Cayetana tenía una grandeza, y una magnanimidad...", "una sencillez y una campechanía", "estaba muy cerca del pueblo llano, le encantaba lo popular", "era duquesa, pero no buscaba los privilegios", "era muy castiza y muy española"... Abres un medio e é como se abriras as comportas do embalse de Belesar, pero en vez do río Miño estivera represada unha morea de baba ducal. Parece ser que xa asentado o século XXI hai quen se marabilla de que os aristócratas non anden cruzándolle a cara coa fusta aos súbditos. Chámalles a atención que beban e coman como o resto dos mortais, e mesmo fagan o parvo como os demais cando se exceden no de comer e/ou beber. Pasman de que non anden presumindo de propiedades, como fan os que se fixeron cun apartamento en Torrevieja (Alicante), ou cun adosado en Costa Golf (Miño).

Sinceramente, a min paréceme tirar unha vida. Naces -con 14 nomes no DNI- nun ambiente no que tes un parente que se chama Winston (Churchill). Tes unha compañeira de xogos que acaba sendo Isabel (2) de Gran Bretaña. Podes permitirte negarte a que Picasso che pinte encoira (o que quere dicir que hai confianza) como Goya a unha antecesora. Se queres xogar aos castelos non fai falta que os montes no teu cuarto, telos a tamaño natural ciscados por todo o país. E os cadros que hai nas túas casas non son precisamente eses clásicos do fogar da última cea de baixorrelevo en latón e o do cervo no luar. E todo iso para acabar como Belén Esteban, asaltada ao saír de casa, criticando a parellas, noras ou xenros? Por aí adiante, moita da xente que non busca privilexios -porque xa os ten, por méritos ou herdanza- ten a curiosa idea de facer partícipe a sociedade da súa fortuna dalgunha maneira. Aquí, o que espertan é devoción.

"Adios a la Duquesa del Pueblo, alma libre q hizo del amor y del arte su bandera, taurina, flamenca, bética y enamorada d Andalucia, DEP", dícía no seu Twitter o cantante (é cantante, non?) José Manuel Soto. "Dios la tenga a su vera, querida Duquesa. Siempre recordaré con mucho cariño la amistad y admiración tan bonita que tenía con mi familia", pregaba o toureiro Pepe Luis Vázquez. Mesmo lle renderon pleitesía políticos que van de duros: "Era unamujer muy libre y muy valiente. Se puso el mundo por montera desde que era jovencita hasta el final de su vida" (Alfonso Guerra)."Una mujer que se puso el mundo por montera y que demostró que le importaba más estar a gusto consigo mismo y hacer las cosas que ella le creía que tenía que hacer que las convencionessociales" (Rosa Díez).

Pensei que o da "montera" era polo devota que era dos touros, pero non. O sindicato de Técnicos de Facenda calculou que o 90% do patrimonio da Casa de Alba (entre 2.200 e 3.200 millóns de euros) está exento do pago de impostos pola súa consideración de Patrimonio Histórico e pola cesión de obras de arte á Fundación Casa de Alba. Como a maioría dos herdeiros de Cayetana Fitz-James Stuart y Silva residen na Comunidad de Madrid, e alí o imposto de sucesións está bonificado ao 99%, dos 3.200 millónssó pagarán ao fisco seis millóns,o que supón un tipo efectivo do 0,2%. Xa sabemos por que se poñía o mundo por monteira.