Sobre as dez da mañá do celebrado día de Santos do 1755, un forte tremor con epicentro no mar de Lisboa petou no corazón dun imperio barroco e na Ilustración: fendeuse a terra, o mar retrocedeu até ollarse vellos naufraxios no leito do Mar da Palha, seguiron tres forte tsunamis que o asolagaron todo, estuario, portos e Teixo arriba, co conseguinte derrube, incendio e saqueos de casas, templos e xoias arquitectónicas manuelinas e barrocas portuguesas. Palacios, museos, teatros, arquivos, bibliotecas ficaron destruídas. Cóntase que, minutos antes, os animais predixeron a catástrofe, fuxiron e fíxose o silencio. Contabilizáronse arredor de 90.000 mortos. Abundan as descricións cargadas de dramatismo, as cicatrices en monumentos de toda a Península, Galiza incluída. O tremor de Lisboa sacudiu igualmente o pensamento europeo da Ilustración. Falouse de todo, de causas divinas, de profecías cumpridas, de fenómenos naturais... Abriuse unha nova filosofía, entre o racionalismo e o debate teolóxico sobre o que algúns entenderon unha manifestación do Dies ira, pero nun pais crente, devoto, misioneiro. O mesmo Voltaire creou debate nesa parte da Teoloxía que é a Teodicea, sobre o orixe de deus e as causas do mal... Kant busca explicacións racionais. Nova preocupación pola investigación, polo rexistro no espazo e no tempo, pola diagnose, así naceu a sismoloxía contemporánea, teima do marqués de Pombal. Lembráronse os sermóns apocalípticos do dominico Vicente Ferrer, no século XV, dende os púlpitos da Galiza e da Bretaña, os que ameazaban con maremotos... tamén o gran tremor que acontecera no 1531... non había datos.

Non son fenómenos novos, son achaques da terra na súa interacción co cosmos. - velaí que mirando moito máis atrás atopamos opulentas cidades asolagadas, cubertas polo mar, pola lama de diluvios, pola cinza dun volcán ou destruídas nos tremores. A catástrofe da Atlántida é algo máis que un dos grandes mitos da civilización, orixe da atlantomanía, transmitida de xeración en xeración para avivar o maxín sobre pobos desaparecidos no espazo e no tempo. Historias sen aparente valor científico, asociadas a arqueoloxías de cidades castigada polos fenómenos meteorolóxicos ou sísmicos, tragadas polas olas, disfrazadas en conto e lenda. O da Atlántida foi un cataclismo, quizais nos albores das civilizacións, na protohistoria. Algúns sitúana no Exeo, cando a illa grega de Thera (Santorini) se veu afectada polo volcán?velaí os achados da rica cidade de Acrotiri . Outros sitúana en Malta, en Túnez, mesmo no Sáhara, onde hai pinturas rupestres que se asocian cos atlantes, como coidaba Herodoto... e máis aló das "Columnas de Hércules" ou de Briareo, de Xibraltar e do ceutí Monte Hacho?tamén nas Illas Afortunadas, as Canarias, Madeira, As Azores, até o Báltico... e mesmo esoutra Atlántida, a buscada por Colón nas Américas. Beiramar cun relevo afundido, con flora e fauna que indica conexións continentais. Tamén hai quen a sitúa ó sur de Iberia, en Andalucía, en relación coa esplendorosa Tartessos do rei Argantonio, tema preferido do arqueólogo alemán Adolf Schulten... e aínda máis ó norte, en Galiza, terras asignadas polo mito ó atlante Xerión, cristianizado polo San Cristobo, esa imaxe que nas vellas capelas se mostra a unha banda da entrada, preto da pía de auga bendita, cun caxato e transportando ó neno nos ombreiros sobre augas convulsas... Aquí, como na Bretaña, hai mil e unha lenda de cidades asolagadas, Duio, Valverde, Antela? noutrora máis escoitadas entre os patrucios. No Modernismo o pastor luterano e arqueólogo alemán Spanuth pon a Atlántida en Jutlandia, paraíso do ámbar, que identifica co ouricalco.

