O inverno acúrtase e adórnase en festas e velaquí o celebrado tempo do Nadal, arredor do solsticio de inverno, envolto en antigas tradicións, agora disfrazadas polo bulideiro consumo. Fastos que teñen como escenario a casa e a urbe, engalanada de natureza e artificio, entre verde, roxo e estrelas de purpurina. Adornos con mercado propio de ilusións nas prazas e nos bazares, cada vez máis chinos. Todo tenta ser cántico, conto, cor e luz en tempo murcho, unha panxoliña á vida, á concordia e á Paz. Alégranse as caras para seducir. E estas cousas veñen de moi atrás.

Entre a materia prima esencial para o ornamento do tempo do Nadal compre non confundir ó semiparasitario, sacro e escaso visgo co máis abundante acivro. O acivro con bolechas roxas, follas verdes, como en mestura de paixón e esperanza, inspirando formas trenzadas, facendo xeometría de croas, grilandas, centros, que cubertos con bolas, estrelas brillantes e outras artificialidades alegran entradas e saídas, os cuartos e salóns da casa. Mesmo a cidade quere ser un escaparate de boa saúde. Escenografía do Nadal, complementada con abetos cubertos de bolas de vidro que teñen orixe en cabazas, mazás, sementes... O acivro substitúe ou compleméntase co máis escaso visgo dos druídas, das meigas e dos magos, tan na tradición céltica. E conseguintemente, pese a ser árbore protexida, intensificase a busca e a corta indiscriminada das súas polas polos lugares fríos das montañas do Norte, en Sanabria, nos Ancares, no Cebreiro, no Courel... atentados que repercuten no futuro, na fauna, na pita do monte, a que se alimenta das pequechas baias roxas.

Nos últimos anos, dentro desa volta á orixe, á orixinalidade, hai quen mima ó acivro nos seus hortos, usado como sebes para marcar propiedade, sabendo da súa dureza, facilidade para o mantemento, así como da súa eficacia e resistencia contra o lume. Mesmo algúns concellos galegos, ben asesorados, toman a iniciativa do acivro ou do loureiro fronte á tulla. Nos países nórdicos o acivro é esencial entre os adornos do Nadal e ofrécese entre un catálogo inmenso de posibilidades, mesturado con outros símbolos de fondas raiceiras célticas, ou viquingas, entre as que non falta a silueta do cervo, os reloxos, as campás e a bonhomía do patrucio barbado Pai do Nadal... Temas de inspiración das que se valeu o cineasta sueco Igmar Bergman e ben expresado no seu laureado filme Fanny e Alexander (1982).

Llex aquifolium, acivro, coñecido tamén como civro, acibeiro ou xardón, dando nome a moitos lugares. Arbusto ou árbore, sempre verde e que , namentres non arraiga, faise de de crecemento lento e que irá collendo forza e mesmo forma piramidal co paso dos anos, chegando a superar os 10 metros de altura e incluso acadar unha vida de centos de anos. Árbore que ofrece moitas variedades, segundo a cor e forma da folla, ovalada, máis verde e brillante na súa mocidade, e agrisada co tempo ou bordeada en branco e rematadas nas características onduladas crebadas en puntas con pinchos, o acer latino e dos que deriva o seu nome. Os exemplares femininos de acivro ofrecen na primavera as pequechiñas flores brancas e das que sairán os seus froitos, esas bagas esféricas que no tempo do Nadal colleran a característica cor roxa brillante, consideradas velenosas entre a tradición. A súa madeira, por ser dura, era noutrora a escolleita no mundo rural para facer os mangos da ferramenta, coitelos, fouciñas, martelos? estimada polos artesáns ebanistas e da marquetería polas súas posibilidades para coller a tintura. As meigas, herdeiras de saberes druídicos coñecían as súas propiedades medicinais e tíñana na súa botica, para sacar dela a Ilicina, con propiedades semellantes ás da quinina... as baias usáronse como purgantes e vomitivos, mentres que as follas son diuréticas e maceradas con viño serven de tonificantes e antiespasmódicas. Sabíamos ben os nenos rurais de noutrora que das súas follas e talos sacábase a "liga" ou visga, usada para caza das aves. No Bestiario medieval coñecese o acivro como "Peridens", o que protexe contra o dragón. Na mitoloxía islámica como a "Árbore de Zaqqum" a que da alimento ós pecadores condenados despois do Xuizo Final? "As súas ramas son espinosas, os froitos amargos que hincharan no no ventre como metal fundido".

Pola contra o visgo Viscum album é planta parasitaria que prende nas polas e copas dos froiteiros e dos carballos, cubrindo, como un manto, as súas ramas murchas, dando vida á morte coas súas follas verdes-marelas e coas súas bagas maduras, como perlas que atraen e nas que pican os paxaros espallando á vez a súa semente. O visgo foi considerado na tradición panteista celta, a dos druídas e das meigas, como unha panacea: repelente dos lobos, protectora contra os estralampos e xunto con outras herbas complementaria na auga da almofía que colle o orballo danoite de San Xoán. Visgo usado na botica antiga da alquimia como diurético, entre outras moitas novas propiedades descubertas agora, como usos pra quimioterapia.

Visgo e acivro foron plantas sagradas para os celtas, coas que se coroaba e adornaba o trono do heroico deus Cúchulainn, "o Aquiles de Erin". Acivro co que facer variñas ou batutas máxicas coas que dirixir. Produto das selvas, dos bosques espesos nos que habitan seres reais e sobrenaturais, trasnos, mouras, bestas do monte, cervos cobras... Á Árbore de Nadal, ten orixe neste culto como consoladora de esperanzas na invernía. Tamén a Cruz identifícase con esa Árbore Redentora, centrando forzas verticais e horizontais, terreais e celestes, con froitos dos que comen as aves e da que foxen as serpes, on troncos, caracochas entre as que se atopan imaxes e polas sobre as que aparecen relucentes Virxes...

Entre tanta invasión mediática e comercial costa atopar a nosa identidade occidental atlántica, "céltica" tamén. E ás veces, as mesmas nosas sabias tradicións sacroprofanas, feitas na encrucillada de culturas, devólvensenos, despois dun longo recorrido, reinterpretadas e comercializadas por por outros pobos, para nos servir simplemente de instintivos consumistas desmemoriados.