En qué momento se jodió el Perú?", era a famosa pregunta que se facía Zabalita, o personaxe de Conversación en La Catedral de Mario Vargas Llosa, e que derivou en frase-comodín para describir unha situación sen amaño posible na actualidade, pero que nun momento anterior puido haber esperanzas de que o tivese. Se lles digo a verdade, despois de ver os resultados dunha enquisa do CIS para o Ministerio de Sanidade, estou a punto de preguntarme retoricamente "en que momento se fodeu a igualdade de xénero?", non porque pense que antes a situación fose mellor, senón porque non vexo demasiadas razóns para o optimismo.

O estudio do CIS revela que un de cada tres rapaces, o 33%, dos 15 os 29 anos, considera inevitable ou aceptable "en algunas circunstancias" controlarlle o horario á parella, a relación coa familia ou amizades, deixarlles que estuden ou traballen ou non, e en xeral, dicirlles o que poden facer e o que non. E non hai moita diferenza entre homes e mulleres, elas pensan así un 32% e eles, un 34%. Comparando ese estudo con outro feito hai un ano coa poboación en xeral, resulta que a rapazada -e non tan rapazada, que con vinte e pico xa tes que ir tendo algo de sentido- é máis troglodita que a media. O conxunto das mulleres que atura o que lle boten "en algunas circunstancias" (cales?) son o 29%, mentres so o admiten o 30% dos homes en xeral. Ou sexa a media dos homes é menos comprensivo con ter atada en corto á parella que as rapazas entre os 15 e os 29 anos. Quizais sexa porque os adultos teñen máis experiencia en fracasar nesa manobra ou porque a xuventude é a idade dos namoramentos, e xa dicía Noel Clarasó que cando se fala de estar namorado como un louco esaxérase; en xeral, estase namorado como un tonto. Non por nada, o 73% dos adolescentes din que aprenderon de algún adulto -aínda que é raro que recoñezan esa vía de coñecemento- a mensaxe de que os celos son unha expresión de amor.

O problema é que a sociedade española soamente lle chama "violencia de xénero" a iso que os vellos chamaban "levantar a man". Ás agresións físicas, oponse o 92% dos españois (así e todo, é como para tremer pensando no 8% restante), pero o 38% exculpa aos agresores porque considera que padecen una enfermidade mental, e o 35% di que se ás mulleres as maltratan é porque elas o consenten. Consentir, non, pero denunciar tampouco. Nun macroinforme da UE feito non hai un ano, España era dos países con menor porcentaxe de mulleres que recoñecían ter sido vítimas de violencia de xénero, un 22%, que fai que isto, e Grecia, Portugal ou Polonia, con índices semellantes, parezan paraísos da igualdade comparados cos países nórdicos, onde practicamente as sufriu unha de cada dúas (52% en Dinamarca, 47% en Finlandia e Suecia). O que pasa é que en sociedades máis igualitarias, as mulleres teñen máis claro o que son as condutas violentas.

Se os máis novos son peores ca media, é difícil pensar que o asunto se vai amañar con educación. Case estou por propoñer que, co certificado matrimonial, se lles entregue ás mulleres a licencia de armas. Xa que o machismo non se cura, polo menos darlles unha oportunidade de defenderse.