Lamento de entrada non estar de humor. De verdade que desfruto quitándolle ferro ás cousas sen por iso despoxalas do aguillón que deben ter -senón, para que escribimos?-. Pero no caso da auxiliar de enfermería contaxiada de ébola non podo. Nin humor, nin aguillón, nin farrapos de gaita. Como escribía o xornalista P.J. O'Rourke da Filipinas da ditadura, "aquí nada de 'a situación é moi complexa9. Dan ganas de cravar a Ferdinand Marcos polas orellas ao parachoques dunha furgoneta a arrastralo polas rúas de Manila". Eu nunca estiven na Manila da ditadura, pero O'Rourke tampouco está no Madrid disto que temos agora, un réxime político que a definición que mellor lle acae é unha demodura, unha democracia que rima con varias cousas, entre elas caradura.

A culpa do Prestige foi do barco e agora tena a enfermeira, din velada ou explicitamente autoridades ou partidarios seus, dependendo do nivel mental. Efectivamente. Igual que todas as vítimas de accidentes laborais, en terra ou mar. Culpa de estar traballando onde non debían. Non creo que ao próximo antidisturbios descalabrado dunha pedrada o critiquen por non saber poñer o casco. Coa diferencia de que a pedra é ben máis grande, e vese vir mellor que o virus para tornar dela. En canto ao famoso protocolo de atención, debe consistir en poñerse alerta se o sospeitoso é negro. Circunstancia rara, porque quitado persoal de embaixadas, xogadores e baloncesto e así, os migrantes de a pé non teñen asistencia sanitaria de balde. Sendo branco, se a unha enfermeira que estivo en contacto dúas veces con alguén morto por ébola a tratan con esa displicencia, imaxinen se unicamente vés con algo de febre dunha viaxe por África, ou despois de rozarte cun pasaxeiro en tránsito Liberia-New York. O caso é que grazas á excelente xestión de Gallardón (si, foi presidente rexional) e Esperanza Aguirre (que eliminou por exemplo o departamento de Salud Pública) os que foron os mellores hospitais de España no franquismo -grandes, moitos máis non había- e que pasaron á sanidade madrileña, agora son niños de precariedade.

Pero se as autoridades teñen o seu pesado fardo de culpabilidade, os medios de comunicación temos outro saco, e non dos pequenos. En realidade é moi importante facer saber a todo o mundo que a contaxiada é Teresa Romero Ramos, e non Teresa R.R.? Necesitamos dar publicidade ao seu álbum de fotos de Facebook? Ela, ou calquera persoa, subiunas alí para que as viran os seus amigos ou para que fosen pasto da curiosidade morbosa de quen quere saber a pinta da apestada? E en particular, querería que unha foto na que sae escarranchada no sofá, que ninguén poñería nin riba do televisor, presidira a portadado que pasa por periódico de referencia de España? E que grandes declaracións agardamos dunha pobre señora de 80 anos de Becerreá á que lle está moi grave a filla -de feito, un periódico que antes era de dereitas, pero serio, xa publicou que a incinerarán sen facerlle a autopsia- para sitiar a súa casa, mentres aturamos que o presidente do Goberno non conteste preguntas?

Onde se devolve o pasaporte, por favor?