O filósofo grego Platón, discípulo de Sócrates, curtido viaxeiro e escravizado polo tirano de Siracusa, Dioniso, que viviu a cabalo do século IV e V a.C., fundador da Academia de Atenas, da que saíu Aristóteles, nos seus diálogos de Timeo e Critias conta que, xunto con Sócrates, escoitou a Critias testemuñas de Solón, un dos sete sabios de Grecia, viaxeiro a Exipto no século VII a.C, onde en boca dos sacerdotes de Sais infórmase dun remoto e dramático acontecer, descrito en antigos papiros. Vagas noticias sobre o imperio da Atlántida, que fora conquistadora de Grecia, de Europa e mesmo Asia. Insiste "...non é unha elucubración literaria máis, senón unha fidedigna historia baixo todos os aspectos". Historia coa que Platón exemplariza a súa teoría da organización do Estado, a diferenza entre a democracia ateniense e un goberno autoritario, unificado pola forza...

Platón localiza a illa no océano Atlántico "máis alá das Columnas de Hércules", en comunicación con outros continentes, arquipélagos por medio. Fálanos da orixe da súa monarquía: primeiro viviron nela Evenor e Leucipa, coa súa filla Clito que se esposará con Poseidón, deus dos océanos, pra dividila en dez partes para os seus dez fillos, entregándolle a Atlas unha rexión da que fará un imperio coas súas colonias e virreis, chamando Atlántico ó océano que a rodeaba. Nas súas leis prohibíase a loita entre si, propiciando axuda, normas que fixeron posible a convivencia miles de anos. Paraíso con minas de ouro, manadas de elefantes, con dúas colleitas ó ano e bos pastos. Montes nos que se producía un estraño material, máis cotizado que o ouro, o mítico "ouricalco". Coñecedores do estaño, da fundición en bronce, do ferro, que non podían utilizar nas cerimonias sacras. Platón conta que a illa era chaira, rectangular, aberta ó mar polo sur, onde estaba a capital co seu porto e rodeada de murallas. Illa amparada ó norte polo Monte Atlas, atravesada por unha gran canle e outras secundarias e navegables, tramadas a xeito de cuadrícula: casas organizadas entre circos de terra e de auga, co hipódromo de planta circular e para 80.000 espectadores, os cuarteis.... Cara ó interior un segundo circo de auga ó que asomaba o xardín de Poseidón. O terceiro e último canle circundaba a acrópole, con dársenas subterráneas para máis de cen barcos, co palacio e o templo dedicado a Poseidón, cuberto por unha gran cúpula de 90 metros de altura, teito de marfil, paredes forradas de ouro e dos máis exóticos mármores; e a carón del a xigantesca estatua do deus, erguido sobre carro de tres pares de facos alados, rodeada de cen esculturas das Nereidas sobre golfiños. A unha e outra banda templos para as fontes de auga fría e quente que fixera brotar Poseidón. Doce pares de pontes de até 11 vigas que servían de paso, acuedutos e sumidoiros, con torres recubertas de relucente estaño, ouricalco ou bronce, outras de cores, ate 2.000 de vixilancia e 28 de acceso, estatuas e obeliscos repartidos por todas partes.Varias esclusas dobres daban paso a un porto pequeno, logo a un grande, con túneles ventilados por pozos, canles subterráneas, estaleiros. Todo construído con complexidade de técnicas, con roletes, estadas, pancas e elefantes. Atlántida precursora de Manhattam, Chicago river ou da Palm Dubai....

Estrabón pon en boca de Aristóteles que "soamente Platón fíxoa volver ó mar, do mesmo xeito que a fixo saír?"Así é que hai moitas atlántidas: a de Platón, a dos científicos, a dos poetas, e mesmo a dos tolos . Mais velaí os cataclismos na nosa era desoutros diálogos internáuticos e globais.