Prezada Administración pública de Galicia: teño a honra de denunciar que o pasado luns día 14 de xullo, na peaxe situada no kilómetro/saída 168 da E1-AP-9, en dirección Tui/Portugal, sendo as 19.40 horas, en ningunha das sete liñas ou carrís habilitados había cobrador humano ningún. Había, creo, dous carrís dispostos para telepeaxe, tres inhabilitados, un rotulado como "automático" (agora chámanlle con toda a cara, "pago fácil": se fose fácil non terían que poñer de cando en vez a un empregado a axudar aos usuarios, o máis fácil é darlle os cartos ou a tarxeta a unha persoa e agardar a volta) e noutro supoñíase que era dos de xente. Pois como reitero, estimada Administración Autonómica, ás 19.40 horas do 14 de xullo de 2014 non había ninguén, circunstancia que coido que é punible, polo que segundo as instrucións emanadas do noso común presidente, Alberto Núñez Feijóo, póñoo no seu coñecemento para que lles dean onde a eles a nós máis nos doe, no peto. Seu afectísimo, etc.

A verdade é que a miña primeira intención foi contalo en Twitter, por se alguén que non estivese conducindo puidese facer algo útil con esa información. Pero estaba conducindo, e chegaba tarde a unha cea hora portuguesa na que por fin ía coñecer o espléndido ambiente do Amândio de Caminha e non era cousa de andar parando a fedellar na pantalla. Tamén estiven tentado a contarllo logo ás peaxistas e peaxistosempolingados nas súas peañas aos que, na volta, lles fun dando relixiosamente os meus cuantiosos óbolos ao progreso e ás infraestruturas feitas con diñeiro público e agora en mans das empresas privadas. Pero dixen para min que quen ía saber de sobra mellor ca eles cando as cabinas estaban ou non atendidas, e a quen llo ían contar. Así que case rebento de felicidade cando o presidente da Xunta animou á cidadanía a denunciar á Audasa, a empresa eterna propietaria da concesión.

Non sei se vale con que eu o poña aquí, ou teño que presentar un papel en algures. En realidade, agora que o penso, a denuncia teríaa que presentar eu se fose o prexudicado, pero o que estou a revelar é un incumprimento dunha normativa, polo que debería chegar coa denuncia pública para compensar a falta de celo (ou de xente que vixíe as infraccións) da Administración. De feito, suponse que para iso pagamos impostos, para que nos defendan. Aínda que falando de pagar, creo que a autoestrada esta xa a debemos pagar como dez veces nos 35 anos que levamos desde que se inaugurou o primeiro tramo, A Barcala-Santiago Norte. En 1984, o Goberno tivo que nacionalizar aquela e outras vías de peaxe porque as concesionarias estaban na ruína. No ano 2000 xa a tiñamos máis que amortizada e a piques de caducar a concesión, cando o goberno de José María Aznar a renovou. En 2003, como xa daba beneficios, e como ter infraestruturas públicas, por moi xestionadas e espremidas que estean por unha empresa privada son o máis parecido ao comunismo que hai, vendeuna a outros señores cos que compartía palco no Bernabéu. Agora están pensando nacionalizar 9 autoestradas radiais en Madrid que están na ruína. Que non se preocupen os arruinados, que en dez anos xa as teñen de oferta.