O normal e lóxico, nas partes do mundo onde hai civilización (boa parte de Europa, Canadá e zonas moi concretas e illadas do resto de América), é que quen meta a pata no cumprimento do seu cometido, lle diga a quen llo encomendou que: A. Non sei aínda como pasou, pero voume enterar e procurar que non volva pasar (isto só sirve para unha vez). B. Estouche moi agradecido pola confianza, pero xa viches o que pasou, ou sexa que ti mesmo. C. Pasou o que pasou, e volverá pasar mentres non se tomen as medidas 1,2 e 3. Se o fracasado é un cargo público presenta a súa dimisión ante quen o nomeou, o seu xefe ou o electorado, e se é privado, o mesmo, ante o seu xefe ou ante os accionistas. Aquí, por moito que no portal lle acaben de deixar propaganda ofrecéndolle comprar un smartTV, de 42", e se decide mercalo, poida usar o móbil para facer unha transferencia bancaria, o da civilización é relativo. Aquí o que se leva é o estilo carracha. Quen chega a un posto morde nel de forma que se turras, a maioría das veces sácaslle a cabeza antes que o cargo.

O caso máis salientable é o de Juan Carlos I, que levaba tempo sen dar pe con bóla, converténdose en materia de estudo nos ámbitos da Política, a Socioloxía e a Comunicación como un caso extremo de caída en barrena dunha institución e de quen a encarna. A diferencia da súa prima Elisabeth II de Gran Bretaña, era el o que levaba uns annus horribilis, non soamente a Casa Real. Pero claro, a vantaxe dos reis é que non teñen a quen renunciarlle, porque o cargo veulle de seu pai, ou súa nai (aínda que no caso que nos ocupa, veulle de Ferrol, del Ferrol del Caudillo, máis exactamente), e son eles quen escollen aos candidatos a suplilos, así que están o tempo que lles pete, así chova ou trone. Que llo digan a Carlos de Inglaterra, que é só dez anos máis novo que o rei español saínte e aínda está quentando banquillo e con poucas posibilidades de chegar a tocar trono.

Pero non se trata de facer un menosprezo de Corte (con perdón) e alabanza de aldea (con perdón outra vez). O caso de Compostela é cuspido, e iso que non se trata de desprenderse dunha coroa, aínda que sexa deixando á familia colocada, senón dunha alcaldía, que tampouco parece tanta cousa. O primeiro en ocupar o cargo, Conde Roa, xa tivera que saír de mala forma, e non porque se lle ocorrera a el, senón porque o convenceron para que se fose. Quero dicir que o seu substituto, Ángel Currás, aínda que non estea moi ao tanto dos usos e costumes da política na parte civilizada do planeta, tiña claro o exemplo do que tiña que facer. Claro que quizais foi iso. Os nenos fan o que ven na casa, e o que fixo Currás foi repetir ao detalle a actitude do seu antecesor. O de quedar de concelleiro pode ser un detalle persoal.

Creo que Vicente del Bosque terá máis decencia. Para que logo digan do fútbol.