Esa debilidade polos pillabáns arraigada de sempre no carácter ibérico encarnouse no caso do chamado "pequeno Nicolás". (Por certo, pequeno? Con 19 anos? Se estivese rompendo cristais sería un antisistema perigoso). Ese pimpín con cara de leite fervido que se fixo pasar por dirixente do PP, espía, alto cargo do goberno e confidente da Casa Real, segundo lle cadraba ou lle petaba. Que furou por onde quixo, sentouse con quen lle prestaba e, en resumo podía dicir, como o Don Juan de Zorrilla, "yo a los palacios subí / yo los claustros escalé /y en todas partes dejé / memoria amarga de mí". Pois a min, gracia, ningunha. Máis ben paréceme un caso grave que demostra ata que punto este país está igual ou peor organizado que a Sudáfrica onde un señor que non andaba moi ben da cabeza, ou non apartaba moito dos coches, que din en Malpica, se colou como intérprete de signos a carón de Obama no acto de homenaxe a Mandela.

Porque aquel señor gordocho e calvo non usou nin escoltas armados, nin coches de alta gama con luces desas azuis que te dan ganas de botarte da carretera se te cruzas con elas (un deles, polo menos, propiedade do Ayuntamiento de Madrid), nin prometía contactos coa Corte, nin co Goberno, nin facía informes falsos do Centro Nacional de Inteligencia, nin estafaba a empresarios que logo se negaban a presentar denuncia, pese a palmar 15.000 euros na operación. Thamsanqa Jantjie (que así se chamaba aquel friki sudafricano cun certo aire a Paquirrín, pero en máis negro) tampouco vivía nun chalé propiedade de Kyril de Bulgaria, con escolta permanente. Está claro que neste ambiente onde se vales para sacar fotocopias, ou polo menos para levalas dun lado a outro, empezar a formar parte dunha organización xuvenil, e vas situándote como unha carracha, ou como eses olores a humanidade que emanan das moquetas moi usadas. Coñeces e coñécente, e convérteste en asesor. Mesmo podes cobrar por iso un soldo de 60.000 euros/ano (un conselleiro da Xunta pouco máis gana) nun concello de Madrid sen ter estudios superiores ningúns. Nin puntos no carné de conducir, como Carromero. Nese caso saíu á luz por ese accidente, pero cantos outros hai, nos grandes partidos, de rapaces criados na casa-cuna da organización cos biberóns dos fondos públicos.

Así que un lampantín coma este camuflábase na paisaxe madrileña, pero, como se falsifica un permiso para entrar co coche na Moncloa? E de onde se saca o modelo para facer os informes falsos do CNI?, báixanse de internet? E as placas auténticas da Garda Civil e da Policía Municipal de Madrid que tiña na casa, mercounas en Amazon? E so, como di a xuíza "con mera palabrería"? Como no chiste do sancristán, chega con teimar moito para que che deixen un DNI falsificado como o que usou para dar entrado na universidade. Unha posible explicación é que o avó co que vive Francisco Nicolás Gómez Iglesias sexa, como apuntaron en La Marea, o excapitán golpistado 23F, membro do CESID, Vicente Gómez Iglesias. Pero para que buscar explicacións, se xa temos a da palabrería e outro pillabán candidato a "príncipe del pueblo".