Está claro que isto de Halloween vén por un lado porque a xente morre e por outro porque a xente que aínda vive quere facelo da mellor maneira posible antes de pasar ao outro estado. Os nosos antepasados, cando vían que chegaba o inverno, en vez de arrombar nos armarios a roupa de verán, debían considerar que todo morría, e daban en honrar aos mortos. Agora, a forma de afrontar a morte é negala, facer dela espantallos ridículos e sacarlle -ou meterlle- cartos. Hai xente que se escandaliza destes rituais, sobre todo porque proveñen da cultura estadounidense. Eu, en cuestión de cousas que non teñen amaño, como o de morrer, son absolutamente liberal.

De entrada, cada sociedade enfróntase como pode ao irremediable. Eu son máis partidario do sistema irlandés e tradicional galego. Velorio con trago e contos. Pero entendo que ás xeracións aleitadas no audiovisual lles cadre máis afrontar a cousa con Walking Dead e casquería que cun morto de verdade no cuarto do lado. O que non entendo é a animadversión polo norteamericano do invento. Norteamericano é -era- ir pasar a tarde ao cine, e éo ir con toda a familia ou coa panda a un centro comercial, vestidos de chándal ou de pantalón corto, sen outra diversión que mirar para os escaparates e cruzarse uns cos outros, ou viceversa. - se falamos de que se perden as tradicións nosas, e veñen as de fóra, de cales falamos? Da do belén, que chegou de Italia no século XVI? Ou da do abeto de Nadal, que veu da Europa do norte moito despois -pero aquí xa había a dos Maios-? - para tradicións de cartón, a das uvas de fin de ano, que a promoveu a industria do sector non hai un século, un ano que houbo tantas que non sabían que facer con elas.

O que non entendo é aos que por un lado abrazan Halloween e por outro critican o Samaín. O Halloween, pese ao seu estupendo nome, non é outra cousa que a celebración de Todos os Santos (a contracción de All Hallow's Eve, a Véspera de Todos os Santos), e a das cabazas é unha tradición que levaron os emigrantes deste lado do Atlántico a través do océano, onde saíu no cine e na televisión, e se difundiu ao mundo. Si, tamén saíu deste sitio. Tres persoas o suficientemente serias como para non mentir e o bastante boas como para conservar o espírito de neno, os chairegos Xavier Docampo e Agustín Fernández Paz, e o tamén escritor pero de Bergondo Xabier López López, conversaban hai uns días nas redes sociais recordando como na infancia dos dous primeiros esta era a época dos "calabazotes", na que se poñían cabazos con velas dentro nos camiños para asustar á xente. A Xabier López, máis novo, contáballe seu pai telos posto ao pé dos cruceiros en Bergondo e xunto do Hospital Militar en Ferrol.

Ou sexa que chámeselle Halloween, Samaín, Defuntos ou X, pero o incomprensible é celebrar unha festa asumindo que é allea e desprezando ou minusvalorando o que tivo de propio. Como os que valoran o viño porque nas películas beben chianti.