O mapa do occidente Atlántico está cuberto por pobos de brétemas, entre labirintos históricos nos que se perden mitos e ancestrais ritos. Entre eles tamén o da Atlántida, illa con canles e circos de augas, arredor dun gran templo erguido ó deus dos océanos... que si a lenda do país, das Hespérides, dos hiperbóreos, paraíso centrado polo horto da árbore das mazás de ouro. Pomas buscadas por Hércules, como era buscado por Jackson e os Argonautas o pelexo do Castrón de ouro, símbolo dos imperios. Illas máis aló dos mares navegados por fenicios, gregos e romanos, noutra banda dos agudos montes das Columnas de Hércules ou do deus Briareo, quizais o mesmo e mítico Vero Breo, adorado nos altares do Facho de Donón, mirando ás Cies... Parte mítica dos "máxicos" pobos do extremo occidente, ós que os cronistas e xeógrafos latinos catalogaban como "outros", "keltoi"; pros gregos eran os "keleto", veloces xinetes... Pobos nomeados coa raíz "gal", como os romanos coñecían ós celtas, quizais pola cute branca, como coida Isidoro de Sevilla, ou por habitar entre as pedras, señores dos coios. Cunha firme relixión animista adoradores dos astros, das árbores, das fontes, intérpretes do vento e das estrelas... - tantas "galecias", en Polonia, Romanía, en Macedonia, a Galiza...

Celtas, pobo nacido da encrucillada, do camiño, do encontro entre diferentes etnias procedentes de Asía, de Anatolia, coñecedores do ferro: Escitas, Hititas... introducidos no que hoxe é Europa por todos os camiños, seguindo o Danubio e o Rhin. Pra facerse co territorio e mesmo con gustos e costumes dos etruscos, dos Íberos e doutro indíxenas impregnados das influencias mediterráneas, exipcias, cretenses, micénicas coas que topaban. Turín, Bérgamo, Milán, Maguncia, Bohemía, París, Coimbra e tantas "brigas" ou "brigantias", nas illas británicas, a Braganza trasmontana, a nosa Brigantia do Mar dos Ártabros, e outros como Friburgo... son algúns topónimos coa orixe frixia "frig" ou "brig". Núcleos que compartiron ritos semellantes ós orientais, cultos zoroastristas ás dualidades, centrados polo lume, á natureza, ós astros, ós Catro Elementos que rexen o agro e a vida: luz e lume, auga, terra e pedra, o aire, celebrados por magos oficiantes, druídas, entre sagas e nostalxias cantadas polos poetas bardos. - "soamente cun medo: que o ceo lle caese derriba... e as tebras" como lle confesou un druída a Alexandro e segundo conta Ptolomeo...

Nas crenzas célticas todo está en devalar, dende o Caos na procura da perfección, para logo renacer de xeito diferente... a Teixido irá de morto o que non vai de vivo... e farao baixo a forma de réptil... na busca da harmonía Cósmica. Celtas, tidos como valentes, aínda que bebedores e indisciplinados, especialistas ourives e delicados nos traballos do metal, das telas de lá e do liño. Entre os seus xamáns estaba Lug, sobranceiro nas sagas irlandesas: militar, mago, músico, domesticador de corvos mensaxeiros, heroe-deus, precedente do germano Wotan ou Odín. Namentres que Brigida é a deusa do lume, da luz, en relación coas brigantias, significa acorazada, forte, padroeira pois da fortaleza física, dos ferreiros, dos curandeiros, da fecundidade... Cristianizada pola Santa Brígida. Da que na metade do século V, Cogitosus, na súa "Vita Brigitae", conta obra e milagres da irlandesa, seguramente coa faciana pencada e roxa. Filla dun druída, sabedora das ciencias sacras da natureza, alumna de San Patricio. Monxa do mosteiro irlandés de Kildare e que pon nome a tantas Brigites nórdicas. Matriarcado patente na Bretaña na que tamén no século VI ten sitio Dahud-Ahés, filla do rei de Cornubia, meiga endiañada que combate o cristianismo e que asolaga á illa de Ys pola avaricia dos seus habitantes, tema que inspiraría a Allan Stivell para unha das súas composicións de arpa celta... unha de tantas lendas que se repite en lagoas de Galiza, disfrazando á Virxe de pobre peregrina, mendigando pan que non lle dan... e que, cos poderes dunha meiga, como Ana Manana, envolve en auga a cidades e panadeiros avarentos. Non podía ser doutro xeito, a Santa Brigida asociase coas candeas, coa luz que brota entre a brétema da invernía, celebrada o día 1 de febreiro, na véspera da Candeloria cristián, cando tamén nos preparamos para honrar ó armenio mago San Brais. Cultos traídos e levados entre Oriente e Occidente.

