Con qué se salgará. Copiareino completo como di a Biblia: "Vós sodes o sal da terra. Pero se o sal se volve insulso, con que se vai salgar? Para nada vale xa, senón para tirar con el e que o pise a xente".

Volvemos sobre a corrupción. Xa temos falado deste tema, pero cada día aparecen novos casos. Corromper ten varios sinónimos de aí a riqueza desta palabra: descompor, descompoñer, estragar, podrecer, apodrentar; corromper tamén significa subornar, crispar, irritar, exasperar, comprar (quebrantar a moral dos funcionarios)... corromperse, perverterse; ó primeiro parecía moi honrado, pero despois corrompeuse.

E repasando a historia verbo da corrupción, tan antiga como a humanidade, dicía Bolivar, o Libertador, "en temas de disciplina son inflexible", frase que tiñamos escrita no frontispicio do Colexio Militarizado, do que fun director. E polo que temos lido del en canto a corrupción tamén era inflexible cos seus colegas xenerais. De aí que morreu pobre na casa dun español. Non como o venezolano Pérez Jiménez, o cubano Batista, o nicaraguano Somoza, o arxentino Menen,... e tantos outros corruptos e ricos ata a terceira e cuarta xeración. E os de agora?

Non hai un día que non nos ergamos a ver con qué novo descubrimento de corrupción ou mordida nos sorprende certa prensa que non está vendida ó poder, ós corruptos. Por que non toda a prensa descobre estes ataques á propiedade de todos? Por que os gobernos non actúan con máis rapidez contra a corrupción? Non se debe subestimar a tentación que a cobiza supón para calquera persoa e, sobre todo, para quen ocupa e ocupan durante moitos anos cargos de responsabilidade.

Facer xustiza contra o poder é unha medida política. Que lles parece? Porque o fiscal cumpriu co seu deber contra os abusos que estes eternos detentores do poder... deputados, alcaldes, etc... veñen vulnerando (agora igual, amparándose na democracia) os dereitos elementais do pobo inerme. Senón tense que axuizar todo. O diñeiro esperta moitas apetencias.

Mentres o sal que é a xustiza non se corrompa, nin a Igrexa, nin a educación, nin a policía, nin os militares... podemos estar tranquilos. Pero os exemplos que ata agora deron moitos pertencentes a estes gremios non lles son favorables, e unha nube de pesimismo, como unha espada de Damocles, pende sobre as nosas cabezas.

E xa os partidarios de tapalo todo empezan a falar de xuíces e fiscais estrelas. Miserables!, porque cumpren co seu deber caia quen caia. Estaban mal acostumados. Son xa moi poucos os que custodian o seu diñeiro na casa, porque todos saben que "diñeiro no arcón, diñeiro capón".

Os periodistas son as testemuñas do seu tempo. Son por antonomasia os loitadores contra a corrupción. E sen liberdade de prensa non pode haber loita. Porque sabemos, segundo a meirande parte dos medios de comunicación, que a corrupción o impregna ou empapa todo. A algo podrecido cheira en Madrid, din os políticos. É un tema de actualidade aínda que tan antiga como a humanidade, como dixen máis arriba.

A corrupción compra os votos dos políticos, compra as conciencias, en fin o diñeiro compra os silencios, o poder, as mulleres, a gloria, o pracer. Paga pola guerra, polo crime. O diñeiro fai e desfai os ídolos, as relacións, a boa sona. O diñeiro non dá a felicidade, pero contribúe a ela. Permíteo todo.

Por iso o mellor antídoto contra a corrupción son os xornalistas con liberdade de prensa, porque a liberdade de prensa é a esencia da vida para calquera democracia. Tanta importancia lle daba ós xornais aquel gran presidente estadounidense Jefferson: "Se tivese que decidir entre un goberno sen prensa e unha prensa sen goberno, elixiría o último, sen dúbida".

Hai que varrer España dos corruptos, aínda que sexa coa pluma, que ten que facer de panca de Arquímedes que moveu o mundo.