queixo, o xamón ou o chourizo non deben faltar en ningures. Otero Pedrayo entendíao así e recibía e convidaba a elo insistentemente. Si acaso non faltará sobre o mostrador algún invento a ton co tipo de viño, o queixo e unha anchoa combinan moi ben... e xa non digamos os alcriques en conserva cunha pataquiña cocida.... Bos cebos pra atraer, seducir e consolidar ós clientes.

Polo uso e o abuso, pola caricaturización das tradicións, gastouse o nome de tabernas e usáronse os estranxeiros, os modelos célticos irlandeses e británicos, o de pub, con máis cervexa e menos sidra. O nome de taberna, momentaneamente quedou desprazado e esperpentizado, como quedaron apartadas moitas outras miserias vernáculas. Viste máis rotular as tendas con glamour e charmais francaise, anglosaxón, con nomes como Petit Village, ou o Dolce Vita entre outros cash and carry... Na Cidade da Cultura de Galicia, que pretendía colgar complexos e debera ser modelo de tradición e vangarda galega, móstrase pola contra o referido paiolismo integral, si acaso a carón do reducido espazo ON (¿?) de recepción optaron polo de "cantina", quizais sen saber que a súa orixe etimolóxica está nun recanto, nunha esquina, nun pequeno cuchitril , furanchos deses que prohiben a maioría das ordenanzas municipais, por non ter metros cadrados suficientes para tanta esixencia. Ordenanzas que semellan feitas máis para empobrecer que para revitalizar os cascos vellos das cidades, cosidos por minifundismo de casas históricas, traballadas polo bo saber dos artesáns, con adegas agarimosas, frescas no verán, quentes no inverno, abertas a prazas con encanto, mesmo ó mar, ou a horizontes agradables, sen ruídos, nin tránsito de coches por diante, pero pequenas nos tan solicitados e custosos metros cadrados.

A taberna pequecha volve a estar de moda, incluso nos baixos dos grandes rañaceos de Chicago, de New York, Los Ángeles... Urban Tavern, abertas ó estrés, concorridas dos yuppies, dos brokers ou de calquera pasmón peón. Interiores mesturando a contemporaneidade no deseño con aspectos tradicionais, artesanais, onde pousar e degustar uns momentos sen demasiados preparativos de mesa e mantel. Novamente devolveránsenos americanizadas integralmente as nosas tradicións.

Gañas de beber e comer nunca faltarán. Produtos témolos, xunto cunha ancestral tradición que vai das lareiras ás estrelas Michelin. Atractivos sitios con encanto cara ós que abrir as portas e xanelas: horizontes de montes sagrados, do océano maior, de castros, de catedrais, mosteiros, castelos, artesáns, de tanta historia... hainos. O que falta é recuperar a forza dos sentidos, a sensibilidade, a crenza na identidade.