Xa no século IV a galega viaxeira Exería fala da Festa das Candeas en Xerusalén, tan celebrada como a mesma Pascua, ó cabo dos Corenta días despois do Nacemento. Conmemoración da presentación do Neno no templo, ante os sacerdotes e a sociedade: ofrecíase un año, unha pombiña, unha rula e dous pombos. Un xeito de cristianizar as lupercalias romanas, festas da purificación que quedan abolidas a finais do século V. Coa significación de que despois das tebras pervive a luz, acéndense e bendinse as candeas, entre ofrendas de nenas vestidas de branco coas aves que axiña ceiban. Cirios adornados entre ramallos de aromático romeu, símbolo de renovación, que logo se gardan, para esconxurar treboadas, enfermidades ou medos.

O mundo irlandés, escocés, galés presume e ofrece ó longo de todo o ano festas de herdo céltico, tan semellantes ás galegas. Encontro comunal cun fin catártico, purificador, o de consolidar a tribo a través da reunión, da festa e feira en honra dun deus ou deusa en relación coa vida e os Catro Elementos. Festas nun couto, nun adro sacroprofano, arredor dunha gran pedra, dunha árbore vella, dunha fonte, da luz e quentura do lume, nun outeiro. Aínda que con outros nomes e outras advocacións, pois os heroes e os deuses varían tamén, pese a ser máis enxebres e ricas en ritos e contos as deste noso último confín céltico. Os emigrantes pásanas, amplíanas en morriñas, para comercializarse, facerse yankees e logo devólvelas mdonalizadas, confeccionadas.

velaí que insistimos en primar nomes importados, contra os que aproveitou ou disfrazou o cristianismo. Por exemplo a conmemoración dos Defuntos e os Magostos, cristianizados na honra do San Martiño, e que agora por influencias do celtismo contemporáneo británico chámase Samain e americanizado Halloweem... Nos primeiros días de febreiro, cando asoman polo ceo as cambiantes bandadas de paxaros, cando os xermolos verdes asoman de verdade, celebramos á Luz. Os británicos honran á Santa Brigida e lembran as festas célticas do Imbolc, cos ritos de iniciación arredor do lume que se bendí. Como polo 20 de xaneiro o San Sebastián de Castro Caldelas, cos seus fachóns acesos.... Por aquí, nos conventos franciscanos -tan afeitos a espallar a vida de Cristo, dende o Belén ó Vía Crucis e despois a esperanza da Pascua Frorida- manteñen ese rito de pasar das tebras á luz, de bendicir os cirios, de soltar ó ceo ás pombas entre cánticos. Namentres nalgunhas aldeas aínda sacan en procesión o ramo, o símbolo da Árbore da Vida, o pan... como en Santo Tirso de Oseiro, terras que abren a Bergantiños, na Brigantia nosa e coruñesa... Logo, para os celtas británicos seguen outras festas e sempre a luz, o lume: O Beltaine polo San Xoán, coa gran feira do Oenach...Lugnasad no primeiro de agosto...