Por fin un ano ben ordenado. O principal feito político de 2014, a aparición de Podemos, produciuse o 14 de xaneiro, cando Pablo Iglesias Turrión informou de que lle pediran que se presentara ás eleccións europeas (aos políticos españois nunca os move a ambición, sempre son xente servicial que atende peticións, como os programas radiofónicos de antes). En febreiro, a infanta Cristina foi declarar ao xulgado de Palma, facendo que a sociedade española, logo de descubrir que Marichalar non era o xenro malo (polo menos non era o peor, comparado co guapo) vira que Cristina non era a Infanta lista. Xa na realidade, morren quince pobres homes que querían alcanzar unha vida mellor en Europa a nado desde Ceuta. Para o ministro do Interior, o feito de que mentres tentaban manterse a flote a Garda Civil lles disparase balas de goma non tivo nada que ver con que afogasen.

En marzo, os das pelotas de goma foron brancos e españois, para que se vexa que non hai racismo, pero en seco. No centro de Madrid, cando uns se enlearon coa policía ao final da manifestación de centos de milleiros de persoas das Marchas da Dignidade. O de ter incidencias coa policía pásalle a todo o mundo. En abril, mesmo lle pasou a Esperanza Aguirre, que saíu por patas cando a estaban multando, tirando co multador. Non lle pasou nada, nin agresión/resistencia á autoridade sequera. Menos sorte tivo Ortega Cano, que entrou no caldeiro, despois de marear a perdiz xudicial todo o que puido, a cumprir dous anos e medio por causar unha morte conducindo mamado.

Maio foi, as usual, un mes de acusada tendencia política. Celebráronse as eleccións europeas, e Podemos sacou cinco deputados, pero a todos os efectos todos os tratamentos foron como se as gañaran. Rubalcaba, vendo o que vén, vaise. E unha señora de orde e misa diaria matou a tiros á presidenta da Deputación de León porque levaba anos facéndolle a vida imposible á súa filla. Pero xuño si que ía ser a bomba. Nada máis empezar o mes, e sen avisar sequera, vai o Rei e dimite, aínda que no seu gremio chámanlle abdicar. Así, de golpe (ben, de golpe parece que non foi). Como nese sector o recambio xa está preparado, non acaba o mes e xa toma posesión Felipe VI. No medio, celébrase o Mundial de Brasil e a selección da Federación Española de Fútbol fai o de sempre. Como sempre, gana Alemaña. Os israelís machacan Gaza. O de sempre. Pero iso xa foi en xullo. As novidades nese mes foron que Pedro Sánchez ganou o posto de secretario xeral do PSOE e a relativa sorpresa de que Pujol resulta que tamén mangaba. En agosto, como sempre, non pasou nada. En setembro, en Escocia votan que non á independencia a cambio de maiores competencias e Gallardón vaise coa súa lei do aborto.

Cúmprese o de outubro quente. Unha enfermeira de Becerreá, Teresa Romero, contáxiase de ébola, e o responsable de saúde de Madrid bótalle a culpa. Deteñen ao que fora número 2 de Esperanza Aguirre, Enrique Granados e a 51 máis por integración en organización criminal para roubar. Dentro do mesmo ramo, descóbrese que os membros do consello de administración de Caja Madrid e Bankia tiñan unhas tarxetas black opacas e sen límite. Gran escándalo (o dos 20.000 millóns de pufo da caixa que dirixían, non). Sae á luz o que debería substituír ao oso ese do madroño do escudo do Madrid: el pequeño Nicolás. En novembro, dous millóns de cataláns votaron sobre a independencia, a maioría a favor, pero era unha votación de fogueo. Dimite a ministra Ana Mato. En decembro, EEUU e Cuba establecen relacións diplomáticas, para compensar o da Lei Mordaza que aproban aquí. Pablo Iglesias, que despedira 2013 cunha parodia do discurso real, coincide co diagnóstico do discurso real de 2014.