A min o vídeo co que as autoridades coruñesas pretenden mostrar como vai quedar a Mariña e a "Nueva Coruña" en xeral, paréceme excelente. Non o audiovisual en si -que non pasa de apañadito-, é que me parece soberbia a forma en que pon de manifesto a idea de cidade subxacente dos promotores do asunto: os coruñeses como clientes, non como veciños ou cidadáns. Os clientes son eses seres míticos, mozos e mozas riquiños de todo, que nos anuncios de móbiles andan pegando chimpos e sorrindo sen motivo aparente ningún, ou que fan a compra como se fose o mellor que lles pasa no día. Soamente a un coruñés ou coruñesa mítica se lle ocorre atravesar explanadas como as dos vídeos, arrasadas pola chuvia e o vento nove meses ao ano e torradas polo sol e quizais polo vento os outros tres.

Non sei que teima teñen os arquitectos que interveñen na Coruña coas explanadas. Xa é o segundo intento, despois daquel Plan Bofill, hai unha chea de anos, de urbanizar a Mariña, dándolle máis espazo de uso de ocio e lecer, sinónimos de aproveitamento comercial e hostaleiro. E todo a uns metros dunhas rúas comerciais que están morrendo de morte matada. O uso práctico das tales explanadas pódese comprobar na que crearon na terminal de Alvedro: ningún, quitado coller catarros. (Sobre os demais aspectos do vídeo, non deixa de ser pavero que primeiro se faga de Culleredo e os arredores da cidade en xeral unha selva de edificios para acoller aos expulsados pola política inmobiliaria da Coruña, e agora se converta nun bosque verde. Afortunadamente, na ficción audiovisual os habitantes da fraga non saímos de bosquimanos en taparrabos ou traxe arborícola semellante).

Ao mellor non é cuestión dos arquitectos, senón dese andazo mediterráneo que sempre afectou a moitos munícipes galegos, empezando por aquel que inventou o de "Sanxenxo, la Marbella gallega" (sen imaxinar en que ía dar o de Marbella), e rematando pola "falla" de Riazor. Gracias a ela, parece que "San Juan" é un referente, din, "nacional e internacional". Non digo que non. Un coñecido catalán preguntoume se os poboados lapóns eran moi tradicionais na Coruña, que lle parecía moi raro, pero que vira unha publicidade promovendo o asunto. Non hai que desesperar que, convenientemente aguilloado promocionalmente, haxa quen prefira visitar unha Laponia de pega a golpe de Shangai Expreso, sen pasar tanto frío téndose que desprazar ao norte de Noruega a ver a verdadeira.

Non obstante, dos tres escritores británicos que sei que viven na Coruña, David Clark, Craig Patterson e John Barlow, a ningún lle parece chamar a atención ningún deses fenómenos do cosmopolitismo. Clark traduciu ao galego da Costa da Morte contos de Irvine Welsh, Patterson está a rematar a edición inglesa de Sempre en Galiza, e Barlow leva xa dúas edicións, no Reino Unido e EEUU, de Everything but the squeal, o seu libro sobre comer porco en Galicia. Quizais porque o natural é que a quen lle interesen Marbella ou as explanadas vaia a Marbella ou onde sempre houbo explanadas, en vez de traer aquí calquera das dúas cousas. Como se xustificou o alcalde que remodelou a praza de Pontevedra nos anos 60, paseando un día por ela cun amigo: "¡Con lo bien que quedaba en la maqueta...!"