Ao paso que vamos, cada vez que un axente dos corpos e forzas de seguridade ou dos servizos fiscais (CFSSF) entre nun organismo, sobre todo municipal, van empezar a saír papeis ou mesmo funcionarios ou cargos electos polas ventás, de momento das plantas baixas. Non, non é que todos os concellos vaian ser rexistrados, pero digo eu que tamén os axentes das e dos CFSSF terán que pedir permisos para garaxes, ou pagar multas, ou informarse das subvencións ou da normativa de nichos e panteóns, e poderán entrar e saír dos edificios públicos coa roupa de traballo, se aproveitan a hora do almorzo para facer unha xestión. Pois vanse ter que ir afacendo a observar como, en canto entran, os funcionarios se poñen pálidos, collen o teléfono, ou se botan para atrás, deixando acceso expedito a caixóns, arquivos e discos duros. - quizais se dea o caso de que algún empeza a dicir que se fixo o que fixo, que non sabe o que é, foi porque llo mandaron, e que se a súa familia directa traballa no mesmo edificio, non se deu conta ata que coincidiron na comida de Nadal.

Ao paso que vamos, aquel furor telefonandi que caracterizaba aos políticos, sempre cunha orella pegada ao aparello, será cousa do pasado, como o puro encaixado na dentamia.

Os representantes da cidadanía, temerosos de que as súas conversas telefónicas, inocuas ou non, anden logo transcritas primeiro en papel de oficio e despois en papel de periódico, comunicaranse mediante pizzini como fan uns señores maiores en Sicilia e os adolescentes nas aulas. Os balances das compañías telefónicas sufrirán os efectos negativos da ausencia daquelas conversas desenfreadas de móbiles corporativos.

Ao paso que vamos, nas conversas entre xuíces e xuízas vanse deixar caer ferretes tipo:

-Y tú, ¿no tienes nada en perspectiva?

-Es que yo no imputo así como así. Si hay que instruir, se instruye, o si hay que incoar, se incoa, pero vamos, así porque sí... -No, yo tampoco, es que hay cada uno que imputa a todo lo que se mueve.

-Ya, pero la verdad es que pasa cada cosa que, vamos...

Ao paso que vamos, e tendo en conta que comezamos en Carioca, seguimos en Campeón, logo en Pokemon e de aí fomos dexenerando en Manga, Pikachu, Patos... as operacións xudiciais irán bautizándose con nomes progresivamente máis ridículos, por imposible que pareza, ata caer en Nene, caca ou similares, co que persistirán a tolerancia social da corrupción, a mala percepción da xustiza e a crecente aversión aos medios.

Por favor, boten man dalgún poeta, creativo publicitario ou similares para que escollan nomes. Ou o santo do día (Santa Inés Cao Kuiying, San Suitberto e San Siviardo, miren que bonitos nomes había para escoller hoxe). Ou o ordenador ese que lle pon nome aos ciclóns e cicloxéneses.

Ao paso que vamos, non sei onde iremos parar, ou o que é peor, se pararemos sequera. Ou moito peor aínda: que descubramos que fixemos tanta viaxe e tanto andamos e total para nada.