Ao falar de canto atinxe a Galiza, canto significa a dignificación dun pobo maltratado por si mesmo, que ignora o seu pasado e as súas posibilidades, sempre virá a lembranza a vida e a obra de Castelao. Il, co don da comunicación, abriu sucos e fixo sementeira alí onde cumpría, o que prendeu nalgúns inquedos mociños de entón. Velaí a Maside, a Seoane ou a Díaz Pardo, que transcenden do enredo das palabras, dos cenáculos, das academias, da teoría de "mesacamilla", para saír de círculos pechados, anestesiados, culturalistas, de intelectuais para intelectuais e facer. E fixeron até onde puideron, crearon o "Laboratorio de Formas" para deseñar, exportar e levar a mellor imaxe de Galiza, ós bazares, ás casas? Mais velaí que, ó cabo do tempo, visto o que se ve, semella non entenderse nada daquela filosofía con espírito de Terra e "celme de tradición", a que impregnaba as súas obras con orixe, con orixinalidade, respectando a intelixencia do cliente, nada que ver coa aséptica produción pola produción, mercadorías sen espírito. Nese matinar e moito antes que outros pobos, buscábase un estilo, un xeito de facer, códigos con distinción, herdos de Galiza sobre os que "re-crear", cos que artellar a tradición coa innovación, coa arte, facer industria e crear porvir. Inversión en Galiza. Así é que arredor das "Industrias da Memoria", como o "Castro" e "Sargadelos", sumáronse científicos e creadores, experimentouse, discorreuse, concluíuse e creouse un novo Seminario de Estudos Galegos, o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, a Editorial do Castro, entendeuse a necesidade dun Instituto Galego da Información, xa que una cultura non ten vida se non ten medios de comunicación propios, con ética e estética? e nos arrabaldes de Compostela, en San Marcos, construíuse o edificio que sería do IGI, no que se recluíu até o fin, coa súa teima, entre a dispersión de cerimonias de medallas, o mago necesario de Isaac Díaz Pardo. Supoño que estes "históricos" fracasos explicaranse, buscaráselle as causas, para servir de exemplo nas facultades dos campus galegos.

Entre o esquecido e a permanente borralla do esperpento, Castelao buscou e tentou un estilo de letra galega para unha tipografía do abecedario propio, uns modelos de caracteres inspirados en letras históricas e mesmo na cor, que identificaran Galiza a un solo pulo da ollada. Todo dentro dese compromiso vangardista, ético e estético de arte e compromiso, de arte e galeguismo. Castelao bebeu nas Fontis Galleciae, meteuse en arqueoloxía, en paleografía e epigrafía, entre pergameos, códices, diplomas e labras, as máis delas funerarias. Así creou un abecedario identificativo en "estilo galego", en cor vermella, común, e con eles imprentáronse os títulos das súas obra. Moitos tomaron nota e colléronos para ilustrar, para carteis, para rótulos comerciais? outros, recentemente, cando se busca para difusión turística un selo propio, a marca de calidade, de procedencia, un marketing comercial, ignoraron a Historia e fixeron o de sempre, reunirse para as seguintes reunións e inventar a pólvora, inspirándose en catálogos tipográficos gaélicos, dos que de vello presumen irlandeses ou

escoceses.

Despois, os vascos, orgullosos e coidadosos dos seus herdos foron espallando a súa identidade e xeito de facer sólido e contundente, o idioma, o acento, as súas cores vivas, esas formas como traballadas a golpe de macheta de aizkolari. Xeitos identitarios que cultivaron ós seus escultores, formas cheas de simbolismo panteísta, telúrico. Sobre iso reflexionou o escultor Xurxo Oteiza en Quosque tándem. Por aquí, aínda que fomos pioneiros e fecundos en teoría e tentativas, pola contra quedamos atrás, maleducouse e deixámonos arrastrar por novos esperpentos e tonechadas, nada constructivos e cos que afianzar unha cativa, perniciosa, perxudicial imaxe dos "gallegos".

No medievo Galiza abría camiños e portos, marcaba pautas, Compostela e a súa catedral eran un un dos embigos do mundo, en relación de intereses comúns coa Aquitania, Borgoña coa Provenza? co mundo máis culto de entón. Como proba a música, a literatura, a liturxia, cando trobeiros e xograres animan salóns e prazas tocando e recitando cantigas de amigo e maldicer, cantando panxoliñas e vilancicos... onde trunfa a arte románica, a mendicante, con moitos templos e mosteiros que servirán de panteón para egoístas fidalgos batalladores, comerciantes ou peregrinos que querían eternizarse en sartegos labrados en pedra. Iso si cos seus epitafios no idioma de moda, en galego e a característica letra da época. Sobre esa soleira e e con ansias de futuro fundamentou Castelao o seu e noso Sempre en Galiza, un novo punto de partida no que seguir a desenrolar a espiral do progreso do pobo galego. Mesmo a súa afinada sensibilidade arqueolóxica levouno a reparar e afondar en documentos, epitafios, cartelas de tumbas, en San Francisco de Pontevedra, na do seu veciño rianxeiro Paio Gómez Mariño, almirante e conquistador de Sevilla, pero sobre todo poeta; tamén nese museo de sartegos que é a Igrexa de San Francisco de Betanzos co emblemático de Fernán Pérez de Andrade, alcumado o Bo, pese a sumarse a construír imperios con Enrique de Trastámara. Entre outros epígrafes repartidos por colexiatas da beiramar, polas Mariñas dos Condes e dos Frades, por Monfero, Montefaro, como o referido a Roi Xordo das Mariñas, hoxe no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, con escrito labrado nese estilo gótico propio, solemne e humilde a un tempo, en galego, para entrar na eternidade sendo de onde se é e como se é. Castelao detívose neste tempo do século XV, pese a ser de repartos, conquistas e misións, herdeiro dos séculos das cantigas, do Rei Sabio e de Don Dinis, tamén expansionistas. No século XV Fernán Pérez de Andrade, humanista, mecenas, pero tamén batallador, igual que os Soutomaior que tanto pesaba, tomaron como seu o galego e un estilo gótico galo, "afrancesado", con certo charmais borgoñón, que superaba á arcaica caligrafía "visigoda redonda" hispana, de herdos romanos e de "patas de mosca". Algo que xa no século XII tentaran os amanuenses "escriptores" de Alfonso VI e das súas poderosas fillas, Tereixa e Urraca, casadas con borgoñóns, as que, cos seus fillos fixeron partixas de dous imperios e dous idiomas, bendicidos e fendidos pola espada e pola cruz.

Teño falado sobre o estilo de letras galegas, alá polos oitenta, co debuxante, alumno de Castelao no Instituto de Pontevedra e sempre estremecido polo asasinato de Bóveda, o vello Xosé Sesto López, incluso "obrigueino" a facer uns murais de quita e pon para o Museo Arqueolóxico da Coruña albergado no Castelo de San Antón e tamén púxeno a traballar no estilo dun abecedario de "letras galegas" unciais, iso si a partires dos modelos de Castelao, as que sempre farían falla e coido que hoxe na era das comunicación moito máis.

Pese a tanta invasión uniformadora, cada terra e cada tempo ten o seu estilo, a moda, un xeito de ADN das formas que nos identifica e nos etiqueta para despois. Certo tamén que asumir estas cuestións de penas e glorias, de egos, leiras e imperios é un principio teórico para comezar a darlle voltas a nosa Historia e sobre ela a facer una nova, pero con "bo facer", marca de orixe, con ética e estética e iso dobra o valor.