Cando trincan a alguén coas mans manchadas de sangue, sempre hai un veciño ou veciña de garda que asegura que ou ben quen o diría, que era moi normaliño e sempre saudaba, ou ben que era moi calado, pero claro, quen ía sospeitar que... É curioso, porque despois todos escoitamos a todos falar a coñecidos que aseguran ter auténticos psicópatas vivindo nas proximidades. Deben ser psicópatas en estado larvario. Cos que acusan de delitos que antes se chamaban "de guante blanco", ata que a propia denominación empezou a ser ofensiva en si mesma, ninguén di que vaia sorpresa, nin parece mentira nin nada diso. Porque case todos sabían, e case todos calaban, o que pasaba. Poñamos por caso, o empresario coruñés, dirixente veciñal e tramitador de subvencións compulsivo Gerardo Crespo, como máis coñecido e singular dos sete imputados por defraudar presuntamente 20 millóns de euros en cursos de formación.

"Buenoooo, menudo". É o comentario máis escoitado nos círculos de empresarios nos que poño a orella. Sen ser un frecuentador habitual dese ecosistema, eu xa me dera de conta do espelido que era o home cando como presidente da Asociación de Vecinos del Ensanche fixera unhas declaracións contra a galeguización do nomenclátor, compatibles con apañar máis subvencións por normalización que a CIG. Entre elas unha para poñer unha versión en galego da web veciñal (nunca tal pasou) e outra, de 700 euros, para facer un roteiro para amas de casa polos lugares do Ensanche relacionados coas Letras Galegas (O Facho ou Alexandre Bóveda faríanllo pola metade e convidarían ás señoras a un café, a maiores). Igualmente, unha vez un membro do xurado que concedía eses premios de Coruñés del Año, que tanto bombo supoñían, queixóuseme pola decisión, non do elixido, senón de ter coñecido o fallo pola prensa, porque non se reuniran nunha. Nin sequera lle pediran a opinión por WhatsApp.

Con este nivel de trapallada, montando media ducia de empresas e cuarto de asociacións gremiais, argallando cursos de formación que certificaba unha das sociedades propias, levantaron, segundo a xuíz, 21 millóns de euros. 21 millóns non é nada para investilos en formación, pero son un disparate concederllos a un conxunto de empresas, en boa parte coa mesma sede social, sen que ninguén inspeccione o resultado. Iso, que non se inspeccione, e que sexan "os cargos políticos os que decidan a quen se paga oucando" sorprende moito aos investigadores. Os investigadores estes deben acabar de saír da academia. Non saben que precisamente o que determina as concesións non son os pregos de ídem, senón o acceso aos despachos (ou ao palco do Real Madrid). Nese aspecto é simbólica a foto de Crespo, todo sorrinte, con medio goberno detrás, en concreto Montoro e Rajoy. Son eles como podían ser outros.

Crespo caeu en desgracia. Tocoulle. A outros non. A Cámara de Cuentas de Madrid descubriu que a metade dos máis que elevados salarios dos altos cargos da Confederación Empresarial Madrileña (CEIM) pagábanse con fondos públicos, destinados a formación. Dos 358.000 euros que cobraba o secretario xeral, por exemplo, un terzo viñan de subvencións. Por lei, so o 10% das axudas poden ir a gastos que non sexan de docencia. Pero a dirección da CEIM dixo que era legal, e non pasou nada. Para algo pisan despachos e o palco do Real Madrid.